xoves, 15 de outubro de 2026

"Radio Baiuca – EAJ 1900" na Feira Histórica Arteixo 1900

No 2026 a Feira Histórica Arteixo 1900 terá unha radio propia, será “Radio Baiuca EAJ 1900”, nela reviviremos as emisións radiofónicas no seu nacemento. Andrea, Bea, Juan, Oliva e Susana, alumnado da Escola de Teatro Lisístrata, acompañados por Ana, serán as voces que voen polas ondas hertzianas, para contarnos os aconteceres... pasados polo filtro de Lisístrata.

O noso programa radiofónico será o domingo 18 de outubro ás 11:00 h. no Paseo Fluvial de Arteixo, os altofalantes da Feira encherán Arteixo de boas lembranzas. Desfrutade da festa e da radio.


martes, 13 de outubro de 2026

"A Vociferante da Baiuca", cultura tradicional e feminismo, na Feira Histórica Arteixo 1900

"A Vociferante da Baiuca" é unha homenaxe ao noso Patrimonio Inmaterial e ás mulleres transmisoras do mesmo, proclamando o dereito á dignidade do idioma, literatura oral e música popular de Galicia. 

A Vociferante da Baiuca abre os ollos á realidade e divulga no vento, declamados en chamada, aviso e advertencia, os seus pensares e mensaxes que outras calan. Alza o ton para seren oídas as narracións poéticas, poemas mal mirados e aquelas cuestións de contraste, agardando o aplauso da concurrencia e unha dádiva e conivencia. 

Ana Hermida é A Vociferante da Baiuca e estará no seu concello, poñendo en valor a nosa cultura tradicional e o feminismo, na Feira Histórica Arteixo 1900 o sábado 17 de outubro ás 12:00 h. no anfiteatro do paseo fluvial.