luns, 27 de xullo de 2020

Estivemos coas nosas "Feministorias" na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela

O meu oficio de dicir é marabilloso, co paso dos anos sigo a sorprenderme en cada sesión. Esa mañá de sábado estaba un grupo de nenas na entrada agardando a que comezase, convideinas a pasar e dixéronme que eran amigas e viñan celebrar o aniversario dunha delas, daquela prendeuse unha luz nos meus ollos e sorriu o meu corazón, elixiran vir escoitar historias sobre o feminismo á biblioteca e pasar alí unha mañá de verán... e a min pareceume fermosísimo.

Sentaron diante, eu quedei preto querendo interactuar con elas, foi daquela cando preguntaron e expuxeron o moito que sabían de feminismo... foi unha mañá moi especial. O certo é que a Biblioteca Ánxel Casal é un lugar de encontro cultural máxico e xa noutras ocasión teño vivido algo semellante. Quedou demostrado que o feminismo pode ser divertido e que interesa coñecer a historia que non está nos libros de texto, a das nosas avoas e bisavoas que ergueron a voz e loitaron para cambiar o mundo. Aquí me vedes tentando aclarar as súas dúbidas e sobre todo... aprendendo dese público tan especial. Grazas por tanto como recibo.

venres, 24 de xullo de 2020

Acto de entrega do I Premio de Oratoria “Filomena Dato”

O pasado ano 2019 a Asociación Cultural Lisístrata convocaba o I PREMIO DE ORATORIA “FILOMENA DATO” para o alumnado dos diferentes ciclos do Ensino Obrigatorio, coa intención de promover o Idioma Galego e o Feminismo, ademais de render homenaxe a Filomena, un dos escasos referentes do feminismo do S. XIX e segunda escritora, despois de Rosalía, que publicaría un libro en galego nese século.

Este premio, o primeiro que leva o nome da “poeta das Mariñas” e que nesta primeira edición ten como tema a sororidade, terá o seu acto de entrega o domingo 26 de xullo ás 12:00 h. no Anfiteatro do Concello de Arteixo. Será un acto axustado ao protocolo Covid que consistirá nunha breve presentación, entrega de premios as persoas gañadoras, que expoñerán o seu traballo ante o público e como colofón a obra de Filomena soará na voz de Ana Hermida.

mércores, 22 de xullo de 2020

Pitusiña visita o Concello de Boimorto

Pitusiña é unha nena arrichada que sinte o galego, pensa, fala e xoga en galego. "Fala ben, así non se di..." Está farta de que sempre lle digan cousas que non entende e decide facer unha viaxe no tempo pola nosa historia onde descubrirá personaxes moi interesantes que lle farán comprender moitos porqués. Unha viaxe á que vos convida, queredes acompañala? Espectáculo de monicreques e actriz.

A cita de Pitusiña co público infantil da Comarca de Arzúa será o venres 24 de xullo ás 11:00 h., no CPI Armando Cotarelo Valledor do Concello de Boimorto.