xoves, 13 de marzo de 2025

Entrevista a Ana Hermida na Tvg

Grazas A Revista Fin de Semana da TVG por esta entrevista a Ana Hermida, presidenta de Lisístrata Asociación, para falar sobre as nosas actividades con motivo do 8M "Día Internacional da Muller". Elixín como escenario para a charla a praia de Sabón do meu querido concello Arteixán, do que presumo aló por onde vou. 

domingo, 9 de marzo de 2025

Estaremos "Contando en Feminino" no Concello de Curtis para conmemorar o 8M "Día Internacional da Muller"

Estaremos “Contando en Feminino” no Concello de Curtis, na comarca de Betanzos, e así conmemorar o 8M "Día Internacional da Muller", alí Ana Hermida estará narrando historias dende a perspectiva de xénero e igualdade para ir concienciando para o alumnado do Ceip de Teixeiro, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario.

A cita co feminismo comezará ás 11:00 h., serán tres sesións, dúas para primaria e outra para infantil. Esta actividade está organizada pola Anpa A Froula e terá lugar nas instalacións do colexio.

domingo, 2 de marzo de 2025

Conmemoramos o 8M “Día Internacional da Muller” no Concello de Paderne contando “A historia en Feminino”

O Concello de Paderne, pertencente á comarca de Betanzos, ten programadas unha serie de actividades para conmemorar o 8M "Día Internacional da Muller", entre as que inclúe "A historia en Feminino" onde Ana Hermida fará un achegamento ás moitas e sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que houbo ao longo da historia. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, deportistas, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino. 

Estaremos visibilizando ás mulleres borradas da historia e achegando referentes para o apoderamento feminino, o venres 07 de marzo ás 19:00 h., será no Fogar do Maior no Concello de Paderne. Actividade dirixida ao público familiar.

martes, 25 de febreiro de 2025

“A historia en Feminino”, a visibilización das mulleres ao longo da historia, chega a Cerceda para conmemorar o 8M "Día Internacional da Muller"

Viaxamos ata Cerceda, na comarca de Ordes, para contar "A historia en Feminino”, alí Ana Hermida fará un achegamento ao alumnado do Ceip Plurilingüe Celso Emilio Ferreiro, das moitas e sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que houbo ao longo da historia. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, deportistas, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino. Actividade organizada pola Anpa Celso Emilio Ferreiro.

O venres 7 de marzo estaremos visibilizando mulleres borradas da historia para o alumnado de infantil e primaria do Ceip de A Silva de Cerceda.

venres, 21 de febreiro de 2025

Mesía conmemora o 8M con "A historia en Feminino"

O Concello de Mesía, na comarca de Ordes, para conmemorar o 8M “Día Internacional da Muller” ten programado entre as súas actividades "A historia en Feminino”, alí Ana Hermida fará un achegamento ao alumnado do Cpi de Xanceda das moitas mulleres sobresaíntes e descoñecidas que houbo ao longo da historia. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, deportistas, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino.

Porque a invisibilización é un xeito de violencia de xénero, estaremos achegando referentes e visibilizando mulleres borradas da historia o xoves 6 de marzo en Mesía.

luns, 17 de febreiro de 2025

Día de Rosalía en Arteixo

O día 23 de febreiro ás 13:00 h. no entorno do CCC de Arteixo "Manuel Murguía" e diante da Filla da "Figueira de Rosalía", celebraremos á Nai das nosas letras cun sinxelo acto, onde a veciñanza será a protagonista. Saúde e Terra!

Achégate e fai unha lectura da súa obra, podes traer ti o texto ou elixir entre os que nós teremos para que elixas. O acto dará comezo con Ana Hermida que dará lectura ao manifesto da AELG elaborado este ano por Marga do Val, para continuar coas lecturas da obra rosaliana por parte de todas aquelas persoas que queiran participar. 

sábado, 1 de febreiro de 2025

"A Vociferante da Baiuca", a cultura popular no Arteixo 1900

Ana Hermida na Feira Histórica Arteixo 1900 foi “A Vociferante da Baiuca”, estivo facendo unha homenaxe ao noso Patrimonio Inmaterial e ás mulleres transmisoras do mesmo, proclamando o dereito á dignidade do idioma, literatura oral e música popular de Galicia. A Vociferante da Baiuca levou ao auditorio de Arteixo narracións poéticas, poemas mal mirados, e outras cuestións de contraste, todo coa complicidade do público co que interactuaba.

Despois de pasar un tempo entre risas, o público bateu palmas para acompañar á Vociferante nos seus cantos como fin do espectáculo. Chovía (ironía modo-on), pero xa o facía antes de que a Vociferante comezara a entoar.

venres, 24 de xaneiro de 2025

Convocatoria do Premio de Oratoria "Filomena Dato" 2025

Pola presente convócase o PREMIO DE ORATORIA “FILOMENA DATO” 2025, nacido o ano 2019 para a participación do alumnado dos diferentes ciclos de Ensino e para centros públicos e privados de Galicia e do exterior, coa intención de promover a expresividade e a expresión –poética, narrativa e discurso– do Idioma Galego e o Feminismo, ademais de render homenaxe á “poeta das Mariñas”, un dos escasos referentes da literatura feminina e feminista do S. XIX e a segunda escritora, despois de Rosalía, que publicaría un libro en galego nese século. 

A inscrición farase no correo electrónico filomena.dato.muruais@gmail.com e deberá estar entregada a gravación, sempre mellor -de planos- en corpo enteiro, correspondente ao tema indicado, cunha duración máxima de 5 minutos, así como o traballo por escrito e a ficha do anexo, debidamente cuberta, que se pode descargar aquí mesmo.

O tema deste ano será: "Mansplaining". No verán de 2020 convidamos á Real Academia Galega a que incluíse este termo no seu diccionario, e aproveitamos a ocasión para reiterar a petición. Como novidade e a partir deste ano engádese "Tenzón" (para tentar recuperar esta composición) xunto con poesía, narrativa e oratoria, podendo cada persoa participar nunha ou nas dúas opcións da súa categoría correspondente. 

O prazo de inscrición é ata o 24 de febreiro. A entrega de premios terá lugar en Arteixo e farase coincidir c8M Dia Internacional da Muller, ás 12:00 h. no lugar que se comunicará oportunamente.

Prorrógase o prazo de inscrición debido ás moitas peticións por parte dos colexios. Tedes ata fin de curso para poder preparar as vosas propostas. Sorte, ánimo e adiante, moitos premios agardan por vós.

Ilustración e deseño: Iván del Río ©Todos os dereitos reservados

venres, 10 de xaneiro de 2025

Contamos "A historia en Feminino" no Concello de Ribeira

Ana Hermida estivo na Comarca do Barbanza para contar a "Historia en Feminino" no Concello de Ribeira, onde a a Asociación Veciñal de Carreira promoveu esta actividade para visibilizar ás mulleres borradas ao longo da historia. Foi unha tarde-noite dun temporal intensísimo e aínda así a asistencia foi enorme, polo que agradezo o interese e compromiso da veciñanza co feminismo.

xoves, 28 de novembro de 2024

Estivemos "Contando en Feminino" en Fisterra para conmemorar o 25N co público máis miúdo

O martes 26 de novembro a actriz e narradora arteixá Ana Hermida, da Asociación Lisístrata, estivo “Contando en Feminino” no Concello de Fisterra para concienciar na igualdade e na loita contra a violencia de xénero e o abuso infantil. O público foi o alumnado de 3 a 5 anos do CPR Nosa Señora do Carme e asistiron 26 nenas e nenos.

Foi un encontro feliz e moi positivo, tanto para a narradora, como para o alumnado, que foi quen tivo o protagonismo preguntando dúbidas e con respostas que sorprenderían ás persoas adultas. Participaron moi activamente e desfrutaron dos contos elixidos para a ocasión. Para acabar coa violencia de xénero é importante desenvolver unha imaxe positiva das nenas desde a máis tenra infancia e que saiba identificar este tipo de violencia, así o fai o Centro escolar, e tamén a Anpa do Colexio Nosa Señora do Carme, que foi quen organizou esta sesión de historias para sensibilizar a ese alumnado miúdo.

O Colexio Nosa Señora do Carme é un centro concertado cuxo proyecto educativo ten ao alumnado como protagonista, educándoo de xeito integral na súa triple dimensión: individual, social e trascendente, para ser capaz de acadar crítica e responsablemente o seu proxecto persoal. Nace o 5 de setembro de 1965 no seo da obra A Nosa Señora do Carme, cuxo promotor foi o coristanqués D. Luciano Moreira Carracedo, párroco de Santa María de Fisterra e falecido no 2008. O colexio conta tamén cun centro de menores desde 1994, con atención integral as 24 horas e todos os servizos.

xoves, 21 de novembro de 2024

"Contando en Feminino" en Fisterra para conmemorar o 25N "Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller"

Ana Hermida estará no Concello de Fisterra "Contando en Feminino" para o alumnado de infantil do CPR Nuestra Señora del Carmen e así conmemorar o 25N "Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller". Serán historias narradas desde a perspectiva de xénero e igualdade, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario, onde o final pode cambiar e a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. 

A cita do alumnado co feminismo será o martes 26 de novembro ás 09:30 h. Actividade organizada pola Anpa Colexio Nuestra Señora del Carmen de Fisterra.

martes, 19 de novembro de 2024

Boimorto conmemora o 25N "Contando en feminino"

O Concello de Boimorto, na comarca de Arzúa, conmemora o 25N "Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller", con varias actividades, entre elas “Contando en Feminino” onde Ana Hermida narrará, para a cidanía boimortesa, historias desde a perspectiva de  xénero e así concienciar na igualdade, violencia de xénero e abuso infantil.

Será o sábado 23 de novembro na Casa da Cultura do Concello de Boimorto ás 18:00 h.


domingo, 17 de novembro de 2024

"A historia en Feminino", a visibilización das mulleres ao longo da historia, chega a Rianxo para conmemorar o 25N

Conmemoramos o 25N “Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller” en Rianxo contando “A historia en Feminino”, onde Ana Hermida fará un achegamento ao público infantil das moitas e sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que houbo ao longo da historia e que foron borradas da mesma. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, deportistas, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino. 

Porque a invisibilización tamén é violencia de xénero, estaremos visibilizando mulleres no Ceip Ana María Diéguez do Concello de Rianxo para o alumnado  de infantil e primaria, que terán una cita co feminismo o luns 25 de novembro en horario de mañá.

luns, 4 de novembro de 2024

Entrevista na La Voz de Galicia pola campaña do 25N

Grazas a La Voz de Galicia polo seu compromiso co feminismo e por esta entrevista a Ana Hermida sobre a nosa loita contra a violencia de xénero nestes días cos monólogos teatrais para persoas adultas "Miña casiña, meu lar" en Vimianzo e coa narración oral para a infancia "Contando en Feminino" en Cee con motivo do "Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller".

martes, 29 de outubro de 2024

"Contando en feminino" en Rianxo para conmemorar o 25N "Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller"

O Concello de Rianxo, pertencente á Comarca do Barbanza, ten organizada unha ampla programación para conmemorar o 25N que inclúe “Contando en feminino”, actividade dirixida ao público familiar, onde Ana Hermida contará historias para concienciar na igualdade e violencia de xénero.

A cita co feminismo será o venres 15 de novembro ás 19:00 h. na parroquia rianxeira de Isorna, onde naceu e descansan os restos do crego e poeta antifranquista “Faustino Rey Romero” que dá nome ao Centro Sociocultural, coñecido como a Casa da República, onde terá lugar a actividade.


luns, 14 de outubro de 2024

"A Vociferante da Baiuca" na Feira Histórica Arteixo 1900

"A Vociferante da Baiuca" é unha homenaxe ao noso Patrimonio Inmaterial e ás mulleres transmisoras do mesmo, proclamando o dereito á dignidade do idioma, literatura oral e música popular de Galicia. A Vociferante da Baiuca abre os ollos á realidade e divulga no vento, declamados en chamada, aviso e advertencia, os seus pensares e mensaxes que outras calan. Alza o ton para seren oídas as narracións poéticas, poemas mal mirados e aquelas cuestións de contraste, agardando o aplauso da concurrencia e unha dádiva e conivencia. 

Ana Hermida é A Vociferante da Baiuca e estará no seu concello, poñendo en valor a nosa cultura tradicional, na Feira Histórica Arteixo 1900 o sábado 19 de outubro ás 12:00 h. no anfiteatro do paseo fluvial.

xoves, 7 de marzo de 2024

“A historia en Feminino”, a visibilización das mulleres ao longo da historia, chega ao Concello de Curtis para conmemorar o 8M "Día Internacional da Muller"

Iremos ao Concello de Curtis, na comarca de Betanzos, para contar "A historia en Feminino" e así conmemorar o 8M "Día Internacional da Muller", alí Ana Hermida fará un achegamento ao alumnado do Ceip de Teixeiro, das moitas e sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que houbo ao longo da historia. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, deportistas, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino. 

A cita co feminismo comezará ás 11:00 h. co grupo de infantil, ao que seguirá o de primaria, cunha actividade que terá lugar nas instalacións do colexio e que está organizada pola Anpa A Froula.

luns, 5 de febreiro de 2024

Celebramos o 11F en Teo contando "A historia en Feminino" na ciencia

Celebramos o 11F Día Internacional da Muller e a Nena na ciencia con “A historia en Feminino” onde Ana Hermida fará un monográfico sobre as mulleres no mundo da ciencia. Ao longo da historia as mulleres romperon barreiras e destacaron nun mundo de homes, foron moitos os seus logros no eido científico, tecnoloxía, informática, matemáticas, física, inventos... pero foron inxustamente invisibilizadas. Xa é hora de que se coñezan as súas vidas, os seus logros e crear referentes para apoderar as nenas e promover que se acheguen ao mundo marabilloso da ciencia, farémolo mediante historias, actividades e algunha sorpresa.

Será o mércores 21 de febreiro na biblioteca do Ceip Plurilingüe Os Tilos, do Concello de Teo. A cita coas nosas científicas comezará ás 10:00 h. e haberá varias sesións para o alumnado de 1º a 6º de primaria. 

martes, 28 de novembro de 2023

"Contando en feminino" en Caión, historias para loitar contra a violencia de xénero o 25N

Ana Hermida viaxará á Caión, vila da Costa da Morte pertencente ao Concello da Laracha, para contar historias desde a perspectiva de xénero e igualdade, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario, onde o final pode cambiar e a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Conmemoramos así o 25N "Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller".

A cita co feminismo será o xoves 30 de novembro ás 12:30 h. na Biblioteca, onde haberá dúas sesións para o alumnado de primaria do Ceip de Caión.

venres, 24 de novembro de 2023

"Contando en feminino" en Caión para o público máis miúdo no 25N

Ana Hermida viaxará á Costa da Morte para conmemorar o 25N "Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller" co alumnado de Educación Infantil do Ceip de Caión contra a violencia de xénero e o abuso infantil.

Será o xoves 30 de novembro ás 11:00 h. na Biblioteca do centro escolar.


Diario de Ferrol recolle "A historia en Feminino" no Ceip de Pazos

Grazas ao xornal El  Diario de Ferrol por recoller a nosa actividade  O colexio Pazos conmemora o 25N coa sesión “A historia enfeminino” de Lisístrata

luns, 20 de novembro de 2023

"Contando en feminino" en Compostela para conmemorar o 25N "Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller"

O Concello de Santiago de Compostela, para conmemorar o 25N, organizou unha ampla programación que inclúe “Contando en feminino”, actividade dirixida a todo tipo de público, onde Ana Hermida contará historias para concienciar na violencia de xénero.

Será o sábado 25 de novembro ás 19:00 h. no CSC do Castiñeiriño “Agustín Bueno”.

xoves, 16 de novembro de 2023

Conmemoramos o 25N "Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller" en Neda con "A historia en Feminino"

Hai moitos anos decidín que había que pasar á acción, naceron entón varios proxectos para concienciar no feminismo, loitar contra a violencia de xénero, o abuso infantil, visibilizar mulleres, etc. “A historia en Feminino” é un proxecto que leva moitos anos visitando concellos de toda Galicia, o público vai desde infantil, primaria, secundaria, bacharelato, público adulto... ata persoas con capacidades especiais. 

Todo esto nace do compromiso persoal e de crer firmemente no que fago. Cando vexo as reaccións do público penso... pagou a pena, esquezo daquela as horas roubadas ao sono, os moitos quilómetros percorridos, semento feminismo e vexo os resultados, é o mellor termómetro para comprobar que estes proxectos funcionan. Misión cumprida, grazas por tanto como recibo.

luns, 13 de novembro de 2023

Conmemoramos o 25N "Contando en feminino" ao alumnado das Escolas de Educación Infantil do Concello de Arteixo

Conmemoramos o 25N "Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller", coa actividade “Contando en Feminino” onde Ana Hermida contará, na súa terra arteixá, historias desde a perspectiva de xénero e igualdade, para concienciar contra a violencia de xénero e o abuso infantil.

A actividade, que está dirixida ao alumnado das Escolas de Educación Infantil de A Lagoa, Rorís e Larín de Arriba, terá lugar o venres 17 de novembro ás 11:00 h. na Biblioteca "Henrique Rabuñal" do Concello de Arteixo.

mércores, 8 de novembro de 2023

"A historia en Feminino", a visibilización das mulleres ao longo da historia, chega a Neda para conmemorar o 25N

O Concello de Neda, dentro da súa programación especial para conmemorar o 25N “Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller”, ten incluída “A historia en Feminino”, onde Ana Hermida fará un achegamento ao público infantil das moitas e sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que houbo ao longo da historia e que foron borradas da mesma. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, deportistas, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino. 

Porque a invisibilización é tamén violencia de xénero, estaremos visibilizando mulleres no salón de actos da Biblioteca Pública do Concello de Neda, o martes 21 de novembro ás 18:30 h. 

Desexamos expresar todo o noso apoio á veciñanza nedense logo dos asolagamentos sufridos nestes días.

domingo, 22 de outubro de 2023

Celebramos o Día da Biblioteca no Concello de Cee "Contando en Feminino"

Ana Hermida volve ao Concello de Cee, na Comarca de Fisterra, para achegar á infancia ceense historias contadas desde a perspectiva de xénero e igualdade, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

Estaremos celebrando o Día da Biblioteca concienciando no feminismo ao alumnado dos centros educativos do concello. Será o martes 24 de outubro ás 11:00 h. no auditorio da Casa da Cultura de Cee.

martes, 17 de outubro de 2023

Estaremos "Contando en Feminino" en Ferrol

Estaremos en Ferrol “Contando en feminino”, narrando historias desde a perspectiva de xénero e igualdade, para concienciar contra a violencia de xénero e o abuso infantil. Celebramos así o Día da Biblioteca e o vixésimo quinto aniversario da Asociación Cultural Artábria, organizadora deste acto que está dirixido ao público familiar.

Será o sábado 21 de outubro ás 17:00 h. no local social da AC Artábria. A entrada é libre e gratuíta ata completar aforo.

venres, 13 de outubro de 2023

A Biblioteca Ánxel Casal de Compostela celebra o Día das Escritoras con "Palabra de Muller"

Celebramos o Día das Escritoras na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, con "Palabra de Muller", onde persoas representativas da cultura e sociedade galega poñerán voz á obra das escritoras homenaxeadas para darlles o lugar que a historia lles negou. Imos reivindicar con alegría a vida, a liberdade e a fermosura dos nosos corpos. A actividade está dirixida ao público adulto e coordinada por Ana Hermida, de Lisístrata Asociación, en colaboración coa Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal.

Este día é unha iniciativa da Biblioteca Nacional de España (BNE), a Federación Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e a Asociación Clásicas e Modernas (CyM). Ademais, contará coa colaboración da Asociación Colexial de Escritores (ACE) e o Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO).

Será o luns 16 de outubro ás 19:00 h. no salón de actos, con entrada libre ata completar a capacidade da sala.

xoves, 31 de agosto de 2023

A “Historia en Feminino”, a visibilización de mulleres ao longo da historia, na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela

Ana Hermida fará un achegamento ao público infantil das moitas e sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que houbo ao longo da historia e que foron borradas da mesma. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, deportistas, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino. 

Porque a invisibilización é un xeito de violencia de xénero, estaremos visibilizando mulleres no salón de actos da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, o sábado 2 de setembro ás 12:00 h. Entrada libre ata completar aforamento.

xoves, 27 de abril de 2023

“Non che teño medo”, contos para vencer os medos, na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela

O conflito entre o ben e o mal está sempre presente nos contos de terror infantís e axuda a expresar as súas emocións e vencer os seus propios medos, contribuíndo a prepararse para a vida. Contaremos historias tenras, divertidas e duns medos moi particulares para que, mediante o entretemento, a infancia se enfronte aos temores e monstros que habitan os seus soños.

Será o sábado 3 de xuño, no salón de actos da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, ás 12:00 h.

mércores, 19 de abril de 2023

"Facemos as paces?" contos para celebrar o Día do Libro na Biblioteca de Arteixo

Conmemoramos o Día do Libro contando historias para que a infancia medre na paz e non violencia, nas que está presente a resolución de conflitos e o respecto entre as xentes e os pobos do mundo. A través delas a infancia arteixá coñecerá valores tan importantes como a paz, a solidariedade, a amizade…

Será o xoves 27 de abril, na biblioteca de Arteixo “Henrique Rabuñal”, ás 18:30 h.

luns, 17 de abril de 2023

O alumnado da Escola Infantil Galiña Azul Arteixo-Pastoriza celebra o Día do Libro con "Picaradas"

Os libros a estas idades son pequenos xoguetes que axudan a estimular os sentidos, espertar a imaxinación e recoñecer o seu pequeno mundo. Son persoas observadoras, imaxinativas e moi selectivas. Durante media hora teremos cancións, xogos, rimas… e historias para procurar que se acheguen ao mundo dos libros e ás súas primeiras lecturas.

Serán dúas sesións para o alumnado da Escola Infantil Galiña Azul de Arteixo - Pastoriza, que celebrará o Día do Libro na Biblioteca "Miguel Sande" de Pastoriza, o luns 24 de abril ás 11:00 h. e 12:00 h.

sábado, 15 de abril de 2023

O alumnado da EEI de Barrionovo celebra o Día do Libro "Tecendo soños" na Biblioteca de Pastoriza

Hai libros grandes, pequenos, libros de aventuras, de viaxes, de animais… libros que nos fan vivir situacións e momentos irrepetibles. Os libros espertan a nosa imaxinación e fan que nos sintamos protagonistas da historia. 

Celebramos o Día do Libro tecendo soños, levando ilusión ao alumnado da EEI de Barrionovo, que acudirá á Biblioteca de Pastoriza "Miguel Sande", o xoves 20 de abril ás 11:00 h., para ter un encontro feliz coas máxicas historias que se agochan nos libros.

luns, 10 de abril de 2023

Celebramos o Día do Libro "Tecendo soños" na Biblioteca de Froxel

Hai libros grandes, pequenos, libros de aventuras, de viaxes, de animais… libros que nos fan vivir situacións e momentos irrepetibles. Os libros espertan a nosa imaxinación e fan que nos sintamos protagonistas da historia. Celebramos o Día do Libro tecendo soños, levando ilusión ao público infantil coas máxicas historias que se agochan nos libros. Convídote a soñalas. 

Que lugar mellor para festexar o Día do Libro que a miña terra arteixá onde naceu Murguía? Estaremos na parroquia de Oseiro, onde está O Froxel, berce do Patriarca, celebrando a festa do libro, que terá lugar nun encontro feliz coa infancia o martes 11 de abril, na Biblioteca de Froxel "Francisco A. Vidal", ás 18:30 h.

sábado, 1 de abril de 2023

"Feministorias", unha cita co feminismo en Arteixo no 8M

A cita co feminismo era na Biblioteca de Meicende “Antón Castro” da parroquia de Pastoriza, alí estivo Ana Hermida (a pesar dos corenta e tantos graos de febre) sementando feminismo, visibilizando a historia de mulleres que non está nos libros de texto, a das nosas avoas e bisavoas que ergueron a voz e loitaron para cambiar o mundo. 

Conmemoramos o 8M “Día Internacional da Muller” en Arteixo coas nosas "Feministorias", un modo de apoderar ás nenas, e de amosarlles aos nenos referentes femininos.

venres, 10 de marzo de 2023

"Feministorias" unha cita para conmemorar o 8M "Día Internacional da Muller" en Arteixo

A infancia coñecerá, dun xeito divertido e ameno, a historia que non está nos libros de texto, a das nosas avoas e bisavoas que ergueron a voz e loitaron para cambiar o mundo. Nenas e nenos tenden a sentirse protagonistas das historias, polo que lles achegaremos referentes moi coidados e mediante contos, curiosidades e xogos repasaremos os logros e a evolución do feminismo ata os nosos días. Porque o feminismo tamén pode ser divertido.

A cita da infancia co feminismo será o mércores 15 de marzo ás 18:30 h. na Biblioteca de Meicende “Antón Castro”, na parroquia arteixá de Pastoriza.

venres, 3 de marzo de 2023

“A historia en Feminino”, a visibilización das mulleres ao longo da historia, chega a Fisterra para conmemorar o 8M "Día Internacional da Muller"

Viaxamos ata o fin da terra, ao Concello de Fisterra, que dá nome á comarca, para contar "A historia en Feminino”, alí Ana Hermida fará un achegamento ao alumnado do Ceip Mar de Fóra das moitas e sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que houbo ao longo da historia. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, deportistas, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino. Actividade organizada pola Anpa Atalaia para que o alumnado celebre o fin de curso en igualdade.

Porque a invisibilización é un xeito de violencia de xénero, estaremos visibilizando mulleres borradas da historia no colexio fisterrán, para os grupos de infantil e primaria, o mércores 08 de marzo ás 11:30 h.

xoves, 2 de marzo de 2023

"Contando en feminino" en Santa Comba no 8M "Día Internacional da Muller"

O Concello de Santa Comba, na comarca do Xallas conmemora o 8M "Día Internacional da Muller”, con varias actividades, entre elas “Contando en Feminino” onde Ana Hermida contará historias desde a perspectiva de xénero e igualdade, para concienciar contra a violencia de xénero e o abuso infantil.

Será o mércores 08 de marzo ás 18:00 h. na Biblioteca Pública Municipal, situada na Casa da Cultura do Concello de Santa Comba.

sábado, 25 de febreiro de 2023

Acto Central do "Día de Rosalía" no Concello de Arteixo

Este ano celébrase a novena edición do concurso de poesía en homenaxe a Rosalía de Castro, está organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Arteixo a través da Rede Municipal de Bibliotecas. A infancia de entre 8 e 12 anos levará un agasallo pola súa partipación no concurso de recitados, outro por cada unha das tres categorías e a persoa gañadora recibirá o premio final. Ana Hermida dará lectura ao Manifesto da Aelg, redactado este ano por Carme Adán e tamén fará unha sentida homenaxe ao ilustre Arteixán Manuel Murguía, no centenario do seu pasamento.

Mentres delibera o xurado composto polo Clube de Lectura da Biblioteca Central de Arteixo “Henrique Rabuñal”, terá lugar unha escolma do recital “Palabra de Muller”, onde unha muller presta a súa voz ás escritoras homenaxeadas, para darlles o lugar que a historia lles negou, e a continuación outra escolma do recital “A Memoria é unha dama” para render homenaxe ás mulleres da Memoria Histórica, vítimas dunha desmemoria consentida. Ámbolos dous recitais estarán representados pola actriz arteixá Ana Hermida.

Será o sábado 04 de marzo, na Sala de Exposicións do Centro Cívico Cultural de Arteixo, ás 11:30 h. A entrada é libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala. Convidamos a toda a cidadanía arteixá a participar da Festa Rosaliana.