O Concello de Mondariz, na comarca do Condado,
acolleu unha sesión de Contando en feminino, actividade que organizou a
Biblioteca Pública Municipal Xoan Xosé Pérez Labaca dentro dos actos de
conmemoración do 25N para concienciar na igualdade e violencia de xénero ao
público infantil.
É unha proba continua á que me someto
voluntariamente cada vez que fago actividades deste tipo, o público infantil
non ten filtros, é pura verdade, pregunta as cousas máis inesperadas, ese día
había unha nena que tiña unha especial curiosidade polo tema, a min encántanme
ese tipo de preguntas, anque as caras das nais e pais que estaban ao fondo
mentres contaba eran moi significativas, sorprendíanse das propias reaccións do
público infantil mentres se preguntaban… como sairá Ana desta? pois saín, non
sen antes dar todo tipo de explicacións para satisfacer esa curiosidade, lóxica á súa
idade, da nena que teimaba en repreguntar sobre a violencia de xénero, quedei
satisfeita cando despois de explicarllo pedinlle que, por favor, me contase
coas súas palabras o que eu lle dixera e… que satisfacción sinto cando comprobo
en persoa os resultados, si, foi unha proba superada, outra vez.
Volvín para a casa disfrutando da viaxe coas
paisaxes fermosas da nosa terra, regresei feliz dicíndome: misión cumprida.
Grazas por tanto como recibo, paga a pena tanto esforzo, tantas viaxes, tantas
horas, tantos impedimentos, tantas censuras, tantas pedras que me poñen no
camiño as mentes necias que ven a violencia de xénero e a igualdade como un
negocio e non como un compromiso persoal, tal e como eu o sinto, non acaban de
entender que coa violencia de xénero non se xoga e que facer actividades para a
infancia é algo moi serio, é un público moi sensible e intelixente, teñen
poucos anos, pouca estatura, pero a mente máis aberta que as persoas adultas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario