xoves, 23 de febreiro de 2017

Arteixo achega a figura de Rosalía de Castro ao público escolar con "Tecín soia a miña tea"

Hoxe Rosalía de Castro, na voz de Ana Hermida, volverá estar co alumnado do Ies Manuel Murguía. Faremos un repaso pola súa biografía e pola súa obra, haberá representación teatral, dramatización da súa obra e participación do alumnado, que terá ocasión de poñer voz á nosa Poeta nacional.

É o segundo día de encontro co público escolar, realmente é moi gratificante comprobar o gran interese sobre a súa obra, a súa vida, a súa familia, había moitas mans erguidas para aclarar dúbidas.., teñen xa unha imaxe dunha Rosalía loitadora, feminista, comprometida e dona dunha obra de inmensa valía. Aínda resoan na miña mente as risas estrondosas dese público que onte disfrutou coa obra Rosaliana.

A actividade está organizada pola Biblioteca do Concello de Arteixo e dirixida ao alumnado do Ies Manuel Murguía para celebrar o Día de Rosalía. Serán dúas sesións, na Sala de Exposicións do Centro Cívico Cultural, a primeira comezará ás 11:00 h. e a seguinte ás 13:00 h.

Ningún comentario:

Publicar un comentario