martes, 17 de marzo de 2026

Carballo conmemora o 8M con "A historia en Feminino"

Estaremos en Carballo, capital da comarca de Bergantiños, para conmemorar o 8M “Día Internacional da Muller” contando "A historia en Feminino”, alí Ana Hermida achegará ao público mulleres sobresaíntes e descoñecidas que houbo ao longo da historia. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, deportistas, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino.

Esta actividade, encadrada no programa De landras a Carballos está organizada pola Concellaría de igualdade e a Concellaría de Normalización Lingüística, coa intención de reforzar os vínculos afectivos e favorecer aprendizaxes significativas desde as primeiras idades.

Porque a invisibilización é un xeito de violencia de xénero, estaremos achegando referentes e visibilizando mulleres borradas da historia o venres 20 de marzo, nas Escolas do Xardín Agra de Caldas, ás 18:00 h.

xoves, 12 de marzo de 2026

Conmemoramos o 8M co documental "Urraca, a Raíña Feudal"

Neste "Día Internacional da Muller" 8 de marzo de 2026, cando se cumpren 900 anos do aniversario do seu falecemento, lembramos o documental multidisciplinar sobre a Raíña Urraca, proxecto de Arraianos Produccións, dirixido por Aser Álvarez no ano 2022, onde Ana Hermida deu vida a Urraca.

Urraca I de León foi unha monarca medieval, destacada por ser a primeira raíña titular da historia de España e Europa, chegando a gobernar en solitario durante 12 anos. O seu reinado estivo marcado por unhas circunstancias políticas convulsas que levaron a traizóns, enfrontamentos e intrigas entre todos os poderes fácticos que nese momento existían na Península Ibérica.

Se queredes saber máis premede na ligazón Urraca, unha muller empoderada