domingo, 28 de febreiro de 2016

Estivemos en Pastoriza “Rimando e Xogando” con Manuel María

O público infantil non sabía quen era Manuel María, así que o primeiro que fixen foi a presentación oportuna, cando marcharon xa o coñecían físicamente, xa leran a súa obra, xa sabían da Terra Chá, de Outeiro de Rei... Coñeceron palabras novas e fermosas como "señardade" e por raro que pareza tampouco coñecían o carro, nunca viran ningún, así que tocou falar do fungueiro, do eixo, da chavella… Escoitaron, leron, rimaron, xogaron e cantaron os seus poemas… querían máis, pero era hora de marchar.  

sábado, 27 de febreiro de 2016

O día que estivemos contando "A historia en Feminino" en Meicende

Con moita ilusión, coas miñas mulleres e co lazo lila no peito, cheguei á Biblioteca de Meicende para tentar que a infancia teña unha visión real da historia. Teño que dicir que a resposta é a mesma sempre, marabillosa, é moi gratificante ver como infancia e persoas seguen a sorprendense mentres medra a curiosidade e admiración por todas elas. O tempo sempre é pouco para contar as historias reais e magníficas destas mulleres. Grazas pola resposta. 

“Cóntame outra vez” contos para a infancia na Biblioteca de Arteixo

Os contos clásicos son atemporais, máxicos e estimulan a imaxinación da infancia. Lobos, ogros, heroínas e animais con personalidade propia son personaxes que simbolizan o positivo e o negativo e que lles axudan a superar os seus conflitos. Contaremos para o público infantil contos de sempre para que nenas e nenos disfruten como nunca.

Será na Biblioteca Central de Arteixo "Henrique Rabuñal" o xoves 3 de marzo ás 18:50 h.

martes, 23 de febreiro de 2016

Celebramos o Día da Muller en Arteixo coa proxección de "Fíos Fóra"

Por moi finos que sexan, detrás de tódolos fíos que nos rodean hai historias. As mulleres galegas que traballaron no sector téxtil dende os 60 foron a man de obra perfecta e cautiva para erguer unha industria xigante que agora se atopa deslocalizada. Este documental fai un novelo do sector téxtil aquí e fóra, antes e agora. A historia repítese nos fíos doutros lugares, nos nós deste sistema.

A Asociación Cultural Lisístrata organiza a proxección de Fíos Fóra en Arteixo (capital mundial da producción téxtil) o vindeiro 5 de marzo ás 20:00 h. no Auditorio do Concello, a carón do Paseo Fluvial, no que posteriormente haberá un coloquio coas persoas responsables do documental.

Achégate a Arteixo para celebrar o Día da Muller con Fíos Fóra, "historias de obreiras, entre costuras e patróns". Un documental de Illa Bufarda para Amarante Setem.

A entrada é de balde ata completar aforo. Podes reservalas no seguinte enderezo: lisistrata.asociacion@gmail.com

sábado, 13 de febreiro de 2016

Rimando e Xogando con Manuel María na Biblioteca de Pastoriza

Esta semana achegarémonos a Pastoriza para render unha homenaxe a Manuel María, neste seu ano das Letras Galegas. O autor chairego será obxecto de lecturas, xogos, rimas, cancións... Unha maneira de achegar ao público infantil o seu traballo e a súa figura que estará nas voces de Ana Hermida e das nenas e nenos de entre 4 e 11 anos que por alí se acheguen. Teremos pequenos xoguetes poéticos cheos de entretemento, versos que ás veces son cantados, historias unhas, con actividades para a infancia e outras nas que interactúan coa contadora. 

A cita coa poesía será o xoves 18 na Biblioteca Miguel Sande de Pastoriza, ás 18:50 h.

venres, 5 de febreiro de 2016

Tecín soia a miña tea, a Rosalía de Castro máis feminista visitou A Pobra do Caramiñal con motivo do 25N

O Concello de A Pobra do Caramiñal programou con motivo do Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller, "Tecín soia a miña tea", dramatización de textos de Rosalía de Castro. Foron dúas sesións dirixidas ao alumnado do Ies A Pobra, onde Ana Hermida achegou a parte máis feminista e reivindicativa da escritora. Día no que alumnado e profesorado participaron da actividade con lecturas, debate e refexións nun salón de actos cheo de mozos e mozas con ansias de disfrutar da Nai das nosas letras.

Facemos as paces?, contos na Biblioteca Ánxel Casal para conmemorar o Día da Paz

Contos para que a infancia medre nos valores da paz e non violencia, historias nas que está presente a resolución de conflitos e o respecto entre as xentes e os pobos do mundo. A través das diferentes historias de castelos, exércitos, animais… nenas e nenos coñecerán valores tan importantes como a paz, a solidariedade, a amizade…

Será o sábado 6 de febreiro, no salón de actos da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, ás 12:00 h.


luns, 1 de febreiro de 2016

A historia en Feminino na Biblioteca Central de Arteixo

Seguirei tentando contribuír, moi humildemente, a visibilizar e poñer en valor a tantas mulleres marabillosas que polo feito de ser mulleres nun mundo onde a historia, escrita por e para os homes, non lles dá o seu lugar. Irei alí onde o soliciten, é un compromiso persoal, anque teña que escoitar algunha que outra vez "pero á que non sabedes cambiar unha buxía?" "as mulleres só saben de maquillaxe" "eso que contas non o creo"... 

Foi a mellor lección para a infancia, eu contando e outra persoa desmentindo o que eu dicía, daquela expliqueilles ás nenas que escoitarían moitas veces na súa vida algo semellante, pero que non fixeran caso e comecei a rebatir, argumentar, amosei libros, vídeos... quedoulles moi claro que esas mulleres eran extraordinarias e comezaron a dicir que tamén querían ser como elas, eu díxenlles: podedes ser o que queirades ser, resposta delas, si, ese home non ten razón. Anque triste e duro ese día (non ocorreu nesta biblioteca) foi moi gratificante a resposta do público infantil.