martes, 25 de febreiro de 2025

“A historia en Feminino”, a visibilización das mulleres ao longo da historia, chega a Cerceda para conmemorar o 8M "Día Internacional da Muller"

Viaxamos ata Cerceda, na comarca de Ordes, para contar "A historia en Feminino”, alí Ana Hermida fará un achegamento ao alumnado do Ceip Plurilingüe Celso Emilio Ferreiro, das moitas e sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que houbo ao longo da historia. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, deportistas, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino. Actividade organizada pola Anpa Celso Emilio Ferreiro.

O venres 7 de marzo estaremos visibilizando mulleres borradas da historia para o alumnado de infantil e primaria do Ceip de A Silva de Cerceda.

venres, 21 de febreiro de 2025

Mesía conmemora o 8M con "A historia en Feminino"

O Concello de Mesía, na comarca de Ordes, para conmemorar o 8M “Día Internacional da Muller” ten programado entre as súas actividades "A historia en Feminino”, alí Ana Hermida fará un achegamento ao alumnado do Cpi de Xanceda das moitas mulleres sobresaíntes e descoñecidas que houbo ao longo da historia. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, deportistas, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino.

Porque a invisibilización é un xeito de violencia de xénero, estaremos achegando referentes e visibilizando mulleres borradas da historia o xoves 6 de marzo en Mesía.

luns, 17 de febreiro de 2025

Día de Rosalía en Arteixo

O día 23 de febreiro ás 13:00 h. no entorno do CCC de Arteixo "Manuel Murguía" e diante da Filla da "Figueira de Rosalía", celebraremos á Nai das nosas letras cun sinxelo acto, onde a veciñanza será a protagonista. Saúde e Terra!

Achégate e fai unha lectura da súa obra, podes traer ti o texto ou elixir entre os que nós teremos para que elixas. O acto dará comezo con Ana Hermida que dará lectura ao manifesto da AELG elaborado este ano por Marga do Val, para continuar coas lecturas da obra rosaliana por parte de todas aquelas persoas que queiran participar. 

sábado, 1 de febreiro de 2025

"A Vociferante da Baiuca", a cultura popular no Arteixo 1900

Ana Hermida na Feira Histórica Arteixo 1900 foi “A Vociferante da Baiuca”, estivo facendo unha homenaxe ao noso Patrimonio Inmaterial e ás mulleres transmisoras do mesmo, proclamando o dereito á dignidade do idioma, literatura oral e música popular de Galicia. A Vociferante da Baiuca levou ao auditorio de Arteixo narracións poéticas, poemas mal mirados, e outras cuestións de contraste, todo coa complicidade do público co que interactuaba.

Despois de pasar un tempo entre risas, o público bateu palmas para acompañar á Vociferante nos seus cantos como fin do espectáculo. Chovía (ironía modo-on), pero xa o facía antes de que a Vociferante comezara a entoar.