martes, 26 de febreiro de 2019

Audiohistorias, homenaxe a Antón Fraguas na Biblioteca de Meicende

Inventaremos personaxes que habiten mundos imaxinarios e ambientaremos historias que contaremos en público, como no teatro, aprendendo o valor de escoita e do silencio. Contaremos coa nosa voz paisaxes sonoras, obras de ficción, poemas… e que o público poida velas cos ollos pechados. Usaremos: expresión, dicción, entoación, músicas, efectos… para enriquecer e adornar as nosas audiohistorias, que nesta ocasión renden homenaxe a Antón Fraguas, a quen a Rag lle dedica o Día das Letras Galegas 2019.

Este obradoiro, dirixido a nenas e nenos de entre 4 e 11 anos, terá lugar na Biblioteca do CSC de Meicende “Antón Castro” do Concello de Arteixo, o mércores 27 de febreiro ás 18:00 h.

luns, 25 de febreiro de 2019

Convocatoria do I Premio de Oratoria "Filomena Dato"

 Convócase o I PREMIO DE ORATORIA “FILOMENA DATO” para alumnado dos diferentes ciclos do Ensino Obrigatorio e para centros públicos ou privados de Galicia e do exterior, coa intención de promover a expresividade e a expresión –poética, narrativa e discurso– do Idioma Galego e o Feminismo, ademáis de render homenaxe á “poeta das Mariñas”, un dos escasos referentes da literatura feminina e feminista do S. XIX e a segunda escritora, despois de Rosalía, que publicaría un libro en galego nese século. O tema deste ano é a "Sororidade".  

A inscrición farase no correo electrónico filomena.dato.muruais@gmail.com e deberá estar entregada a gravación, sempre mellor -de planos- en corpo enteiro, correspondente ao tema indicado, cunha duración máxima de 5 minutos, así como o traballo por escrito e a ficha do anexo, debidamente cuberta, que se pode descargar na páxina da organización convocante http://lisistrata-asociacion.blogspot.com/p/premio-filomena-dato.html. O deseño e ilustración é obra do artista gráfico: Iván del Río. 

domingo, 24 de febreiro de 2019

"Tecín soia a miña tea", homenaxe a Rosalía de Castro

A nosa particular homenaxe a Rosalía de Castro, con Ana Hermida, non é algo puntual nin de datas no calendario, Rosalía leva con nós anos, levamos a súa obra, a súa palabra, a súa mensaxe... á rúa, aos colexios, aos institutos, aos teatros. Ela é o importante, quen ouse cambiarlle a súa imaxe para facela máis atractiva (ela xa era bonita dabondo), quen queira converter a súa figura nunha feira, quen se queira apropiar dela, quen pretenda convertela nun produto, está moi equivocada. Rosalía foi, é e será nosa, do pobo, por eso é grande.

domingo, 17 de febreiro de 2019

Tecín soia a miña tea, homenaxe a Rosalía na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela

Homenaxe a Rosalía de Castro mediante a dramatización dos seus poemas. Este espectáculo pretende amosar unha Rosalía actual, como os temas que ela trata, tan vixentes hoxe en día. A relación cos homes, a defensa da muller, da súa terra... O desexo e ansias súas polo teatro "eu quería ser actriz e non me deixaron". Unha Rosalía, a veces divertida, outras reivindicativa, dura. Unha muller interpretando a outra muller. Poemas, teatro, e algunha canción para honrar a nai da nosa terra.

Será o venres 22 de febreiro, no salón de actos de Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, ás 19:30 h. A entrada e libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala.

Acto central do Día de Rosalía no Concello de Arteixo

Despois dunha semana de actividades dirixidas ao público escolar, o Concello de Arteixo celebra o Día de Rosalía cun acto central aberto á cidadanía, organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Arteixo a través da Rede Municipal de Bibliotecas. Ana Hermida dará lectura ao Manifesto da AELG, que este ano foi redactado por Ana Romaní. A continuación terá lugar o concurso de poesía homenaxe a Rosalía de Castro, onde participa o alumnado dos centros de primaria do concello arteixán, unha vez recitados os seus poemas e mentres delibera o xurado, Ana Hermida fará unha dramatización da obra da Nai das nosas letras.

Convidamos á toda a cidadanía de Arteixo a que participe desta gran festa Rosaliana, será o sábado 23, na Sala de Exposicións do Centro Cívico Cultural de Arteixo, ás 11:30 h. A entrada é libre e gratuíta ata completar aforamento.

V Concurso de Poesía Homenaxe a Rosalía de Castro, en Arteixo

Este ano celébrase a quinta edición do concurso de poesía en homenaxe a Rosalía de Castro, está organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Arteixo a través da Rede Municipal de Bibliotecas. Será o broche de ouro a unha serie de actividades coas que conmemoran o nacemento da escritora padronesa. Haberá 12 nenas e nenos que recitarán a súa propia obra, de entre 8 e 12 anos, que levarán un agasallo pola súa partipación, outro por cada unha das tres categorías e a persoa gañadora recibirá o premio final. Ana Hermida dará lectura ao Manifesto da Aelg e tamén fará unha dramatización da obra á Rosalía de Castro, mentres delibera o xurado composto polo Clube de Lectura da Biblioteca Central de Arteixo “Henrique Rabuñal”.

A cita con Rosalía e coa poesía será o sábado 23, na Sala de Exposicións do Centro Cívico Cultural de Arteixo, ás 11:30 h. A entrada é libre e gratuíta ata completar aforamento.

Arteixo achega a figura de Rosalía ao alumnado do Ies Manuel Murguía con "Tecín soia a miña tea"

Rosalía de Castro, na voz de Ana Hermida, estará co alumnado do Ies Manuel Murguía. Faremos un repaso pola súa biografía e pola súa obra, haberá representación teatral, dramatización da súa obra e participación do alumnado, que terá ocasión de poñer voz á nosa Poeta nacional. A actividade está organizada pola Concellería de Cultura a través da Rede de Bibliotecas do Concello de Arteixo, que ten declarado oficialmente o 24 de febreiro #DíadeRosalía, sumándose á moción da Aelg.

Serán dous días de encontro, 19 e 22 de febreiro, cunha Rosalía loitadora, feminista, comprometida e dona dunha obra de inmensa valía. A cita terá lugar na Biblioteca Central de Arteixo “Henrique Rabuñal” ás 11:00 h.

domingo, 10 de febreiro de 2019

Celebramos o 11F contando "A historia en Feminino" na Biblioteca Ánxel Casal

Celebramos o 11F, o Día Internacional da Muller e a Nena na ciencia con “A historia en Feminino” onde visibilizaremos a mulleres no mundo da ciencia. Ao longo da historia as mulleres romperon barreiras e destacaron nun mundo de homes, foron moitos os seus logros na ciencia, tecnoloxía, informática, matemáticas, física, inventos... pero foron inxustamente invisibilizadas. Xa é hora de que se coñezan as súas vidas, os seus logros e crear referentes nas nenas para que se acheguen ao mundo da ciencia, farémolo mediante historias, actividades e xogos... e algunha sorpresa.

Será o luns 11 de febreiro no Salón de Actos da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, ás 18:30 h. con entrada libre e gratuíta ata completar aforamento.