Viaxaremos á Comarca de Viana, a terra dos Tres
Reinos, na fronteira de Galicia, Castela e Portugal, alí no Concello da
Mezquita, Ana Hermida fará un achegamento ao mundo infantil das moitas e
sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que houbo ao longo da historia.
Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, escritoras, músicas… todas
teñen cabida nesta historia en feminino. Está promovida esta actividade polo
Concello e a Asociación Os Tres Reinos.
domingo, 21 de outubro de 2018
Celebramos o Día da Biblioteca contando "A historia en Feminino" no Concello de A Mezquita
O Concello do Rosal programa "Contando en feminino", contos de igualdade, para celebrar o Día da Biblioteca
Ana Hermida achegará á infancia historias contadas
desde a perspectiva de xénero e igualdade, onde o rol feminino sexa, non o
tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode
cambiar e onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas
mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.
Celebramos así o Día da Biblioteca, porque “houbo un
día no que esa biblioteca non existía. Alguén a soñou, loitou por ela, encheuna
de libros e tamén de soños. Que non haxa un só ser humano conectado ao que foi, ao que é e ao que será. Na túa man hai millóns de mans, estreitando a túa,
acompañándote no camiño. No libro que te espera na mesa de noite ou xunto ao
sofá, hai millóns de libros. Inxenuos ou complexos, humildes ou luxosos. Pero
todos preciosos. Conectados todos por un invisible fío de prata que une man con
man, andel con andel, un fío inacabable e luminoso. Inacabable, e así sexa.
Hoxe é o Día da Biblioteca, que é o mesmo que dicir O día da Luz. Feliz día,
feliz século” (Gonzalo Moure Tenor).
A cita cos contos e coa igualdade será o mércores 24 de outubro ás 11:00 h., con
dúas sesións para o alumnado de infantil e primaria do Cra María Zambrano, na
Biblioteca Pública Municipal do Concello de O Rosal.
mércores, 10 de outubro de 2018
Celebramos o Día das Escritoras na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela con "Palabra de Muller"
A Biblioteca Pública de
Santiago Ánxel Casal celebra o Día das Escritoras co recital “Palabra de muller”,
no que, baixo o tema rebeldes e transgresoras, farase un percorrido pola
obra de mulleres pioneiras, rebeldes, silenciadas, inxustamente tratadas,
incomprensiblemente esquecidas... ás que queremos honrar. Varias mulleres
representativas da cultura e sociedade galegas prestan a súa voz ás escritoras
homenaxeadas. A actividade está dirixida ao público adulto e coordinada por Ana
Hermida, de Lisístrata Asociación.
Este día é unha iniciativa
da Biblioteca Nacional de España (BNE), a Federación Española de Mulleres
Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e a Asociación
Clásicas e Modernas (CyM).
Leremos textos de Teresa
de Jesús, María de Zayas, Juana Manso, Rosalía de Castro, Rosario de Acuña,
Filomena Dato Muruais, Carmen de Burgos, Delmira Agustini, Xela Arias, Victoria
Ocampo, Aurora Bertrana, Luísa Villalta, Magda Donato, Sorne Unzueta Lanzeta
(Utarsus), Begoña Caamaño, Ángela Figuera Aymerich, María Zambrano, Xohana
Torres, Idea Vilariño, Ana María Matute, María Victoria Moreno, Carmen Martín
Gaite, Josefina Aldecoa, Sofía Casanova, Alejandra Pizarnik, Esther Tusquets, Hildegart
Carballeira, María-Mercé Marçal.
Será o luns 15 de outubro ás
19:30 h no salón de actos da Biblioteca, a entrada é libre e gratuíta ata
completar aforamento.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)