martes, 22 de abril de 2014

Rimando e Xogando na axenda da AELG

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), leva na súa axenda a actividade de Rimando e Xogando.

Poetas como Rosalía de Castro, Helena Villar Janeiro, Anisia Miranda, Xesús Rábade, Manuel María... son o eixo fundamental para achegar a poesía ao público infantil. Grazas a todas e todos eles, as nenas e nenos poden coñecer este fermoso mundo das rimas, poemas... a música das palabras.

venres, 18 de abril de 2014

A biblioteca Francisco Vidal de Froxel celebra o Día do Libro "Rimando e Xogando"

Celebramos o Día do Libro "Rimando e Xogando" na biblioteca de Froxel. É unha das actividades que ademáis de promover o hábito lector entre o público infantil, servirá tamén para celebrar o primeiro cuarto de século das bibliotecas municipais de Arteixo.

As nenas e nenos de Oseiro teñen unha cita coa poesía, coas rimas... Unha maneira de achegar os nosos autores ao público máis esixente, o infantil. Coñecerán autores, poemas, cantigas populares, adiviñas, cantares de cego... Haberá xogos, cancións... as nenas e nenos serán parte fundamental nesa hora de versos e rimas. Será un momento precioso de encontro coa poesía. 

A cita para pasar uns momentos inesquecibles, será o martes 22 de abril na biblioteca de Froxel (Oseiro) en Arteixo, ás 18:50 h.

Un día Contando en feminino en Vilar de Barrio

Nas terras da Limia, preto dun niño de cegoñas e nun colexio onde todos son unha gran familia, estivo Ana Hermida Contando en feminino para todas e todas as nenas e nenos do Ceip Plurilingüe de Vilar de Barrio.

Aquí estaba recén chegada e despois de xogar coa rapazada, facendo as presentacións de persoas, contos e autores. Vemos ao público moi atento e tranquilo... co paso do tempo virían gargalladas, preguntas, dúbidas, xogos, colaboracións...

Grazas a todas e todos eles, tamén a todo o profesorado. Foi un día moi bonito e non apetecía rematar, pero o alumnado debía ir xantar e a contadora tiña moitos quilómetros que percorrer. Noutra ocasión...

A Biblioteca Pública da Coruña, Miguel González Garcés celebra o Día da Muller con "Contando en Feminino"

Nun mes cargado de actos para celebrar o Día da Muller, a biblioteca Miguel González Garcés organizou unha sesión de contacontos para todas as nenas e nenos, aí estaba Contando en feminino e Ana Hermida para tentar concienciar ao público infantil.

Os contos son unha ferramenta verdadeiramente importante para achegar ao público infantil a determinados temas e todo esto sen adoutrinar nin moralizar. Case sen darse conta, entreténdose e divertíndose, ese público tan intelixente toma contacto co tema da igualdade e violencia de xénero.

Razoan dunha forma lóxica e ata o de agora todas e nenos responden moi ben e buscan solucións ao que se lles propón. Sen dúbida irán medrando debidamente. Seguro que así será, teño a súa palabra e o seu compromiso.

Rimando e Xogando en Meicende

Na biblioteca Antón Castro de Meicende, en Arteixo, as nenas e nenos estiveron Rimando e xogando. Actividade incluída dentro dos actos para festexar os 25 anos de vida das bibliotecas municipais de Arteixo.

Aquí podemos ver a Andrea, decidida a ler un poema no atril. Fíxoo moi ben e, por suposto, obtivo un aplauso de todas as persoas asistentes. Como ela, outras nenas e nenos estiveron facendo rimas e xogando coas palabras, tamén coñeceron a mulleres e homes poetas da nosa terra, así como algúns dos seus traballos.

Houbo tempo para xogos, adiviñas, trabalinguas... foi un día bonito e o tempo fíxose moi curto, querían máis, pero había que marchar. Noutra ocasión seguiremos disfrutando da poesía e ofrecéndollela a todas as nenas e nenos.

Así estivemos en Oleiros Contando en feminino

Para conmemorar o Día da Muller, as bibliotecas de Oleiros organizaron un mes cheo de actos, entre os cales estaba a sesión de Contando en feminino, contos sobre a igualdade de xénero.

As nenas e nenos de Santa Cruz responderon debidamente ao que se lles propuxo. Amosaron moito interese, colaboraron, riron, e... por suposto concienciáronse, entre conto e conto, en temas de igualdade. Entenderon que hai cousas que non se deben facer nin consentir. Ao final obtiven o compromiso de todas e todos eles.

Xa vedes as idades dalgunha das persoas do público, aí estaba Ana Hermida atendendo e aclarando todas as súas dúbidas.

Estivemos Rimando e Xogando na Biblioteca Garcés da Coruña

Para celebrar o Día da Poesía, a Biblioteca Pública da Coruña "Miguel González Garcés" organizou unha festa, a da Poesía, aí estiveron cos poemas, coas rimas, lendo... todas as nenas e nenos para xogar coas palabras.

As caras que amosaban eran mostra do que se estaban a divertir. Cando lles preguntaba se sabían que a poesía podía ser tan divertida e calquera cousa podía ser susceptible de lle facer un poema, sorprendíanse porque non crían que fose tan bonita e divertida ao mesmo tempo. Comprenderon que si era divertido ler un poema, rimar, xogar, cantar, adiviñar, ata compoñer eles mesmos unha pequena poesía.

Acabamos todas e todos a unha recitando a Rosalía, que mellor final!

A Biblioteca Pública da Coruña "Miguel González Garcés" encheuse de Contos moi naturais

As nenas e nenos responderon debidamente, amosaron interese, curiosidade, prestaron moita atención, divertíronse e o máis importante, prometeron coidar o medio ambiente e fixeron a promesa de protexer e defender a natureza.

Entre contos, historias, debuxos, descubrimentos e cousas sorprendentes, a conciencia lóxica e natural de coidar o noso mundo, os seres vivos e a natureza, foi aparecendo aos poucos entre historia e historia. 

Sei que cumprirán a súa promesa e serán unhas persoas comprometidas e defensoras do medio ambiente. 

martes, 8 de abril de 2014

Rimando e Xogando na biblioteca de Meicende

Estaremos contando historias en verso, historias de risa, de medo, da natureza, de xogos, da fala, cantares de cego… historias e versos ás veces cantados, historias unhas, con actividades para nenas e nenos e outras nas que interactúan coa contadora. Poemas axeitados á súa idade e que entenden perfectamente, pequenos xoguetes poéticos cheos de entretemento.

Será na biblioteca "Antón Castro" de Meicende, Arteixo, ás 18:50 h.

mércores, 2 de abril de 2014

Contando en feminino para o CEIP Plurililngüe de Vilar de Barrio

O vindeiro 4 de abril, Ana Hermida estará Contando en feminino na provincia de Ourense, concretamente no concello de Vilar de Barrio, pertencente á comarca da Limia.

Serán contos contados dende a perspectiva de xénero e igualdade, para ir concienciando aos máis novos, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades.

O público, sempre esixente, será o alumnado do CEIP Plurilingüe de Vilar de Barrio, alí os contos agardarán por todas e todos ás 12:45 h.