Recitais

TECÍN SOIA A MIÑA TEA
Homenaxe a Rosalía de Castro mediante a dramatización dos seus poemas. Este espectáculo pretende amosar unha Rosalía actual, como os temas que ela trata, tan vixentes hoxe en día. A relación cos homes, a defensa da muller, da súa terra... O desexo e ansias súas polo teatro "eu quería ser actriz e non me deixaron". Unha Rosalía, a veces divertida, outras reivindicativa, dura. Unha muller interpretando a outra muller. Poemas, teatro, e algunha canción para honrar a nai da nosa terra
.

NINGÚN LAZO A SUXEITA
Homenaxe a Filomena Dato, a poeta das Mariñas, para sacar do inxusto esquecemento a unha das voces máis sobranceiras do feminismo e segunda escritora, logo de Rosalía, que publicaría un libro en galego no século XIX. Descubriremos á Filomena loitadora polos dereitos da muller, a valedora de Galicia, a súa ollada sobre as persoas máis desfavorecidas e das súas amizades… Poesía e cancións para honrar á escritora máis premiada da época.
PALABRA DE MULLER
Un percorrido pola obra de mulleres pioneiras, rebeldes, silenciadas, inxustamente tratadas, incomprensiblemente esquecidas…Autoras representativas da realidade do seu tempo ás que tratamos de honrar con Palabra de muller, un recital onde unha muller presta a súa voz ás homenaxeadas, para darlles o lugar que a historia lles negou.

A MEMORIA É UNHA DAMA
Espectáculo para render homenaxe ás mulleres da Memoria Histórica, vítimas dunha desmemoria consentida. Unha soa actriz dará voz a todas elas, ás heroínas, esquecidas inxustamente, que lembraremos coa forza da palabra enriba do escenario. Teatro, poemas, cancións… varias disciplinas servirán para darlle voz ás que lles roubaron as palabras, lembrar episodios e reflexionar para que non se volvan repetir.
FADA GARRIDA DE LEVES ALAS
Lembramos a Eduardo Pondal cun recital poético-musical sobre a figura do bardo autor do himno galego e poeta do Rexurdimento galego, imprescindible no mundo da poesía galega. Un actor, unha actriz e un músico enriba do escenario para recitar e cantar os seus poemas, neste espectáculo dirixido a todo tipo de público.
NO DESMAIO DO TEU BICO
Antoloxía da lírica galega do século XX. Poetas da nosa terra do século pasado teñen cabida neste recital poético que xunta ao máis representativo da fermosa poesía galega. Homenaxe ás mulleres e homes petas e aos seus poemas no seu día, o día da Poesía.
POESÍA É NOME DE MULLER
Recital homenaxe ás mulleres poetas para poñer en valor a figura femenina no mundo da poesía. Unha escolma de textos das mellores autoras para achegar a súa visión da vida, do mundo, do pensar, do sentir… Poesía feita por mulleres, porque poesía é nome de muller.


MONTES IRTOS, VERDES CAMPOS
Recital poético-musical sobre a figura de Curros Enríquez, poeta do Rexurdimento galego de marcado carácter cívico e obra comprometida. Un actor, unha actriz e un músico enriba do escenario para recitar e cantar os seus poemas, neste espectáculo dirixido a todo tipo de público.



ANDAR PRIMEIRO DE RÍO
Recital poético-musical sobre a figura de Álvaro Cunqueiro, trobador e xograr da nova poesía galega e considerado como un clásico universal. Un actor, unha actriz e un músico enriba do escenario para recitar e cantar os seus poemas, neste espectáculo dirixido a todo tipo de público.



REXURDIMENTO
Homenaxeamos ás figuras máis representativas deste movemento cultural, político e literario da segunda metade do século XIX: Rosalía de Castro, Curros Enríquez e Eduardo Pondal. Un recital poético-musical no que un actor, unha actriz e un músico recitarán e cantarán os seus poemas, neste espectáculo dirixido a todo tipo de público.
O ENCANTO DA FALA
Concerto-recital en homenaxe ás Irmandades da Fala. Serán textos das persoas máis salientables e representativas dun tempo que marcaría un fito histórico para a historia galega. Un actor, unha actriz e un músico enriba do escenario para recitar e cantar os seus poemas, neste espectáculo dirixido a todo tipo de público.

Ningún comentario:

Publicar un comentario