martes, 29 de marzo de 2016

Estaremos "Contando en Feminino" no Concello de Cangas do Morrazo

A rede de Bibliotecas de Cangas organiza unha sesión de contos de igualdade e non violencia de xénero. Serán historias para ir concienciando ao público infantil, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

A cita cos contos e coa igualdade será o xoves 31 na Biblioteca do Hío, no Concello de  Cangas do Morrazo, ás 18:00 h.

A historia en Feminino, a visibilidade das mulleres ao longo da historia

A historia en Feminino é un achegamento ao mundo infantil das moitas e sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que houbo ao longo da historia. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino. A través de contos, curiosidades, diversión e xogos, tentamos facer visibles ás mulleres e que a infancia teña unha visión máis real da historia.

domingo, 27 de marzo de 2016

"Mulleres no espello" no Día Mundial do Teatro

Hoxe, Día Mundial do Teatro, lembramos o día que representamos no Teatro Principal de Santiago ás mulleres que desde hai tempo me acompañan nos escenarios, chegando a ser Mulleres no espello. (A imaxe é dos ensaios, minutos antes da actuación).

Nestes anos en que a escena é tan insignificante en comparación coas prazas das cidades e as terras dos países onde se están xogando as traxedias auténticas da vida real… o teatro pode dicirnos todo: como os deuses habitan no ceo, ou como os presos languidecen en covas esquecidas baixo terra, ou como a paixón nos pode elevar, ou como o amor nos pode arruinar, ou como ninguén necesita unha boa persoa neste mundo, ou como reina o engano, ou como a xente vive en apartamentos, mentres os nenos se murchan en campos de refuxiados, ou as formas en que todos teñen que volver de novo ao deserto, ou como día tras día nos vemos obrigados a desprendernos das nosas persoas queridas, - o teatro pode dicilo todo.

É o teatro que está diante de vostede, non se descoide e non perda a oportunidade de participar nel, tal vez a oportunidade máis preciosa que temos nas nosas vidas vas e apresuradas. Necesitamos cada tipo de teatro. Só hai un teatro que seguramente non necesita ninguén, refírome a un escenario de xogos políticos, un teatro de políticas "rateiras", un teatro de políticos, un teatro inútil da política. O que sen dúbida non necesitamos é un teatro de terror cotián, xa sexa individual ou colectivo, o que non necesitamos é o teatro de cadáveres e sangue nas rúas e prazas, nas capitais ou nas provincias, un teatro falso dos enfrontamentos entre relixións ou grupos étnicos… (Anatoli Vassiliev).

mércores, 23 de marzo de 2016

“Non che teño medo”, contos para a infancia na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela

O conflito entre o ben e o mal está sempre presente nos contos de terror infantís e axuda a expresar as súas emocións e vencer os seus propios medos, contribuíndo a prepararse para a vida. Contaremos historias tenras, divertidas e duns medos moi particulares para que, mediante o entretemento, a infancia se enfronte aos temores e monstros que habitan os seus soños.

Será o sábado 26 de marzo, no salón de actos da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, ás 12:00 h.

luns, 21 de marzo de 2016

"No desmaio do teu bico" en Rianxo, no Día Mundial da Poesía

Hoxe, Día Mundial da Poesía, lembramos o recital poético-musical "No desmaio do teu bico" que  Santiago Fernández e Ana Hermida levaron ao Concello de Rianxo, para homenaxear ás mulleres e homes poetas da nosa terra galega.

Ao render homenaxe a aquelas e aqueles para quen a palabra libre, fonte de imaxinación e de actuación, é o único instrumento, recoñecemos o valor da poesía como símbolo da creatividade da mente humana. Ao dar forma e palabras ao que aínda non ten nin unha cousa nin a outra (a beleza inexplicable que nos rodea, os enormes sufrimentos e a miseria do mundo), a poesía contribúe á expansión da nosa humanidade común, e axuda a facela máis forte, máis solidaria e máis consciente dela mesma.

As voces que transmiten a poesía contribúen a realzar a diversidade lingüística e a liberdade de expresión. Colaboran no esforzo mundial en favor da educación artística e a difusión da cultura. Ás veces, a primeira palabra dun poema é suficiente para recuperar a confianza ante a adversidade e atopar o camiño da esperanza fronte á barbarie. Na época da robotización a inmediatez extrema, a poesía tamén abre un espazo de liberdade e aventura inherente á dignidade humana (Irina Bokova).

xoves, 17 de marzo de 2016

Estaremos no Concello de Corcubión "Contando en feminino", nos actos do Día Internacional da Muller

A Concellaría de Servizos Sociais, Muller e Igualdade, xunto coa Concellaría de Cultura do Concello de Corcubión, organizan, con motivo do Día da Muller, unha sesión de contos de igualdade e non violencia de xénero. Serán historias para ir concienciando ao público infantil, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

A cita coa igualdade será o sábado 19 ás 12:00 h. na Biblioteca Pública de Corcubión.

venres, 11 de marzo de 2016

O Concello de Viana do Bolo celebra o Día Internacional da Muller “Contando en Feminino”

O Concello de Viana do Bolo e o Cim Viana organizan unha serie de actos ao longo deste mes de marzo, con motivo do Día Internacional da Muller, entre os que está Contando en feminino. Serán historias para ir concienciando ao público infantil, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

A cita cos contos e coa igualdade será o luns 14, na Casa da Cultura do Concello de Viana do Bolo, ás 16:00 h.

martes, 8 de marzo de 2016

"O voitre e a pomba", verbas contra a violencia de xénero no Día Internacional da Muller

No Día Internacional da Muller, "Deamos o paso pola igualdade", así o fixemos cando estivemos no Concello de San Sadurniño, tentando concienciar sobre a igualdade e violencia de xénero con “O voitre e a pomba”. Facemos nosas as palabras dos organismos garantes da muller: 

Volvemos insistir no aumento da participación das mulleres como unha das condicións necesarias. Cada unha e cada un de nós é necesario nos nosos países, comunidades, organizacións, Gobernos e Nacións, para garantir que se adopten accións decisivas e visibles. As mulleres e as nenas son fundamentais para atopar solucións sustentables aos desafíos da pobreza, a desigualdade e a recuperación das comunidades máis golpeadas polos conflitos, aos desastres e aos desprazamentos. Elas atópanse na primeira liña de novas e ameazantes epidemias, como a enfermidade polo virus do Zika ou os efectos do cambio climático, á vez son o refuxio que protexe á familia, traballan pola paz e garanten o crecemento económico sustentable e o cambio social.

A participación das mulleres en todos os ámbitos e o fortalecemento do movemento de mulleres nunca foron tan cruciais, traballando xunto aos nenos e os homes, para contribuír ao empoderamento das nacións, erixir economías máis sólidas e sociedades máis saudables. Queremos lograr un mundo no que todas as mulleres e nenas teñan as mesmas oportunidades e os mesmos dereitos Esixe aos gobernos realizar compromisos nacionais que poñan fin á fenda na igualdade de xénero: desde leis e políticas ata plans de acción nacional e investimentos axeitados.

Para que todas as nenas rematen os ciclos do ensino primario e secundario, para que teñan acceso a servizos de atención na infancia e a un ensino preescolar de calidade, para poñer fin a todas as formas de discriminación contra todas as mulleres e as nenas en todo o mundo, para eliminar todas as formas de violencia contra todas as mulleres e nenas nos ámbitos público e privado, incluidas a trata, explotación sexual e outros tipos de explotación, para eliminar todas as prácticas nocivas, como o matrimonio infantil, precoz e forzado e a mutilación xenital feminina…. Deamos o paso! AGORA é o momento!