luns, 3 de setembro de 2018

Estivemos na homenaxe a Filomena Dato en Bergondo

Deixamos mostra gráfica do que foi a homenaxe a Filomena Dato, a Poeta das Mariñas, que tivo lugar o pasado mes de febreiro en Bergondo, no que participaron a alcaldesa Alejandra Pérez Máquez en representación do Concello e Víctor Freixanes en representación da Real Academia Galega. Foi un acto presentado por Rubén Aramburu no que o alumnado do Cpi Cruz do Sar recitou poemas da homenaxeada, ao igual que Dores Tembrás, que puxo voz aos versos da poeta. Ana Hermida viaxou a Moruxo por segunda vez para volver renderlle homenaxe a Filomena recitando, cantando e lembrando a Rosalía de Castro, momento que recolle esta foto co presidente da Real Academia, a quen agradezo a súa amabilidade. O acto rematou descubrindo o monólito a Filomena, obra de Francisco Escudero e coa interpretación do Himno Galego, polo gaiteiro Francisco José Otero López.

Xa en xullo do 2017 estivemos rendendo homenaxe a Filomena Dato en Moruxo, onde Ana Hermida adiantou parte do espectáculo “Ningún lazo a suxeita” para achegar á cidadanía a obra da poeta e rescatala dun esquecemento inxusto. Son moitas horas de procurar información, documentación, ensaios… sempre co único obxectivo de visibilizar á muller e divulgar a súa obra. Filomena foi invisibilizada inxustamente ao longo do tempo, algo que actualmente tamén ocorre coas mulleres que teiman en visibilizar a outras mulleres e que despois de tanto empeño, traballo e esforzo, ven como outras xentes se penduran medallas a conta delas, a historia non mudou tanto. A Asociación Lisístrata ten como obxectivo concienciar na igualdade e violencia de xénero, poñer en valor a figura feminina e as súas creacións, así como a defensa da cultura e lingua galega, motivo polo que desde hai tempo estivemos traballando para facer xustiza a Filomena, ao igual que fixemos e faremos con outras mulleres. En breve iremos anunciando sorpresas e novidades sobre a poeta.

Ningún comentario:

Publicar un comentario