martes, 17 de marzo de 2026

Carballo conmemora o 8M con "A historia en Feminino"

Estaremos en Carballo, capital da comarca de Bergantiños, para conmemorar o 8M “Día Internacional da Muller” contando "A historia en Feminino”, alí Ana Hermida achegará ao público mulleres sobresaíntes e descoñecidas que houbo ao longo da historia. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, deportistas, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino.

Esta actividade, encadrada no programa De landras a Carballos está organizada pola Concellaría de igualdade e a Concellaría de Normalización Lingüística, coa intención de reforzar os vínculos afectivos e favorecer aprendizaxes significativas desde as primeiras idades.

Porque a invisibilización é un xeito de violencia de xénero, estaremos achegando referentes e visibilizando mulleres borradas da historia o venres 20 de marzo, nas Escolas do Xardín Agra de Caldas, ás 18:00 h.

xoves, 12 de marzo de 2026

Conmemoramos o 8M co documental "Urraca, a Raíña Feudal"

Neste "Día Internacional da Muller" 8 de marzo de 2026, cando se cumpren 900 anos do aniversario do seu falecemento, lembramos o documental multidisciplinar sobre a Raíña Urraca, proxecto de Arraianos Produccións, dirixido por Aser Álvarez no ano 2022, onde Ana Hermida deu vida a Urraca.

Urraca I de León foi unha monarca medieval, destacada por ser a primeira raíña titular da historia de España e Europa, chegando a gobernar en solitario durante 12 anos. O seu reinado estivo marcado por unhas circunstancias políticas convulsas que levaron a traizóns, enfrontamentos e intrigas entre todos os poderes fácticos que nese momento existían na Península Ibérica.

Se queredes saber máis premede na ligazón Urraca, unha muller empoderada

sábado, 10 de xaneiro de 2026

Obradoiro de Teatro en Arteixo

A Escola de Teatro Lisístrata, nace co fin que fagas, ames e aprendas a desfrutar das artes escénicas. Moitos son os beneficios que aporta facer teatro, mellora a axilidade mental, axuda a vencer a timidez, fomenta a creatividade, aumenta a empatía, potencia o mundo das emocións, mellora o desenvolvemento persoal, axuda a relacionarse con outras persoas, favorece a memoria e a psicomotricidade (especialmente nas persoas de idade avanzada), amplía a linguaxe de cada persoa, descubre un novo entorno...

Neste obradoiro traballaremos a expresión oral e corporal, a arte de interpretar, o verso, a dicción, a comprensión textual, etc. Está dirixido ás persoas maiores de dezaoito anos, sen límite de idade. O noso é un teatro interxeracional, interracial, multicultural, inclusivo e diverso, tal como é a nosa terra arteixá. A profesora é Diplomada en Arte Dramática.

Este obradoiro terá lugar todos os domingos de 18:00 a 19:00 h. na Capela do Balneario de Arteixo. Comezamos o domingo 11 de xaneiro, apúntate no mail do cartaz ou pásate por alí, é de balde!, serás benvida/o teñas 18 ou 100 anos.