xoves, 23 de maio de 2019

Conmemoramos o 25N Contando en femininino en Compostela

O Concello de Santiago de Compostela organizou unha sesión de Contando en feminino, actividade que tivo lugar no Centro Sociocultural de Pontepedriña, dentro dos actos da campaña do 25N “En negro contra as violencias”, para concienciar na igualdade e violencia de xénero. Atopeime cun público infantil e adolescente moi participativo e diverso e conteilles varias das historias que viaxan comigo e que están pensadas para provocar unha reacción. O resultado é sempre o esperado, o que me produce unha enorme satisfacción, así como as reflexións que fan e o debate posterior, é moi enriquecedor, aprendo tanto da súa inxenuidade, da súa mente sen contaminar, do claro que teñen todo… Sei que medrarán en igualdade e farán un mundo mellor e máis xusto.
 

domingo, 12 de maio de 2019

"Mitos e lendas de Galicia" na Biblioteca Ánxel Casal, para celebrar o Día das Letras Galegas

Contaremos a nosa historia máis máxica, lendas, historias tradicionais e populares que fagan entender e coñecer moitas cousas a nenas e nenos. Os porqués, os encantos, historias de trasnos, de feitizos, mitoloxía galega... tamén de temas históricos e de cabaleiros. Todas estas historias chegaron ata nós grazas a persoas como Antón Fraguas, a quen a Real Academia Galega lle adica o Día das Letras Galegas deste ano. “Eu traballei sempre por e para Galicia. Por amor á nosa Terra (Antón Fraguas).

Será o sábado 18 de maio no Salón de Actos da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, ás 12:00 h. con entrada libre e gratuíta ata completar aforamento.

luns, 6 de maio de 2019

"A historia en Feminino" grandes historias de grandes mulleres para o gran público miúdo

Cando conto “A historia en Feminino” para o público máis miúdo, sempre teño que baixarme ao seu gran nivel. Canto se aprende destas persoíñas, non teñen filtros e razoan coa lóxica que as persoas adultas hai tempo que perderon. Disfruto delas ao igual que as nenas e nenos disfrutan coas historias das mulleres que lles achego. O meu oficio de dicir regálame momentos fermosos, como este da foto, a súa curiosidade innata fai que pregunten e queiran saber máis e máis… eso é o que pretendo, sementar para que xermole unha inquedanza feminista. Cando marcho énchenme a cara de bicos e regálanme apertas que sempre me acompañan e que agradezo cada día. Graciñas.