Estivemos Rimando e Xogando en Arteixo, foi con motivo do II concurso de recitados de poesía “Cantares
Gallegos” dirixido á infancia. Ana Hermida foi a
encargada de poñer a voz á figura de Manuel María e Rosalía, onde o
público adulto e infantil participou cantando e batendo palmas ao son do Cuco e o do Carro, escoitaron os poemas máis reivindicativos do homenaxeado nas Letras Galegas e coñeceron a faceta máis divertida de Rosalía.
Seguidamente as sete nenas e cinco nenos comezaron a
recitar a Rosalía, alí estaban co mellor sorriso e os nervos acompañando o camiño.
O respecto do público, os aplausos recibidos, os distintos acentos de diferentes
culturas nas lecturas… todo foi moi fermoso, tiña que gañar alguén, así o
dicían as bases, foi Noelia, unha nena que xa se fixera co premio o ano pasado,
en realidade o premio foi para esas doce persoas que con ilusión participaron, todas levaron como agasallo un libro envolto nun gran aplauso, polo moito que nos
fixeron disfrutar. Agardamos a edición do próximo ano, seguro que, ao igual que nesta,
público e participantes irán medrando, así como tamén o amor á poesía. Din que estou tola por facer o que fago, por ir
a contracorrente, por pensar que o público infantil é moi intelixente, por tentar achegar cultura, valores, igualdade... todo son paus nas rodas, pero cando asisten ás
actividades relacionadas co público infantil e ven como este responde, penso: mudarán de opinión? Estarei tola pero... “que tolería máis bonita”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario