xoves, 28 de novembro de 2024

Estivemos "Contando en Feminino" en Fisterra para conmemorar o 25N co público máis miúdo

O martes 26 de novembro a actriz e narradora arteixá Ana Hermida, da Asociación Lisístrata, estivo “Contando en Feminino” no Concello de Fisterra para concienciar na igualdade e na loita contra a violencia de xénero e o abuso infantil. O público foi o alumnado de 3 a 5 anos do CPR Nosa Señora do Carme e asistiron 26 nenas e nenos.

Foi un encontro feliz e moi positivo, tanto para a narradora, como para o alumnado, que foi quen tivo o protagonismo preguntando dúbidas e con respostas que sorprenderían ás persoas adultas. Participaron moi activamente e desfrutaron dos contos elixidos para a ocasión. Para acabar coa violencia de xénero é importante desenvolver unha imaxe positiva das nenas desde a máis tenra infancia e que saiba identificar este tipo de violencia, así o fai o Centro escolar, e tamén a Anpa do Colexio Nosa Señora do Carme, que foi quen organizou esta sesión de historias para sensibilizar a ese alumnado miúdo.

O Colexio Nosa Señora do Carme é un centro concertado cuxo proyecto educativo ten ao alumnado como protagonista, educándoo de xeito integral na súa triple dimensión: individual, social e trascendente, para ser capaz de acadar crítica e responsablemente o seu proxecto persoal. Nace o 5 de setembro de 1965 no seo da obra A Nosa Señora do Carme, cuxo promotor foi o coristanqués D. Luciano Moreira Carracedo, párroco de Santa María de Fisterra e falecido no 2008. O colexio conta tamén cun centro de menores desde 1994, con atención integral as 24 horas e todos os servizos.

xoves, 21 de novembro de 2024

"Contando en Feminino" en Fisterra para conmemorar o 25N "Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller"

Ana Hermida estará no Concello de Fisterra "Contando en Feminino" para o alumnado de infantil do CPR Nuestra Señora del Carmen e así conmemorar o 25N "Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller". Serán historias narradas desde a perspectiva de xénero e igualdade, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario, onde o final pode cambiar e a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. 

A cita do alumnado co feminismo será o martes 26 de novembro ás 09:30 h. Actividade organizada pola Anpa Colexio Nuestra Señora del Carmen de Fisterra.

martes, 19 de novembro de 2024

Boimorto conmemora o 25N "Contando en feminino"

O Concello de Boimorto, na comarca de Arzúa, conmemora o 25N "Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller", con varias actividades, entre elas “Contando en Feminino” onde Ana Hermida narrará, para a cidanía boimortesa, historias desde a perspectiva de  xénero e así concienciar na igualdade, violencia de xénero e abuso infantil.

Será o sábado 23 de novembro na Casa da Cultura do Concello de Boimorto ás 18:00 h.


domingo, 17 de novembro de 2024

"A historia en Feminino", a visibilización das mulleres ao longo da historia, chega a Rianxo para conmemorar o 25N

Conmemoramos o 25N “Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller” en Rianxo contando “A historia en Feminino”, onde Ana Hermida fará un achegamento ao público infantil das moitas e sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que houbo ao longo da historia e que foron borradas da mesma. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, deportistas, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino. 

Porque a invisibilización tamén é violencia de xénero, estaremos visibilizando mulleres no Ceip Ana María Diéguez do Concello de Rianxo para o alumnado  de infantil e primaria, que terán una cita co feminismo o luns 25 de novembro en horario de mañá.

luns, 4 de novembro de 2024

Entrevista na La Voz de Galicia pola campaña do 25N

Grazas a La Voz de Galicia polo seu compromiso co feminismo e por esta entrevista a Ana Hermida sobre a nosa loita contra a violencia de xénero nestes días cos monólogos teatrais para persoas adultas "Miña casiña, meu lar" en Vimianzo e coa narración oral para a infancia "Contando en Feminino" en Cee con motivo do "Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller".

martes, 29 de outubro de 2024

"Contando en feminino" en Rianxo para conmemorar o 25N "Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller"

O Concello de Rianxo, pertencente á Comarca do Barbanza, ten organizada unha ampla programación para conmemorar o 25N que inclúe “Contando en feminino”, actividade dirixida ao público familiar, onde Ana Hermida contará historias para concienciar na igualdade e violencia de xénero.

A cita co feminismo será o venres 15 de novembro ás 19:00 h. na parroquia rianxeira de Isorna, onde naceu e descansan os restos do crego e poeta antifranquista “Faustino Rey Romero” que dá nome ao Centro Sociocultural, coñecido como a Casa da República, onde terá lugar a actividade.


luns, 14 de outubro de 2024

"A Vociferante da Baiuca" na Feira Histórica Arteixo 1900

"A Vociferante da Baiuca" é unha homenaxe ao noso Patrimonio Inmaterial e ás mulleres transmisoras do mesmo, proclamando o dereito á dignidade do idioma, literatura oral e música popular de Galicia. A Vociferante da Baiuca abre os ollos á realidade e divulga no vento, declamados en chamada, aviso e advertencia, os seus pensares e mensaxes que outras calan. Alza o ton para seren oídas as narracións poéticas, poemas mal mirados e aquelas cuestións de contraste, agardando o aplauso da concurrencia e unha dádiva e conivencia. 

Ana Hermida é A Vociferante da Baiuca e estará no seu concello, poñendo en valor a nosa cultura tradicional, na Feira Histórica Arteixo 1900 o sábado 19 de outubro ás 12:00 h. no anfiteatro do paseo fluvial.

xoves, 7 de marzo de 2024

“A historia en Feminino”, a visibilización das mulleres ao longo da historia, chega ao Concello de Curtis para conmemorar o 8M "Día Internacional da Muller"

Iremos ao Concello de Curtis, na comarca de Betanzos, para contar "A historia en Feminino" e así conmemorar o 8M "Día Internacional da Muller", alí Ana Hermida fará un achegamento ao alumnado do Ceip de Teixeiro, das moitas e sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que houbo ao longo da historia. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, deportistas, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino. 

A cita co feminismo comezará ás 11:00 h. co grupo de infantil, ao que seguirá o de primaria, cunha actividade que terá lugar nas instalacións do colexio e que está organizada pola Anpa A Froula.

luns, 5 de febreiro de 2024

Celebramos o 11F en Teo contando "A historia en Feminino" na ciencia

Celebramos o 11F Día Internacional da Muller e a Nena na ciencia con “A historia en Feminino” onde Ana Hermida fará un monográfico sobre as mulleres no mundo da ciencia. Ao longo da historia as mulleres romperon barreiras e destacaron nun mundo de homes, foron moitos os seus logros no eido científico, tecnoloxía, informática, matemáticas, física, inventos... pero foron inxustamente invisibilizadas. Xa é hora de que se coñezan as súas vidas, os seus logros e crear referentes para apoderar as nenas e promover que se acheguen ao mundo marabilloso da ciencia, farémolo mediante historias, actividades e algunha sorpresa.

Será o mércores 21 de febreiro na biblioteca do Ceip Plurilingüe Os Tilos, do Concello de Teo. A cita coas nosas científicas comezará ás 10:00 h. e haberá varias sesións para o alumnado de 1º a 6º de primaria.