mércores, 22 de outubro de 2025

Arteixo conmemorou o "Día das Escritoras" con "Palabra de Muller"

Desde hai anos Lisístrata Asociación conmemora o Día das Escritoras con Palabra de Muller, un evento creado para reivindicar a obra e figura de autoras representativas da realidade do seu tempo, mulleres valentes, pioneiras, ás que tratamos de honrar nun acto de xustiza e recoñecemento. A todas elas prestámoslles a nosa voz para coñecer a súa obra, e tratar de reparar o inxusta que foi a historia con elas.

Este ano, X edición desta conmemoración, quixemos renderlle homanaxe ás nosas mulleres galegas da escrita e para tal fin contamos con persoas marabillosas que coa súa xenerosidade, entrega e sensibilidade fixeron deste evento algo moi emotivo.

𝗚𝗥𝗔𝗭𝗔𝗦 Miguel Sande, Paty Fernández, Rosario Sarmiento, Xurxo Lobato, Ana Hermida, Pilar Riaño, Aser Álvarez, Ánxela Abalo, Estrella Iglesias, Yisus, Carmen Rama, Mónica Montero, Antonio Patiño, María Martul, Nuria Lema e Paula Rodríguez do Clube Natación Arteixo, Ángeles Barreiro, Nacho León Galiano, Miriam Couceiro, Isabel Ferreiro, Juan José Barro. Sen vós non sería posible.

mércores, 15 de outubro de 2025

"A Vociferante da Baiuca" na Feira Histórica Arteixo 1900

"A Vociferante da Baiuca" é unha homenaxe ao noso Patrimonio Inmaterial e ás mulleres transmisoras do mesmo, proclamando o dereito á dignidade do idioma, literatura oral e música popular de Galicia. (Neste 2025 a Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas á Poesía Popular Oral).

A Vociferante da Baiuca abre os ollos á realidade e divulga no vento, declamados en chamada, aviso e advertencia, os seus pensares e mensaxes que outras calan. Alza o ton para seren oídas as narracións poéticas, poemas mal mirados e aquelas cuestións de contraste, agardando o aplauso da concurrencia e unha dádiva e conivencia. 

Ana Hermida é A Vociferante da Baiuca e estará no seu concello, poñendo en valor a nosa cultura tradicional, na Feira Histórica Arteixo 1900 o sábado 18 de outubro ás 12:00 h. no anfiteatro do paseo fluvial.

xoves, 9 de outubro de 2025

Celebramos o Día das Escritoras en Arteixo con "Palabra de Muller"

Celebramos no Concello de Arteixo o décimo aniversario do Día das Escritoras con "Palabra de Muller", facendo un percorrido pola obra de mulleres galegas pioneiras, rebeldes, silenciadas, inxustamente tratadas, incomprensiblemente esquecidas... ás que honraremos nun acto onde varias persoas representativas da cultura e sociedade galega prestarán a súa voz ás escritoras homenaxeadas. A actividade está dirixida ao público adulto e coordinada por Ana Hermida, de Lisístrata Asociación.

Será o sábado 11 de outubro ás 18:00 h. no Auditorio do Centro Cívico Cultural “Manuel Murguía” de Arteixo. A entrada libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala.

Leranse textos de Luz Pozo, Concepción Arenal, María Barbeito, Syra Alonso, Filomena Dato, María Casares, Begoña Caamaño, Luísa Villalta, María Victoria Moreno, Hildegart Rodríguez Carballeira, Enriqueta Otero, Francisca Herrera Garrido, Sofía Casanova, Xosefina López de Serantes, Mariví Villaverde, Xohana Torres, Rosalía de Castro, Xela Arias, María Mariño e Pura Vázquez.