martes, 17 de xuño de 2014

Estaremos Contando en feminino para o alumnado de infantil de Ribeira

A mañá do venres será sen dúbida inesquecible, a primeira hora 200 nenas e nenos de primaria, despois chegaralle lo turno aos de infantil, serán 250.

Sei que será ún público delicioso, terán entre catro e oito aniños. Son marabillosos, téñoo comprobado, pórtanse sempre moi ben e ademáis colaboran nos contos e tamén responden debidamente ás cuestións que lles formulo, están moi atentos e á súa curta idade, teñen moi claro o que está ben e o que non o está.

O encontro coa igualdade, cos contos e co alumnado de infantil, será o venres 20 ás 10:00 h. no CEIP O Grupo do Concello de Ribeira.

luns, 16 de xuño de 2014

Festa de fin de curso en Ribeira Contando en feminino

Haberá que madrugar moito, 200 nenas e nenos quererán apurar o último día lectivo, será unha festa chea de contos, historias, divertimento e concienciación na igualdade e violencia de xénero.

A esa idade, terán entre 8 e 12 anos, as súas aportacións e visión dos temas tratados nos contos serán moi interesantes, agardo con impaciencia o debate que sempre hai cando fago este tipo de actividade, é moi enriquecedora.

A cita será o venres 20 ás 09:15 h. no CEIP O Grupo do Concello de Ribeira.

sábado, 14 de xuño de 2014

Lisístrata achegouse a Carnota para Enarborar o bosque

Como cada ano a romaría artística reivindicativa "Enarborar o bosque" foi un éxito, era a súa cuarta edición e xa agardamos a quinta. Este ano a cita era en Carnota onde se xuntaron xentes do mundo da escrita, pintura, fotografía, poesía, contacontos, teatro, música... persoas comprometidas coa causa común da defensa do medio ambiente que aportan a súa arte para facer dese día unha festa, a festa da arte e do compromiso.

Grazas ás persoas encargadas da organización: Inma, Xacobe e Delio, tamén a todas as compañeiras e compañeiros cos que compartín un día fermoso. Comezaba a xornada con esta Lisístrata, que xa de moi cedo arengaba ás mulleres que por alí andaban.

xoves, 12 de xuño de 2014

Estivemos Contando en feminino para as nenas e nenos de Malpica

Nada máis aparecer as nenas e nenos o primeiro que me preguntou un dos máis pequenos foi, "por que se chaman contos de igualdade?", alí comezaron unha serie de preguntas e respostas, a natural curiosidade da rapazada converteuse nun interesante debate sobre a igualdade.

Foi fermoso ver como se interesaban e me dicían que eles tamén colaboraban nos traballos da casa. As nais, avoas, pais e demáis familiares asentían cando as nenas e nenos me respondían. Cando lle preguntei ao rapaz máis pequeniño se el tamén colaboraba asentiu e antes de felicitalo polo seu comportamento e dicirlle que era o normal, o seu irmán díxome "é verdade, el axúdame cos coxíns cando entre os dous facemos as camas". 

É moi gratificante facer cousas para este público, ao final comprometéronse a non ser nunca violentos nin consentir ningún tipo de violencia, eu creo na súa palabra.

Esta imaxe é dun conto de príncipes, pero non azuis, sabedes por que? porque como eu lles digo, os príncipes azuis... destinguen. 

martes, 3 de xuño de 2014

Lisístrata estará o sábado en Carnota para Enarborar o bosque

Lisístrata achégase este sábado a Carnota, será no IV Enarborar o bosque, romaría artístico-reivindicativa na que este ano se quere chamar a atención sobre o problema crónico dos incendios forestais en Galicia. Participarán poetas, artistas plásticos, fotógrafos, músicos…, nunha xornada lúdica organizada polo colectivo arTeu e Factoría Delideas, Xacobe Meléndrez Fassbender, Inma Doval e Delio Sánchez. 

Aí estará Ana Hermida convertida en Lisístrata, será un pracer volver representarla. Ofrecerá unha mensaxe pacífista, feminista, divertida... 

Será na praia de Boca do Río, (Carnota) baixo o Monte Pindo, entre ás 11:00 h. e as 22:00 h.