luns, 25 de abril de 2016

Rimando e Xogando con Rosalía e Manuel María en Arteixo

Ana Hermida volve render homenaxe á poesía galega, desta vez poñendo voz e alma á obra de Rosalía de Castro e Manuel María. Será tamén unha homenaxe multicultural á poesía nosa, xa que nenas e nenos de varias nacionalidades recitarán a Rosalía nun acto moi fermoso que xa vai polo súa segunda edición e no que escoitaremos os versos fermosos da nai das nosas letras con acentos doutras terras, pero en galego. Comprobo ano tras ano, cando fago este tipo de actividade, que infancia e poesía van xuntas da man, é unha maneira humilde de contribuír ao espallamento da lingua e cultura galega e a poñer en valor ás mulleres e homes poetas de Galicia, tentar que a infancia se achegue con cariño á poesía e fomentar as lecturas de noso.

Este ano celébrase a segunda edición do concurso de recitado de poesía “Cantares Gallegos” dirixido á infancia de entre 8 e 12 anos, acto organizado polas Bibliotecas do Concello de Arteixo como colofón a unha serie de actividades coas que conmemoran o mes do libro. Ana Hermida será tamén a encargada de conducir o acto, onde cada participante levará un agasallo e a persoa premiada recibirá unha tablet.

A homenaxe á poesía galega será o martes 26, na Sala de exposicións do Centro Cívico Cultural de Arteixo, ás 18:15 h. O acto está dirixido a todo tipo de público e a entrada é libre e gratuíta.

Ningún comentario:

Publicar un comentario