luns, 22 de decembro de 2014

A AELG leva na súa axenda o noso Rimando e Xogando, en Meicende

A Asociación de Escritores en Lingua Galega "AELG", sempre coas escritoras e escritores galegos, leva na súa axenda o noso Rimando e Xogando, actividade para o público infantil na biblioteca do novo Centro Sociocultural de Meicende.

Deixamos o enlace á páxina MEICENDE: RIMANDO E XOGANDO, CON ANA HERMIDA

sábado, 20 de decembro de 2014

Meicende inaugura "Rimando e Xogando" a súa biblioteca do novo Centro Sociocultural

As nenas e nenos que se acheguen á biblioteca xogarán coas palabras, disfrutarán cos poemas, rimarán, cantarán... coñecerán autores da nosa terra, cantares de cego, cantigas populares, panxoliñas... entretemento, diversión, cultura e amor á poesía será o eixo condutor nunha tarde de festa, a da poesía, pensada especialmente para ese público infantil, sempre tan esixente.

Tamén achegaremos o Díaz Castro máis infantil, unha homenaxe ao autor chairego  neste ano no que se lle adica o Día das Letras Galegas.

Será o día da inauguración do Centro Sociocultural de Meicende (Arteixo), na nova biblioteca "Antón Castro", o luns 22, ás 17:00 h.

domingo, 7 de decembro de 2014

Un Nadal cheo de contos na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés

Poremos nos zapatiños de todas as nenas e nenos, contos feitos de maxia e ilusión. Cantaremos panxoliñas e contaremos historias que falan do sentido destas datas e que ás veces son divertidas, outras sorprendentes… contos de árbores de Nadal, de bonecos de neve, de Reis, de cousas imaxinadas e que, seguramente, algún día serán realidade.

Será o sábado 13 na Sala Infantil da biblioteca, ás 12:00 h.

mércores, 3 de decembro de 2014

O Concello de Meaño pechou a programación en contra da violencia de xénero con Miña casiña, meu lar

A representación de Miña casiña, meu lar, pechou os actos que o Concello de Meaño ao longo de toda a semana tiña preparados relacionados co 25 de novembro. Foi no centro social de Dena, alí o público asistiu na tarde de domingo a ver enriba dun escenario a violencia contra a muller dentro do fogar, consentida, aceptada... ás veces nin percibida.

Entre risos e bromas eran testigos en primeira fila das atrocidades que se lle fan ás mulleres na vida cotiá, rían e ao mesmo tempo a empatía coa protagonista era tal que chegaban a dialogar con ela, darlle consellos ou asentir...

Marcharon co sorriso nos beizos, tamén coa reflexión sobre o que viran e mesmo comentaban e debatían... diso se trataba, era o obxectivo a cumprir.

O Voitre e a Pomba, teatro en San Sadurniño no Día contra a violencia de xénero

O Concello de San Sadurniño incluía O Voitre e a Pomba dentro da súa programación para o 25 de novembro. A representación tivo lugar na Casa da Cultura e asistiron as mozas e mozos dos últimos cursos de secundaria do CPI San Sadurniño.

O Voitre e a Pomba é unha obra dura, pensada así para concienciar ao público e ante a reacción do mesmo nos lugares onde se representa, semella que cumpre co seu obxectivo principal, polo que en San Sadurniño volveron ver a crúa realidade da violencia exercida cara a figura feminina en diversos ámbitos.

O alumnado viña de facer un acto simbólico no que plantaron medio cento de flores e plantas en lembranza das mulleres asasinadas e a continuación asistiron á entrega de premios do concurso de relatos que convoca cada ano a Concellería de Igualdade.

Contamos A historia en Feminino ao alumnado da EEI de Barrionovo, no Día contra a violencia de xénero

Ana Hermida chegou á escola para contar historias de mulleres que a historia non tratou nin trata como debera, para poñer en valor a figura feminina, darlle o seu sitio e achegar, nesta ocasión, ao alumnado de educación infantil que sempre é tan receptivo, a historia real, a historia onde as mulleres teñen un papel importantísimo.

O público escoitaba con moita atención, participaba das historias desas mulleres marabillosas, xogaron e ao remate ante as preguntas finais, todas as persoas alí presentes, fomos testigos de que nomes e historias contadas, formarán xa parte das súas vidas.

As vidas destas mulleres son tan marabillosas que o público infantil quedou cos ollos abertos ante o que descubriu nese día tan importante, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, polo que ao remate de tantas historias e xogos, fixeron promesa de non consentir ningún tipo de maltrato e non maltratar... eu sempre creo na súa palabra.

Rianxo conmerora o Día contra a violencia de xénero con O Voitre e a Pomba

O alumnado do Ies Félix Muriel foi o público ao que ía dirixida a obra. Tratábase de concienciar nun tema tan duro como é a violencia de xénero, remexer conciencias, non deixar indiferente a ninguén.

O debate que tivo lugar ao final da representación entre o público asistente (mestres e alumnado) con Ana Hermida e Santiago Fernández, que foron as persoas encargadas de representar a obra, foi moi interesante e xurdiron temas moi importantes, no que a implicación do público e intercambio de opinións foi moi enriquecedora.

A reacción do público durante a representación e as súas palabras ao remate da mesma, foron proba de que, tal e como se pretendía, remexeu por dentro e fixo pensar e concienciar nesa lacra social e inxusta, como é a violencia de xénero.