venres, 9 de agosto de 2019

"Contando en feminino", contos para concienciar na igualdade e violencia de xénero, no Concello de O Carballiño

Ana Hermida viaxará ao Concello do Carballiño para contar historias desde a perspectiva de xénero e igualdade, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario, onde o final pode cambiar e a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Contos tamén para concienciar e loitar contra o abuso infantil e a violencia de xénero. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade. 

A cita coa igualdade será o mércores 21 de agosto ás 12:00 h. na Biblioteca Pública Municipal do Carballiño, que organiza esta actividade para concienciar na igualdade e violencia de xénero.

xoves, 8 de agosto de 2019

Honrando a Filomena Dato en Bergondo, no aniversario do seu nacemento

Outro ano máis estivemos en Bergondo honrando A Filomena Dato, á que o seu amigo Pérez Lugín lle concedeu o título de “a poeta das Mariñas”, a escritora máis premiada do século XIX e académica correspondente da Real Academia Galega. Estivemos ofrecendo un recital da súa obra con “Ningún lazo a suxeita”, onde Ana Hermida puxo voz ás composicións da poeta. Foi na Igrexa de San Vicente de Moruxo, no Concello de Bergondo. O acto estivo organizado polo activista cultural e crego, Rubén Aramburu, xunto coa Asociación Cultural Lisístrata.

Desde hai anos Ana Hermida, da Asociación Lisístrata, leva facendo investigacións e unha serie de actividades para visibilizar e darlle o lugar que lle corresponde á figura e obra de Filomena Dato, polo que rexeitamos calquera aproveitamento que da poeta fan outras persoas e entidades “para o seu propio lucimento e beneficio” coas aportacións realizadas por nós. Cousa propia de xente covarde, necia, sen principios e carente de talento é apropiarse do traballo dunha muller e invisibilizala. 

mércores, 7 de agosto de 2019

Estaremos contando “A historia en Feminino” no Concello de O Carballiño

Viaxaremos á Comarca do Carballiño para contar a "Historia en Feminino", alí Ana Hermida fará un achegamento ao público infantil das moitas e sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que houbo ao longo da historia. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, deportistas, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino. Actividade organizada pola Biblioteca Municipal do Carballiño.

Estaremos visibilizando ás mulleres borradas da historia, o mércores 14 de agosto ás 12:00 h., no Salón de Actos da Biblioteca Pública Municipal do Concello do Carballiño.