sábado, 25 de febreiro de 2023

Acto Central do "Día de Rosalía" no Concello de Arteixo

Este ano celébrase a novena edición do concurso de poesía en homenaxe a Rosalía de Castro, está organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Arteixo a través da Rede Municipal de Bibliotecas. A infancia de entre 8 e 12 anos levará un agasallo pola súa partipación no concurso de recitados, outro por cada unha das tres categorías e a persoa gañadora recibirá o premio final. Ana Hermida dará lectura ao Manifesto da Aelg, redactado este ano por Carme Adán e tamén fará unha sentida homenaxe ao ilustre Arteixán Manuel Murguía, no centenario do seu pasamento.

Mentres delibera o xurado composto polo Clube de Lectura da Biblioteca Central de Arteixo “Henrique Rabuñal”, terá lugar unha escolma do recital “Palabra de Muller”, onde unha muller presta a súa voz ás escritoras homenaxeadas, para darlles o lugar que a historia lles negou, e a continuación outra escolma do recital “A Memoria é unha dama” para render homenaxe ás mulleres da Memoria Histórica, vítimas dunha desmemoria consentida. Ámbolos dous recitais estarán representados pola actriz arteixá Ana Hermida.

Será o sábado 04 de marzo, na Sala de Exposicións do Centro Cívico Cultural de Arteixo, ás 11:30 h. A entrada é libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala. Convidamos a toda a cidadanía arteixá a participar da Festa Rosaliana.

Ningún comentario:

Publicar un comentario