domingo, 11 de maio de 2014

Contos moi naturais na Voz de Galicia

Así recolle o xornal La Voz de Galicia a sesión de Contos moi naturais, que terá lugar o martes 13 na Casa de Man de Camelle.

Contos moi naturais na Casa de Man de Camelle

A Casa da Cultura de Camelle "Casa de Man" acolle o martes día 13 unha sesión de Contos moi naturais.

Serán contos enfocados a por en valor a natureza, a defensa do medio ambiente, contos que falan de contaminación, de incendios, do amor á natureza, aos animais… somos parte da natureza, somos naturais coma as árbores, a auga, os paxaros… xogando e contando, defendemos e concienciamos da importancia do noso hábitat para así poder respectalo e coidalo debidamente.

Será unha cita co público infantil do CEIP Campo da Area de Camelle, ao que tamén está convidado o alumnado das unitarias da vila. 

A cita nese lugar tan emblemático e idóneo para espertar e coidar conciencias medioambientais, será na Casa de Man de, o martes 13, ás 16:00 h.

martes, 6 de maio de 2014

Contando en feminino na Biblioteca Municipal de Meaño

O vindeiro xoves, Ana Hermida estará Contando en feminino na Comarca do Salnés, concretamente no Concello de Meaño.

Serán contos contados dende a perspectiva de xénero e igualdade para ir concienciando aos máis novos, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

A cita con todas as nenas e nenos, será na biblioteca municipal do Concello de Meaño, ás 18:00 h.

domingo, 4 de maio de 2014

O Día do Libro estivemos Rimando e Xogando na biblioteca de Froxel

As nenas e nenos da parroquia de Oseiro festexaron o Día do Libro "Rimando e Xogando" na biblioteca de Froxel, moi preto da casa onde naceu Murguía, marido da gran poeta Rosalía de Castro, lugar idóneo para festexar ese día.

A biblioteca encheuse de público infantil que ía dende os tres aniños ata mozas de catorce. Todas e todos quixeron participar, rimaron, cantaron, inventaron poemas, leron no atril... foi un día moi bonito. Tamén me gusta moito cando vexo aos maiores que acompañan ao público infantil, participar da festa da poesía.

Teño comprobado que a poesía gústalles moito a nenas e nenos, disfrutan con Helena Villar Janeiro, Manuel María, Antón Cortizas, Xesús Rábade Paredes, Dora Vázquez, Rosalía de Castro, Xosé María Díaz Castro... Gústame ver como disfrutan lendo no atril, tómano moi en serio, eu dígolles que digan o nome do poema, autor ou autora e reciten a poesía en voz alta, clara e pausada, canto rematan reciben un aplauso de todos os presentes, nótase que disfrutaron o momento.

Cando poño fotos dos menores, é porque hai previo consentimento. Así que cando non se pode, poño algo que ilustre a actividade, como este dado, elemento para rimar, como? ahhh...

martes, 22 de abril de 2014

Rimando e Xogando na axenda da AELG

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), leva na súa axenda a actividade de Rimando e Xogando.

Poetas como Rosalía de Castro, Helena Villar Janeiro, Anisia Miranda, Xesús Rábade, Manuel María... son o eixo fundamental para achegar a poesía ao público infantil. Grazas a todas e todos eles, as nenas e nenos poden coñecer este fermoso mundo das rimas, poemas... a música das palabras.

venres, 18 de abril de 2014

A biblioteca Francisco Vidal de Froxel celebra o Día do Libro "Rimando e Xogando"

Celebramos o Día do Libro "Rimando e Xogando" na biblioteca de Froxel. É unha das actividades que ademáis de promover o hábito lector entre o público infantil, servirá tamén para celebrar o primeiro cuarto de século das bibliotecas municipais de Arteixo.

As nenas e nenos de Oseiro teñen unha cita coa poesía, coas rimas... Unha maneira de achegar os nosos autores ao público máis esixente, o infantil. Coñecerán autores, poemas, cantigas populares, adiviñas, cantares de cego... Haberá xogos, cancións... as nenas e nenos serán parte fundamental nesa hora de versos e rimas. Será un momento precioso de encontro coa poesía. 

A cita para pasar uns momentos inesquecibles, será o martes 22 de abril na biblioteca de Froxel (Oseiro) en Arteixo, ás 18:50 h.

Un día Contando en feminino en Vilar de Barrio

Nas terras da Limia, preto dun niño de cegoñas e nun colexio onde todos son unha gran familia, estivo Ana Hermida Contando en feminino para todas e todas as nenas e nenos do Ceip Plurilingüe de Vilar de Barrio.

Aquí estaba recén chegada e despois de xogar coa rapazada, facendo as presentacións de persoas, contos e autores. Vemos ao público moi atento e tranquilo... co paso do tempo virían gargalladas, preguntas, dúbidas, xogos, colaboracións...

Grazas a todas e todos eles, tamén a todo o profesorado. Foi un día moi bonito e non apetecía rematar, pero o alumnado debía ir xantar e a contadora tiña moitos quilómetros que percorrer. Noutra ocasión...

A Biblioteca Pública da Coruña, Miguel González Garcés celebra o Día da Muller con "Contando en Feminino"

Nun mes cargado de actos para celebrar o Día da Muller, a biblioteca Miguel González Garcés organizou unha sesión de contacontos para todas as nenas e nenos, aí estaba Contando en feminino e Ana Hermida para tentar concienciar ao público infantil.

Os contos son unha ferramenta verdadeiramente importante para achegar ao público infantil a determinados temas e todo esto sen adoutrinar nin moralizar. Case sen darse conta, entreténdose e divertíndose, ese público tan intelixente toma contacto co tema da igualdade e violencia de xénero.

Razoan dunha forma lóxica e ata o de agora todas e nenos responden moi ben e buscan solucións ao que se lles propón. Sen dúbida irán medrando debidamente. Seguro que así será, teño a súa palabra e o seu compromiso.

Rimando e Xogando en Meicende

Na biblioteca Antón Castro de Meicende, en Arteixo, as nenas e nenos estiveron Rimando e xogando. Actividade incluída dentro dos actos para festexar os 25 anos de vida das bibliotecas municipais de Arteixo.

Aquí podemos ver a Andrea, decidida a ler un poema no atril. Fíxoo moi ben e, por suposto, obtivo un aplauso de todas as persoas asistentes. Como ela, outras nenas e nenos estiveron facendo rimas e xogando coas palabras, tamén coñeceron a mulleres e homes poetas da nosa terra, así como algúns dos seus traballos.

Houbo tempo para xogos, adiviñas, trabalinguas... foi un día bonito e o tempo fíxose moi curto, querían máis, pero había que marchar. Noutra ocasión seguiremos disfrutando da poesía e ofrecéndollela a todas as nenas e nenos.

Así estivemos en Oleiros Contando en feminino

Para conmemorar o Día da Muller, as bibliotecas de Oleiros organizaron un mes cheo de actos, entre os cales estaba a sesión de Contando en feminino, contos sobre a igualdade de xénero.

As nenas e nenos de Santa Cruz responderon debidamente ao que se lles propuxo. Amosaron moito interese, colaboraron, riron, e... por suposto concienciáronse, entre conto e conto, en temas de igualdade. Entenderon que hai cousas que non se deben facer nin consentir. Ao final obtiven o compromiso de todas e todos eles.

Xa vedes as idades dalgunha das persoas do público, aí estaba Ana Hermida atendendo e aclarando todas as súas dúbidas.

Estivemos Rimando e Xogando na Biblioteca Garcés da Coruña

Para celebrar o Día da Poesía, a Biblioteca Pública da Coruña "Miguel González Garcés" organizou unha festa, a da Poesía, aí estiveron cos poemas, coas rimas, lendo... todas as nenas e nenos para xogar coas palabras.

As caras que amosaban eran mostra do que se estaban a divertir. Cando lles preguntaba se sabían que a poesía podía ser tan divertida e calquera cousa podía ser susceptible de lle facer un poema, sorprendíanse porque non crían que fose tan bonita e divertida ao mesmo tempo. Comprenderon que si era divertido ler un poema, rimar, xogar, cantar, adiviñar, ata compoñer eles mesmos unha pequena poesía.

Acabamos todas e todos a unha recitando a Rosalía, que mellor final!

A Biblioteca Pública da Coruña "Miguel González Garcés" encheuse de Contos moi naturais

As nenas e nenos responderon debidamente, amosaron interese, curiosidade, prestaron moita atención, divertíronse e o máis importante, prometeron coidar o medio ambiente e fixeron a promesa de protexer e defender a natureza.

Entre contos, historias, debuxos, descubrimentos e cousas sorprendentes, a conciencia lóxica e natural de coidar o noso mundo, os seres vivos e a natureza, foi aparecendo aos poucos entre historia e historia. 

Sei que cumprirán a súa promesa e serán unhas persoas comprometidas e defensoras do medio ambiente. 

martes, 8 de abril de 2014

Rimando e Xogando na biblioteca de Meicende

Estaremos contando historias en verso, historias de risa, de medo, da natureza, de xogos, da fala, cantares de cego… historias e versos ás veces cantados, historias unhas, con actividades para nenas e nenos e outras nas que interactúan coa contadora. Poemas axeitados á súa idade e que entenden perfectamente, pequenos xoguetes poéticos cheos de entretemento.

Será na biblioteca "Antón Castro" de Meicende, Arteixo, ás 18:50 h.

mércores, 2 de abril de 2014

Contando en feminino para o CEIP Plurililngüe de Vilar de Barrio

O vindeiro 4 de abril, Ana Hermida estará Contando en feminino na provincia de Ourense, concretamente no concello de Vilar de Barrio, pertencente á comarca da Limia.

Serán contos contados dende a perspectiva de xénero e igualdade, para ir concienciando aos máis novos, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades.

O público, sempre esixente, será o alumnado do CEIP Plurilingüe de Vilar de Barrio, alí os contos agardarán por todas e todos ás 12:45 h.

domingo, 30 de marzo de 2014

Rosalía de Castro no Faro de Vigo

Así recolle o Faro de Vigo a visita de Ana Hermida á Biblioteca Pública "Rosalía de Castro" de Vilagarcía de Arousa, coa súa representación "Tecín soia a miña tea", dramatizacións de textos de Rosalía de Castro, para celebrar o Día da Poesía.

sábado, 29 de marzo de 2014

Tecín soia a miña tea en Vilagarcía, no blog de "Ler Conta Moito"

Deixamos aquí a entrada que fixeron no blog de Ler Conta Moito referente á actividade que realizou Ana Hermida con "Tecín soia a miña tea", que tivo lugar na biblioteca pública Rosalía de Castro, de Vilagarcía. 

Contando en feminino en Oleiros, no blog de "Ler Conta Moito"

Deixamos aquí a entrada que fixeron no blog de Ler Conta Moito referente á actividade que realizou Ana Hermida con "Contando en feminino", que tivo lugar na biblioteca pública Rosalía de Castro. Santa Cruz, Oleiros.
Deixamos aquí o enlace CONTANDO EN FEMININO EN SANTA CRUZ

Rosalía de Castro na Voz de Galicia

Así recolle A Voz de Galicia a visita que Ana Hermida fixo á Biblioteca Municipal de Vilagarcía coa obra "Tecín soia a miña tea", unha homenaxe a Rosalía de Castro baseada en dramatizacións dos seus textos.

A Biblioteca Pública de Vilagarcía homenaxea a Rosalía de Castro

A Biblioteca Pública de Vilagarcía de Arousa "Rosalía de Castro" celebrou o 21 de marzo, Día da Poesía, co espectáculo "Tecín soia a miña tea" que correu a cargo de Ana Hermida. 

Esta actividade foi o colofón aos actos programados pola biblioteca con motivo da conmemoración do nacemento de Rosalía de Castro.

A dramatización de textos de Rosalía de Castro tivo lugar nun marabilloso ambiente rosaliano, entre paneis sobre a vida e obra da escritora e unha ampla exposición de libros da poeta así como tamén dos que estudan a súa figura. Todo canto alí había era unha homenaxe sentida a Rosalía de Castro.

venres, 21 de marzo de 2014

Rimando e Xogando, actividade proposta pola Consellería de Educación para celebrar o Día da Poesía, na biblioteca nodal da Coruña

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrece esta semana unha programación especial de actividades nas bibliotecas nodais de Galicia para conmemorar o Día Internacional da Poesía, que se celebra o vindeiro 21 de marzo. 

Co obxectivo de animar a cidadanía a participar neste festexo literario, as bibliotecas nodais de Vigo, Pontevedra, Ourense, Lugo, A Coruña e Santiago de Compostela organizan diversas actividades, entre as que se inclúen lecturas poéticas, certames, obradoiros e mostras bibliográficas para todos os públicos.

Na biblioteca pública Miguel González Garcés e para o público máis esixente, Ana Hermida estará Rimando e Xogando, para fomentar o amor pola poesía e achegar os poemas en todas as súas facetas ás nenas e nenos.

A Biblioteca Pública da Coruña "Miguel González Garcés" celebra o Día da Poesía con Rimando e Xogando

Esta actividade está enmarcada dentro dun amplo programa que desenvolve a Consellería de Educación e Cultura nas súas bibliotecas nodais.

As nenas e nenos que se acheguen á biblioteca xogarán coas palabras, disfrutarán cos poemas, rimarán, cantarán... coñecerán autores, cantares de cego, cantigas populares... entretemento, diversión, cultura e amor á poesía será o eixo condutor nunha mañá de festa, a da poesía, pensada especialmente para ese público infantil, sempre tan esixente.

O sábado 22, ás 12:00 h. e no vestíbulo do biblioteca, a poesía estará agardando por todas as nenas e nenos.

xoves, 20 de marzo de 2014

A visita de Rosalía de Castro a Vilagarcía, recollida no Noticieiro Galego

Na prensa recollen a visita que fará Ana Hermida á biblioteca de Vilagarcía para celebrar o Día da Poesía coa dramatización de textos de Rosalía de Castro.

Vilagarcía celebra o Día da Poesía con Tecín soia a miña tea, a particular visión que ofrece Ana Hermida sobre Rosalía de Castro

A biblioteca municipal de Vilagarcía "Rosalía de Castro" celebra o Día da Poesía cun recital sobre a poeta que lle dá nome á súa biblioteca.

Shakespeare describía a poesía como esa música que todo home leva en si. A poesía é unha expresión profunda do espírito humano, como arte universal, é unha ferramenta de diálogo e achegamento. Ao dar acceso á expresión auténtica dunha lingua, a difusión da poesía contribúe ao diálogo entre as culturas e ao entendemento mutuo. Así o comprobamos no fervor co que os pobos celebran o patrimonio cultural inmaterial, as linguas maternas e a diversidade cultural, ámbitos nos que a poesía desempeña sempre un papel fundamental. (Irina Bokova).

A cita coa poesía será na Biblioteca de Vilagarcía, o venres 21 ás 11:00 h. Alí Ana Hermida ofrecerá unha visión divertida, reivindicativa, defensora da muller...

A AELG leva na súa axenda a nosa Rosalía de Castro en Vilagarcía

A Asociación de Escritores en Lingua Galega, sempre coas escritoras e escritores galegos, publicita na súa páxina o recital que terá lugar na biblioteca de Vilagarcía con motivo do Día da Poesía.

sábado, 15 de marzo de 2014

Contando en feminino na biblioteca municipal Rosalía de Castro de Santa Cruz, Oleiros

O lugar non pode ser máis idóneo, a Biblioteca e Centro de Documentación da Muller Rosalía de Castro, en Santa Cruz. 

O mércores 19, Ana Hermida estará tentando concienciar ao público infantil en temas de igualdade de xénero. A través dos contos e case sen darse conta, xogando e divertíndose, ese público marabilloso é quen de razoar e dar respostas a cuestións que se plantean e que resolven acertadamente.

Esta actividade está encadrada dentro dun amplo programa que o Concello de Oleiros preparou para este mes con motivo do Día Internacional da Muller, que tivo lugar o pasado día 8.

A cita cos contos e con todas as nenas e nenos será ás 18:30 h. na biblioteca.

Así anuncia o Concello de Oleiros a nosa actividade Contando en feminino

Co obxectivo de conmemorar o Día Internacional da Muller, as Bibliotecas de Oleiros desenvolverán un amplo programa de actividades. Dentro desas actividades está Contando en feminino, que chegará á Biblioteca Municipal Rosalía de Castro, en Santa Cruz o día 19 ás 18:30 h. Aí estará Ana Hermida contando contos  dende a perspectiva de xénero e igualdade.

Para máis información desta actividade e de todo o programa, premede no enlace DÍA DA MULLER NAS BIBLIOTECAS MUNICIPAIS DE OLEIROS

martes, 11 de marzo de 2014

Contando en feminino na Biblioteca Pública da Coruña "Miguel González Garcés"

Con motivo do Día Internacional da Muller que tivo lugar o 8 de marzo, a Biblioteca Pública da Coruña "Miguel González Garcés" ten previsto unha actividade para concienciar ao público infantil en temas de igualdade.

Ana Hermida estará "Contando en feminino" para todas as nenas e nenos maiores de tres anos que por alí se acheguen. 

Serán contos contados dende a perspectiva de xénero e igualdade. Contos e historias para ir concienciando aos máis novos, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

Será o sábado 15 no vestíbulo do Salón de Actos, ás 12:00 h.


martes, 25 de febreiro de 2014

O Concello e o CPI de San Sadurniño lembran a Rosalía no aniversario do seu nacemento

O Día de Rosalía, Ana Hermida estivo en San Sadurniño, foi un día fermoso polo que ten de significado e o público ao que se dirixía. Escolares do CPI foron ese marabilloso público, sorprendido, comunicativo, interesado... Escoitaron atentamente, riron cos poemas de Rosalía, interactuaron con ela, descubriron a faceta feminista e reivindicativa, emocionáronse onde o texto así o indicaba... 

O Día de Rosalía foi unha homenaxe de todas e todos eles, secundaria, primaria e ata infantil. Un dos encontros máis emotivos foi cando as nenas e nenos de tres aniños recitaron a Rosalía a coro, sabían os seus poemas, que fermoso! así se fomenta o amor polo noso. 
Onte o colexio foi "tomado" literalmente polos versos e a figura Rosaliana, no patio, na entrada, nas clases... onde a visita inesperada descolocaba ao alumnado e participaban desta homenaxe e recoñecemento. 

Por suposto, as xentes do concello fixeron posible tal actividade, así como o persoal do centro educativo. Ana Hermida convertida en Rosalía, pedíalle a San Antonio un homiño... e atopouno, para mostra déixovos esta foto.


A información desta homenaxe está na web do Concello, premede no enlace 

ROSALÍA EN SAN SADURNIÑO

Rosalía de Castro no Diario de Ferrol

No Diario de Ferrol, fixéronse eco da visita sorpresa que Ana Hermida fixo ao CPI de San Sadurniño. O alumnado quedou sorprendido ante a visita inesperada, participaron alumnas e alumnos de secundaria, mestres, persoal administrativo, director e xefe de estudos, persoal do concello...

Grazas a todas e todos eles por participar nesta homenaxe a Rosalía de Castro no seu día. 

Rosalía de Castro na AELG

A Asociación de Escritores en Lingua Galega, facíanse eco da visita da nosa particular Rosalía de Castro ao concello de San Sadurniño.

Era esta unha visita e actuación para os escolares do CPI de San Sadurniño, que pretendía ser unha sorpresa para todas e todos eles, como así foi, polo que non se ofrecía moita información.

mércores, 19 de febreiro de 2014

O 24 de febreiro, Rosalía de Castro visitará San Sadurniño

O 24 de febreiro, o concello de San Sadurniño ten preparado unha serie de actos conmemorativos para celebrar o Día de Rosalía. 

Con tal motivo Ana Hermida achega a súa obra "Tecín soia a miña tea", para homenaxear á nai das nosas letras.

Serán dramatizacións de poemas de Rosalía de Castro. Este espectáculo pretende amosar unha Rosalía actual, como os temas que ela trata, tan vixentes hoxe en día. A relación cos homes, a defensa da muller, da súa terra... O desexo e ansias súas polo teatro "eu quería ser actriz e non me deixaron". Unha Rosalía, a veces divertida, outras reivindicativa, dura. Unha muller interpretando a outra muller. Poemas, e algunha canción para honrar a nai da nosa terra.

mércores, 12 de febreiro de 2014

Programación de febreiro na Biblioteca Pública da Coruña, Miguel González Garcés

Así é como se publicita a actividade de contacontos da nosa asociación, na Biblioteca Nodal da Coruña. O sábado 15 é a próxima e os contos xa están preparados para as nenas e nenos que por alí se acheguen.

Desta vez a cita será coa natureza, co medio ambiente. Concienciando coa lectura, cos libros, co marabilloso mundo máxico dos contos.

Os contos e lendas na Biblioteca Nodal da Coruña

O pasado sábado, as nenas e nenos escoitaron historias máxicas e descoñecidas. Cos ollos abertos e prestando moita atención a todo canto Ana Hermida lles contaba, o mundo das historias que ao longo do tempo foron converténdose en lendas, prendeu en todas e cada una das personiñas que na biblioteca estaban, para entender o porqué de algunhas cousas e disfrutar con outras tantas. 

A contadora quedou aínda máis marabillada que ese público tan atento. Os ollos, as caras e os sorrisos que amosaban, eran mostra do que estaban a disfrutar. Grazas a todas e a todos.

Mesmo houbo quen grazas ao poder dunha auga máxica, puido revivir e saír victorioso das aventuras na súa historia.

venres, 7 de febreiro de 2014

Contos moi naturais, na Biblioteca Pública da Coruña, Miguel González Garcés

O vindeiro sábado 15 de febreiro, na Coruña, as nenas e nenos maiores de tres anos terán unha sesión de "Contos moi naturais".

Ana Hermida contará contos enfocados a por en valor a natureza, a defensa do medio ambiente, contos que falan de contaminación, de incendios, do amor á natureza, aos animais… somos parte da natureza, somos naturais coma as árbores, a auga, os paxaros… xogando e contando, defendemos e concienciamos da importancia do noso hábitat e asi respectalo e coidalo debidamente.

Será na sala infantil da Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés, ás 12:00 H.

venres, 31 de xaneiro de 2014

Contos e lendas populares na Biblioteca Pública da Coruña, Miguel González Garcés

O vindeiro sábado 8 de febreiro, na Coruña, as nenas e nenos maiores de tres anos terán unha cita  cos "Contos e lendas populares".

Historias cheas de maxia que fagan coñecer e entender moitas cousas aos máis pequenos. Os porqués, os encantos, historias de heroes, de seres míticos, de feitizos... tamén de temas históricos e de cabaleiros. Historias e lendas tradicionais con cancións populares para os máis pequenos.

Será na sala infantil da Biblioteca Pública da Coruña, Miguel González Garcés, ás 12:00 H.


sábado, 7 de decembro de 2013

Estivemos Contando en feminino en Pastoriza

A sesión de Contanto en Feminino que Ana Hermida fixo o día 26 de novembro para a Escola de Educación Infantil de Barrionovo en Pastoriza, foi moi entrañable. 

Aprendín moito destas nenas e nenos, resolvéronme dúbidas e axudáronme a contar e cantar. Mágoa que non poidades ver os ollos e as cariñas destas persoas marabillosas. Grazas a todas e todos eles e, por suposto, ás responsables da Escola.


martes, 3 de decembro de 2013

Contando en feminino para a EEI de Barrionovo

O 26 de novembro pola mañá cediño Ana Hermida tivo un encontro moi especial, un público moi esixente e marabilloso. Foi na Escola de Educación Infantil de Barrionovo de Pastoriza. Estiveron ben atentos ao Contando en Feminino, participaron, cantaron, reflexionaron...

Cheguei cediño e o primeiro que vin ao entrar foi o que vedes na foto, estiveran moito tempo traballando nunha nasa para pescar activistas e loitar contra a violencia de xénero. Xa me dixeron despois que teñen un compromiso con ese lazo e co que significa. Moitos bicos me deron, eu encantada, tamén repartir un feixiño deles.

Contando en feminino en Compostela

Os contos tamén son para adultos e no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal O Ensanche de Santiago de Compostela, tamén o cren así, por iso o día 26 de novembro para concienciar sobre a violencia de xénero, decidiron por en marcha os Contos para Aprender, dentro deles estaba Contando en Feminino onde Ana Hermida contou e disfrutou de público de ata oitenta e moitos anos. Grazas Compostela.


Contando en feminino para o alumnado do CPI de San Sadurniño

O día 25 de novembro Ana Hermida estivo en San Sadurniño, con motivo do Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller. Foi un día ben bonito! Todas as nenas e nenos do colexio se portaron moi ben, escoitaron con moita atención os contos e participaron neles, eu disfrutei da súa compañía e aprendín moito coas súas reflexións sobre a violencia de xénero. 

Grazas a taodas e todos eles e tamén ás persoas responsables de que esta actividade se celebrase con tanto éxito, Ana Manolo, Verónica, Agustín...

Tecín soia a miña tea, con Ana Hermida, no blog de "Ler Conta Moito"

Deixamos aquí a entrada que fixeron no blog de Ler Conta Moito, referente á actividade que realizou Ana Hermida con "Tecín soia a miña tea", que tivo lugar na biblioteca de Chapela.



Aí tedes o enlace  ROSALÍA EN REDONDELA

mércores, 20 de novembro de 2013

Contando en feminino para a Escola Infantil de Barrionovo (Arteixo)

A cita entrañable deste mes de "Contando en feminino", será o martes 26 moi cediño, as persoas asistentes non pasarán dos tres aniños, un público moi esixente e marabilloso. Ana Hermida achegará a ese público tan especial un mundo de contos cheos de mensaxe e diversión.

Contos contados dende a perspectiva de xénero e igualdade. Contos e historias para ir concienciando aos máis novos, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

A cita, sempre baixo a atenta ollada de María, a súa directora, e as demáis docentes (que tamén participarán nos contos), será na Escola de Educación Infantil de Barrionovo (Pastoriza), no Concello de Arteixo, ás 09:30 h.

En Compostela contos de igualdade para adultos

O vindeiro martes 26 "Contando en feminino” achegarase a Santiago de Compostela, a esa cita están convidados todos os públicos, preferentemente adultos, pero ao que tamén se poderán achegar as nenas e nenos que queiran pasar unha hora chea de contos.

Contos contados dende a perspectiva de xénero e igualdade. Contos e historias para ir concienciando aos máis novos, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

Será na Centro Sociocultural e xuvenil municipal O Ensanche do Concello de Santiago de Compostela, ás 19:00 h.

Contos de igualdade de xénero en San Sadurniño

O día 25 de novembro e con motivo do Día Mundial da eliminación de violencia contra a muller, Ana Hermida estará coas rapazas e rapaces do CPI de San Sadurniño, "Contando en feminino".

Contos contados dende a perspectiva de xénero e igualdade. Contos e historias para ir concienciando aos máis novos, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade

Será na Casa da Cultura do Concello de San Sadurniño, ás 12:30 h.

mércores, 4 de setembro de 2013

A nosa homenaxe a Bernardino Graña na Coruña en "Medre o Mar"

Deixamos unha mostra da participación de Ana Hermida na Homenaxe Nacional a Bernardino Graña en “Medre o Mar”, o acto tivo lugar na Coruña nun escenario espectacular. Foi unha xornada moi fermosa e emotiva polo entrañable do personaxe. Pasa ás veces que teño a persoas da escrita que son autoras do que estou interpretando, é unha sensación estraña na que sinto unha gran responsabilidade, xa que non existe outra persoa máis crítica que a propia autora do texto que estou dramatizando, como neste caso o gran poeta do mar, que relembraba a súa obra entre sorrisos. Foi un pracer Bernardino, grazas.

martes, 3 de setembro de 2013

Concerto emotivo e histórico de Mini e Mero en Arteixo

Aquí deixamos un enlace coa noticia do concerto, nel hai fotos e tamén vídeo para que vos fagades unha idea de como transcorreu ese día tan especial.

Grazas a todas as persoas que asistiron e disfrutaron desa noite máxica.

Premede no enlace   CONCERTO DE MINI E MERO



Concerto de Mini e Mero

O pasado 14 de xuño, a Asociación Cultural Lisístrata, organizou o concerto de Mini e Mero, "De autores e Cantores", en Arteixo. Foi todo un orgullo e un inmenso pracer poder contar con estes grandes referentes da música e da cultura en Galicia. Grazas por ese día tan fermoso.

venres, 30 de agosto de 2013

"Medre o Mar" homenaxe nacional a Bernardino Graña na Coruña

O día 1 de setembro terá lugar na Coruña a homenaxe nacional a Bernardino Graña. "Medre o Mar" será unha xornada de participación de mulleres e homes da cultura, entre a que estará Ana Hermida, para render a súa particular homenaxe ao poeta do mar. Promoven e organizan a xornada AELG e arTeu, coa colaboración da Universidade da Coruña e a Rag.


Rosalía en Atlántico Diario

En Atlántico Diario recolle a visita que a nosa Rosalía particular, Ana Hermida, fixo a Chapela, no Concello de Redondela.

Rosalía de Castro en Redondela

O pasado 25 de abril Rosalía de Castro estivo no Concello de Redondela. Déixamos o enlace para máis información: ARREBATADORA ROSALÍA

luns, 15 de abril de 2013

Tecín soia a miña tea, na Festa das Palabras

O vindeiro 25 de abril, e na Festa das Palabras, que organizan as Bibliotecas de Redondela, na súa V Semana do Libro, Ana Hermida estará na biblioteca de Chapela, coa obra "Tecín soia a miña tea", unha dramatización de textos para honrar á nai das nosas letras e ofrecer unha versión diferente de Rosalía de Castro.

Será ás 20:00 h. no Multiusos Piñeiral do Crego, e a entrada será de balde. Achegádevos, Rosalía estará agardando por todas e todos.