domingo, 31 de xaneiro de 2016

O 25N estivemos Contando en feminino na EEI de Barrionovo

Sempre é un inmenso pracer e unha honra compartir espazo, tempo e historias co alumnado da Escola de Educación Infantil de Barrionovo. Non tedes máis que botarlle un ollo á foto (sempre que poño imaxes da infancia é porque hai consentimento previo), escoitan con moitísima atención, participan moi activamente e o máis importante, son consciente de que lles chega a mensaxe de igualdade e non violencia de xénero.

Este ano fun contar A historia en Feminino a unha biblioteca onde estaba unha destas destas nenas e cando recoñeceu unha imaxe dixo "esa muller é unha valente" e contou o que fixera, seguiu contándonos o significado do lazo lila, nin tempo me deu a dicir nada, sorrindo volveu dicir "ti estiveches no meu cole o ano pasado", foi daquela cando a nai que estaba ao fondo preguntou sorprendida "e ti lembras o que che contou hai un ano?". De verdade que foi unha recompensa fermosísima. Grazas por todo canto recibo, moitas grazas. 

xoves, 28 de xaneiro de 2016

O día que estivemos Rimando e Xogando en San Sadurniño

O público era o alumnado do Ceip do Concello de San Sadurniño, as idades estaban comprendidas entre tres e oito anos, máis dun cento de nenas e nenos que rimaron, escenificaron, cantaron, recitaron, xogaron... e ao remate subiron ao escenario da Auditorio e bailaron ao son da música das palabras, a poesía. Que a poesía é do agrado da infancia é incuestionable, que disfrutan cos poemas tampouco se pode dubidar. Deixo unha mostra dos beneficios que as palabras envoltas en versos lles aportan ao mundo infantil.

mércores, 27 de xaneiro de 2016

Polo mundo adiante no Concello de Pontedeume

Levamos á Casa da Cultura do Concello de Pontedeume, Polo mundo adiante, contos, xogos e cancións dos cinco continentes que achegan á infancia a cultura e costumes dos diferentes pobos do mundo. Cando faltaban uns minutos para comezar escoitei un balbordo e moitas risas que viñan de fóra, eran as nenas e nenos xogando mentres agardaban na praza. Entraron, escoitaron, participaron, xogaron e cantaron nunha sala chea dun público entregado. 

Contamos A historia en Feminino no Concello de San Sadurniño

Dentro das actividades que o Concello de San Sadurniño programou para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, estaba A historia en Feminino. Ata alí viaxamos para contar ao alumnado do Ceip San Sadurniño historias de mulleres extraordinarias que houbo ao longo da historia, fascinantes unhas, sorprendentes outras. Mulleres ás que queremos dar o seu lugar na historia, unha historia que non as trata, aínda hoxe, como debera.

domingo, 24 de xaneiro de 2016

Compostela tivo Un Nadal cheo de contos no CSC José Saramago de Vite

Achegábase o Nadal e as risas das nenas e nenos poñían a banda sonora ao Centro Socicultural José Saramago de Vite, estaban coa ilusión propia desas datas, era todo un bule bule. Cheguei e dúas nenas foron as encargadas de guiarme polo centro ata o meu destino, a biblioteca. Despois das presentacións de rigor, as preguntas, as caras de interese, de risa, de case susto... volvíanse repetir; a infancia é transparente e reflicte nos seus ollos e palabras o seu pensar, gústame moito que expresen todo o que desexen, son marabillosos os comentarios, a súa inocencia. Rematamos, como sempre, cantando panxoliñas, un momento moi participativo e que disfrutamos todas as persoas presentes.

sábado, 23 de xaneiro de 2016

Contos de igualdade e violencia de xénero no Concello de Teo

Estivemos Contando en feminino no Concello de Teo para un público que evidencia ter o hábito lector adquirido e que manifesta o seu ritual cando se dispón a escoitar e participar das historias. É moi agradable sentir ese respecto, esa atención, esa participación, como tamén é fermoso tentar concienciar na igualdade e violencia de xénero entre risas usando os contos como medio para tal fin. As nenas e nenos, ao final das historias e cando reflexionamos sobre o tema, fixéronme unhas promesas, eu non dubido da súa palabra e sei que as van cumprir.

venres, 22 de xaneiro de 2016

A Historia en Feminino na Voz de Galicia

Deixamos a reseña que o xornal La Voz de Galicia fixo da nosa actividade A Historia en Feminino o día que estivemos na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela. Para a infancia o mellor referente está na familia, nas persoas adultas, en Compostela predican co exemplo.

Rimando e xogando, poesía para a infancia en Compostela

A Asociación de Escritores en Lingua Galega "AELG" faise eco na súa axenda de Rimando e Xogando, actividade para o público infantil na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela.

O mundo dos números, contos para a infancia na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago

Nun soleado sábado compostelán a infancia, acompañada das súas familias, achegouse á Biblioteca, a casa do saber e da fantasía, para asistir á sesión de contos. Alí comprobou que o mundo dos números non é tan diferente ao dos humanos. Desfilaron ante as persoas alí presentes personaxes que reflectían o mellor e o peor do xénero humano que lles fixeron reflexionar mentres, envoltos cun lazo de palabras, os valores prendían nesas mentes abertas e sen prexuízos.

mércores, 20 de xaneiro de 2016

Estivemos Contando en feminino en Carballo

Ese día tiña, ao igual que outros moitos, sesión doble, era no Ceip Fogar do Concello de Carballo, nunha actividade organizada pola Anpa Pedras Blancas e como podedes comprobar a visita pagou a pena, sempre paga a pena. Que máis podo pedir? É moi gratificante sentir que cando rematas de contar e atender todas as súas dúbidas e preguntas, cando xa estás recollendo, alguén se achega, te mira e di timidamente...podo darche unha aperta? cando vas volver? por moito que se repita eu sigo a emocionarme. Como tamén me emocionou que entre sesión e sesión na biblioteca, vise como as nenas e nenos maiores contaban contos no recreo a escolares de menor idade. 

En Curtis tiveron Un Nadal cheo de contos

Neste Nadal viaxamos ata o Concello de Curtis, pertencente á Comarca de Betanzos, para compartir historias, contos, panxoliñas... Nenas, nenos e tamén persoas adultas achegáronse a escoitar e participar da maxia propia desas datas coa ilusión de quen agarda o ansiado durante todo un ano. Rematamos sempre con panxoliñas, momento moi participativo e que eu disfruto e agradezo moito. 

Ocorre moitas veces, pero non sempre hai foto que o acredite, nesta ocasión deixo a mostra. Explícome, o público infantil é marabilloso e moitas veces leva bonecos, peluches... para que os seus "amigos" tan queridos disfruten e compartan eses momentos, nesta ocasión foi un peluche (que podedes ver na imaxe) que saíu á escena coa súa amiga cantando a dúo unha panxoliña, actuación que foi moi aplaudida polo público presente.

martes, 19 de xaneiro de 2016

Contos moi naturais no Gaiás no Día Mundial do Medio Ambiente

O Día Mundial do Medio Ambiente tivo lugar no Museo Centro Gaiás (Cidade da Cultura, Santiago de Compostela) o I congreso escolar “Rede Natura 2000. Escolas en Acción”. Durante esta xornada presentáronse 10 proxectos de investigación realizados durante o curso escolar. Organizou a actividade a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras da Xunta de Galicia, co apoio do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia).

Alí estivemos coa infancia, participando coas nosas historias e aprendendo dese conxunto de vontades que demostraron que o futuro, se depende das novas xeracións, será verde e azul. Foi fermosísimo ver como preparaban os seus traballos baixo a supervisión do profesorado e como expoñían os mesmos baixo unha ollada de fachenda das persoas encargadas de educar esas mentes limpas. O meu recoñecemento ao gran labor do profesorado e persoal do Ceida.

luns, 18 de xaneiro de 2016

Contos e lendas en Dodro polo Samaín

A nosa Terra está chea de auténticas marabillas, contos e lendas que a infancia, penso, debe coñecer. As nenas e nenos presentes ese día preguntáronme se estaba inventando o que lles contaba, foi daquela cando lles expliquei que esas historias teñen moitísimos anos, que son de tradición oral e que chegaron ata os nosos días grazas á memoria da xente e ás persoas que se preocuparon de recollelas en libros para que nunca se perdesen.

Eso foi o que lles levei ao Concello de Dodro, era época de Samaín, polo que tamén houbo un conto de medo, preguntei se eran valentes, dixeron que si, que se terían medo, dixeron que non. Así que a última historia estababa chea de "medos" para que cando regresaran á súa casa, xa coa pouca luz da noitiña, tivesen que ir con mil ollos, cen oídos e prestar atención ao vento, ás sombras... tiña máis medo eu que o público.

Contamos A historia en Feminino na Biblioteca do Froxel

Cando as nenas e nenos coñecen as historias destas mulleres extraordinarias, a sorpresa e admiración é patente. É moi gratificante comprobar o antes e o despois. Chegan con predisposición e sen prexuízos, escoitan con atención e moito interese, preguntan e preguntan e cando marchan, veñen preguntarme as últimas dúbidas e facerme comentarios.

A foto é de cando lles conto a historia dunha muller exemplo de superación e que teño comprobado que lles fascina, nada ten que ver o que pensan ao comezo do conto como a idea que teñen ao final. Hai moitas mulleres que coñecer, seguiremos tentando levar a súa historia, a historia real, á infancia e maiores que queiran coñecelas.

domingo, 17 de xaneiro de 2016

Contos de igualdade e violencia de xénero en Tomiño

A Anpa Ceip Antonio Fernández de Goián, no Concello de Tomiño, organizou a actividade de "Contando en feminino", estiven meses agardando a visita e por fin chegou o día. Cando cheguei aínda estaba o colexio pechado, non é lectivo polas tardes, polo que cando foron chegando as nenas e nenos, cando a directora abriu o colexio... pareceume moi fermoso. Alabar o labor de concienciación na igualdade e violencia de xénero de todas e cada unha das nais (neste caso eran todas mulleres) que acudiron a escoitar contos, os meus parabéns para as nenas e nenos que participaron dos contos, un público moi participativo, grazas.

Os contos non son tal e como sempre nos teñen contado, eso é o que eu lles digo, por eso existe Contando en feminino e polo mesmo motivo algún destes personaxes rematan como este da foto... por que? ahhh.

martes, 12 de xaneiro de 2016

"Tecín soia a miña tea" xunta a Rosalía e Manuel María

O día que representei en Vilagarcía a Rosalía de Castro con Tecín soia a miña tea, ao final da dramatización alguén do público que estaba ao fondo, e xa no debate posterior, dixo que tamén Manuel María tiña cousas moi bonitas para a infancia e puxo como exemplo o poema Galicia, ao que respondín que ese poema está musicado por Suso Vaamonde e nese preciso momento comezamos a cantar: Galicia docemente está ollando o mar....

venres, 8 de xaneiro de 2016

Deixamos en Fene "Un Nadal cheo de contos"

O público, tanto infantil como adulto, da Biblioteca Municipal de Fene participou moi activamente durante toda a actividade, polo que decidín darlles o protagonismo que merecían. Tal e como se pode apreciar na foto e ao remate dos contos, as nenas e nenos, mesmo tamén as persoas adultas encheron esa mañá soleada de decembro de panxoliñas e compartiron os seus desexos propios desas datas. Seguro que os Reis Magos tomaron boa nota.

sábado, 2 de xaneiro de 2016

Comezamos o ano "Contando en feminino" na Biblioteca Municipal Ágora do Concello da Coruña

O Nadal préstase a preparar actividades especiais. Os contos como medio de difusión cultural tradicional supoñen unha ferramenta perfecta para axudar na difusión de valores nos máis pequenos. Os valores de igualdade non son un motivo específico do Nadal, pero son moi necesarios nunhas datas nas que nenos e nenas atopan estímulos por todas partes sobre comportamentos, roles, educación, futuro... E nada mellor que uns contos para lembrar que aquí todas somos iguais!

Serán contos e historias para ir concienciando ao público infantil, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

A cita coa igualdade será o luns 4 de xaneiro na Biblioteca Ágora do Concello da Coruña ás 12:00 h. e require inscrición previa.