sábado, 28 de marzo de 2015

Contando en feminino na Axencia de Lectura de Guillade, Ponteareas, no Blog de Ler conta noito

O blog de Ler conta moito, da Consellería de Educación e Cultura da Xunta de Galicia, faise eco da visita que realizou Ana Hermida á Axencia de Lectura Municipal Trovador Xoán García de Guillade, no concello de Ponteareas, onde estivo "Contando en feminino" para as nenas e nenos do CEIP Santiago de Oliveira.

Deixamos o enlace da actividade CONTANDO EN FEMININO NA AXENCIA DE LECTURA DE GUILLADE



luns, 23 de marzo de 2015

Sesión de Contos moi naturais na Biblioteca Central de Arteixo

Serán contos enfocados a por en valor a natureza, a defensa do medio ambiente, contos que falan de contaminación, de incendios, do amor á natureza, aos animais… somos parte da natureza, somos naturais coma as árbores, a auga, os paxaros… xogando e contando, defendemos e concienciamos da importancia do noso hábitat e asi respectalo e coidalo debidamente.

A cita cos contos sobre o medio ambiente será o xoves 26 de marzo ás 18:50 h., na Biblioteca Central de Arteixo "Henrique Rabuñal".

domingo, 22 de marzo de 2015

Contando en feminino na Biblioteca de Ponteareas

Os contos sobre a igualdade viaxan ata a Comarca do Condado, unha terra con historia que garda na súa memoria historias fascinantes.

Contaremos historias para ir concienciando ao público máis novo, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

A cita será coas nenas e nenos do CEIP Santiago de Oliveira o martes 24 de marzo ás 12:00 h., na ALM Trovador Xoan García de Guillade, no Concello de Ponteareas.

Contos de igualdade en Narón, para celebrar o Día Internacional da Muller

A Biblioteca Pública Muncipal de Narón organizou, con motivo do Día Internacional da Muller, unha actividade para concienciar ao público infantil en temas de igualdade e violencia de xénero.

Estivemos contando para todas as nenas e nenos que por alí se achegaron. Era bonito ver o ritual da entrada, chegaban na sala coa súa entrada na man e procurando o mellor sitio para escoitar con atención as historias que se lles ían contar. Foi un día onde o público, tanto infantil como adulto, tivo un alto grao de implicación na actividade. 

Estivemos Contando en feminino para as nenas e nenos de Valdoviño

O Concello de Valdoviño celebrou o Día Internacional da Muller cun amplo programa, dentro do cal estaba incluída a nosa actividade "Contando en feminino", dirixido a un público familiar.

As nenas e nenos escoitaron, preguntaron, riron, sacaron as súas conclusións... e quedaron coa mensaxe que se pretendía achegar. A proba foi un debuxo que resume á perfección todo o que se lles contou. Estrela, unha nena do público, mentres eu recollía, achegouse  e entregoume ese bonito agasallo que, dende ese día, gardo con moito cariño.

domingo, 15 de marzo de 2015

San Sadurniño, risas e reflexión no Día Internacional da Muller, con "Miña Casiña, meu lar"

Nada mellor para denunciar a situación da muller que unhas risas que invitan á reflexión. Textos que reflicten e amosan a cruel realidade das mulleres maltratadas, explotadas, infravaloradas... Para rir fai falta intelixencia, agudeza, na gargallada ábreselle a boca, pero tamén o cerebro e no cerebro crávanseche os cravos da razón.

O público de San Sadurniño foi un público que respondeu ás expectativas e así ao remate da actuación tivo lugar o debate no que houbo intercambio de opinións e moita implicación, ese debate que sempre busco... sempre tan enriquecedor.

A infancia de Compostela celebrou o Día da Poesía Rimando e Xogando

O público non puido ser máis participativo, cantou, rimou, xogou e, por suposto, recitou. Moitas mans erguidas para ler os poemas nunha mañá de sábado na que, aínda cun día espléndido, as nenas, nenos e tamén as persoas adultas se achegaron á Biblioteca Pública Ánxel Casal, para disfrutar da poesía.

Tamén algún aldulto quixo competir cos recitados do público infantil, outro fíxoo acompañado do seu fillo... É bonito ver como nais e pais dan un fermoso exemplo participando das actividades. Nomes como Helena Villar, Manuel María, Rosalía de Castro, Xesús Rábade, Anisia Miranda... xa lles son familiares, así como a súa obra poética coa que disfrutaron e aprenderon a amar esta terra nosa de poetas. 

mércores, 11 de marzo de 2015

Contando en feminino na Biblioteca Pública Municipal de Narón

Serán contos contados dende a perspectiva de xénero e igualdade. Contos e historias para ir concienciando ao público máis novo, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

A cita cos contos e coa igualdade será o sábado 14 ás 11:00 h. na Biblioteca Pública Municipal de Narón.

Mitoloxía para xente miúda na Biblioteca Antón Castro de Meicende

As nenas e nenos de Meicende terán a oportunidade de escoitar historias de aventuras sobrehumanas de heroes lendarios, de deuses que dominaban a terra, contos cheos de fantasía. Mitos fantásticos de todo o mundo que chegaron ata os nosos días para que o público infantil medre coa fantasía dese mundo máxico que serviu aos nosos antigos para buscar explicacións ao descoñecido.

A cita será o venres 13 ás 18:50 h. na Biblioteca Antón Castro, no Centro Sociocultural de Meicende (Arteixo).

mércores, 4 de marzo de 2015

"Miña casiña, meu lar" chega a San Sadurniño para celebrar o Día Internacional da Muller

Para celebrar o Dia Internacional da Muller, Ana Hermida representará esta obra enfocada dende un punto de vista humorístico que amosa a realidade da muller no seu fogar e que reflicte a crúa situación das mulleres maltratadas, tanto no físico coma no verbal e no psíquico. Porque como apunta o Secretario da ONU,  Ban Ki-moon, na mensaxe deste ano, no Día Internacional da Muller:

"Neste Día Internacional da Muller, debemos recoñecer que os logros foron demasiado lentos e dispares, e que debemos facer moito máis por acelerar os progresos en todas as zonas do mundo. O mundo debe unir as súas forzas para responder aos ataques contra mulleres e nenas por parte dos extremistas violentos. As mulleres foron atacadas por intentar exercer o seu dereito á educación e aos servizos básicos; foron violadas e convertidas en escravas sexuais; foron dadas como trofeo aos combatentes, ou intercambiadas como mercadoría entre grupos extremistas en redes de trata. Médicas, enfermeiras e outras mulleres foron asasinadas por intentar exercer a súa profesión. Debemos adoptar unha postura internacional clara contra este asalto total aos dereitos humanos da muller..."

A cita será o 8 de marzo en Lamas, Concello de San Sadurniño, ás 16:30 h.

A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, celebra o Día Mundial da Poesía "Rimando e Xogando"

Adiantámonos ao Día Mundial da Poesía para celebralo coas nenas e nenos de Compostela con pequenos xogos poéticos e rimas cheas de entretemento. A infancia é unha época ideal para comezar a coñecer a poesía e como Irina Bokova, Secretaria Xeral da UNESCO, di na mensaxe deste ano para celebrar este día:

"A poesía, tan antiga como a propia humanidade e igual de diversa, ten as súas raíces en tradicións, orais e escritas, tan variadas como o rostro humano, que capta a profundidade das emocións, os pensamentos e os anhelos que guían cada muller e cada home. A poesía é a expresión suprema da diferenza no diálogo e no espírito de unidade. Cada poema, aínda que único, reflicte o universal da experiencia humana, o anhelo de creatividade que transcende todos os límites e as fronteiras, tanto do tempo como do espazo, na afirmación constante de que a humanidade forma unha única e soa familia…"

Será o sábado 7 de marzo, ás 12:00 h. no Salón de Actos da Biblioteca.


Valdoviño celebra o Día Internacional da Muller "Contando en feminino"

Contaremos contos dende a perspectiva de xénero e igualdade, porque como di o Secretario da ONU,  Ban Ki-moon, na mensaxe deste ano, no Día Internacional da Muller:

"Mesmo nas sociedades que viven en paz, son demasiadas as nenas e as mulleres que seguen sufrindo malos tratos no fogar, mutilación xenital e outras formas de violencia que as traumatizan como individuos e danan sociedades enteiras. A discriminación segue sendo unha espesa barreira que ha de romper. Debemos ampliar as oportunidades na política, a empresa e noutros ámbitos. Debemos cambiar as mentalidades, especialmente entre os homes, inspirándoos a que se convertan eles mesmos en axentes activos do cambio. E debemos avalar a nosa determinación con recursos baseándonos no entendemento seguro de que os investimentos en igualdade entre os xéneros xeran progreso económico, inclusión política e social e outros beneficios que, á súa vez, fomentan a estabilidade e promoven a dignidade humana..."

A cita cos contos, actividade que organiza a Biblioteca Municipal, será o venres 6 de marzo, ás 18:30 h., na Casa da Cultura de Valdoviño.

martes, 3 de marzo de 2015

Para celebrar o Día Internacional da Muller, lembramos a Ana Hermida contando "A historia en Feminino"

Nesta semana, na que se celebra o Día Internacional da Muller o 8 de marzo, lembramos as historias dunha historia na que as mulleres son, aínda agora, inxustamente tratadas.