venres, 19 de xuño de 2026

"Finximentos sonoros" en Arteixo

Nunha época onde todo entra polos ollos, convidámoste a vivir unha experiencia inmersiva única. Ven a desfrutar de "Finximentos Sonoros", unha sesión de micropezas en vivo, unha experiencia sonora única, directa ao teu corazón. Sintoniza os teus sentidos e prepárate para vivir uns momentos máxicos!

Será o domingo 28 de xuño ás 18:00 h. na Capela do Balneario, a entrada é libre e de balde ata completar aforo. Celebraremos así o fin de curso da Escola de Teatro Lisístrata, onde o alumnado mostrará as súas dotes interpretativas aprendidas no obradoiro que tivo lugar de xaneiro a xuño.

martes, 17 de marzo de 2026

Carballo conmemora o 8M con "A historia en Feminino"

Estaremos en Carballo, capital da comarca de Bergantiños, para conmemorar o 8M “Día Internacional da Muller” contando "A historia en Feminino”, alí Ana Hermida achegará ao público mulleres sobresaíntes e descoñecidas que houbo ao longo da historia. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, deportistas, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino.

Esta actividade, encadrada no programa De landras a Carballos está organizada pola Concellaría de igualdade e a Concellaría de Normalización Lingüística, coa intención de reforzar os vínculos afectivos e favorecer aprendizaxes significativas desde as primeiras idades.

Porque a invisibilización é un xeito de violencia de xénero, estaremos achegando referentes e visibilizando mulleres borradas da historia o venres 20 de marzo, nas Escolas do Xardín Agra de Caldas, ás 18:00 h.

xoves, 12 de marzo de 2026

Conmemoramos o 8M co documental "Urraca, a Raíña Feudal"

Neste "Día Internacional da Muller" 8 de marzo de 2026, cando se cumpren 900 anos do aniversario do seu falecemento, lembramos o documental multidisciplinar sobre a Raíña Urraca, proxecto de Arraianos Produccións, dirixido por Aser Álvarez no ano 2022, onde Ana Hermida deu vida a Urraca.

Urraca I de León foi unha monarca medieval, destacada por ser a primeira raíña titular da historia de España e Europa, chegando a gobernar en solitario durante 12 anos. O seu reinado estivo marcado por unhas circunstancias políticas convulsas que levaron a traizóns, enfrontamentos e intrigas entre todos os poderes fácticos que nese momento existían na Península Ibérica.

Se queredes saber máis premede na ligazón Urraca, unha muller empoderada

sábado, 10 de xaneiro de 2026

Obradoiro de Teatro en Arteixo

A Escola de Teatro Lisístrata, nace co fin que fagas, ames e aprendas a desfrutar das artes escénicas. Moitos son os beneficios que aporta facer teatro, mellora a axilidade mental, axuda a vencer a timidez, fomenta a creatividade, aumenta a empatía, potencia o mundo das emocións, mellora o desenvolvemento persoal, axuda a relacionarse con outras persoas, favorece a memoria e a psicomotricidade (especialmente nas persoas de idade avanzada), amplía a linguaxe de cada persoa, descubre un novo entorno...

Neste obradoiro traballaremos a expresión oral e corporal, a arte de interpretar, o verso, a dicción, a comprensión textual, etc. Está dirixido ás persoas maiores de dezaoito anos, sen límite de idade. O noso é un teatro interxeracional, interracial, multicultural, inclusivo e diverso, tal como é a nosa terra arteixá. A profesora é Diplomada en Arte Dramática.

Este obradoiro terá lugar todos os domingos de 18:00 a 19:00 h. na Capela do Balneario de Arteixo. Comezamos o domingo 11 de xaneiro, apúntate no mail do cartaz ou pásate por alí, é de balde!, serás benvida/o teñas 18 ou 100 anos. 

luns, 24 de novembro de 2025

"Feministorias" no Concello de Miño para conmemorar o 25N "Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller"

Viaxamos ao Concello de Miño, na  Comarca de Betanzos, onde Ana Hermida estará sementando feminismo para o alumnado de 3º e 4º de primaria do Cpi Castro Baxoi, así, dun xeito divertido e ameno, coñecerán a historia que non está nos libros de texto, a das nosas avoas e bisavoas que ergueron a voz e loitaron para cambiar o mundo. Conmemoramos así o 25N, porque o feminismo tamén pode ser divertido. Actividade organizada pola Anpa Castro Baxoi.

Será o martes 25 de novembro, no auditorio do Concello, ás 10:30 h.

mércores, 22 de outubro de 2025

Arteixo conmemorou o "Día das Escritoras" con "Palabra de Muller"

Desde hai anos Lisístrata Asociación conmemora o Día das Escritoras con Palabra de Muller, un evento creado para reivindicar a obra e figura de autoras representativas da realidade do seu tempo, mulleres valentes, pioneiras, ás que tratamos de honrar nun acto de xustiza e recoñecemento. A todas elas prestámoslles a nosa voz para coñecer a súa obra, e tratar de reparar o inxusta que foi a historia con elas.

Este ano, X edición desta conmemoración, quixemos renderlle homanaxe ás nosas mulleres galegas da escrita e para tal fin contamos con persoas marabillosas que coa súa xenerosidade, entrega e sensibilidade fixeron deste evento algo moi emotivo.

𝗚𝗥𝗔𝗭𝗔𝗦 Miguel Sande, Paty Fernández, Rosario Sarmiento, Xurxo Lobato, Ana Hermida, Pilar Riaño, Aser Álvarez, Ánxela Abalo, Estrella Iglesias, Yisus, Carmen Rama, Mónica Montero, Antonio Patiño, María Martul, Nuria Lema e Paula Rodríguez do Clube Natación Arteixo, Ángeles Barreiro, Nacho León Galiano, Miriam Couceiro, Isabel Ferreiro, Juan José Barro. Sen vós non sería posible.

mércores, 15 de outubro de 2025

"A Vociferante da Baiuca" na Feira Histórica Arteixo 1900

"A Vociferante da Baiuca" é unha homenaxe ao noso Patrimonio Inmaterial e ás mulleres transmisoras do mesmo, proclamando o dereito á dignidade do idioma, literatura oral e música popular de Galicia. (Neste 2025 a Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas á Poesía Popular Oral).

A Vociferante da Baiuca abre os ollos á realidade e divulga no vento, declamados en chamada, aviso e advertencia, os seus pensares e mensaxes que outras calan. Alza o ton para seren oídas as narracións poéticas, poemas mal mirados e aquelas cuestións de contraste, agardando o aplauso da concurrencia e unha dádiva e conivencia. 

Ana Hermida é A Vociferante da Baiuca e estará no seu concello, poñendo en valor a nosa cultura tradicional, na Feira Histórica Arteixo 1900 o sábado 18 de outubro ás 12:00 h. no anfiteatro do paseo fluvial.

xoves, 9 de outubro de 2025

Celebramos o Día das Escritoras en Arteixo con "Palabra de Muller"

Celebramos no Concello de Arteixo o décimo aniversario do Día das Escritoras con "Palabra de Muller", facendo un percorrido pola obra de mulleres galegas pioneiras, rebeldes, silenciadas, inxustamente tratadas, incomprensiblemente esquecidas... ás que honraremos nun acto onde varias persoas representativas da cultura e sociedade galega prestarán a súa voz ás escritoras homenaxeadas. A actividade está dirixida ao público adulto e coordinada por Ana Hermida, de Lisístrata Asociación.

Será o sábado 11 de outubro ás 18:00 h. no Auditorio do Centro Cívico Cultural “Manuel Murguía” de Arteixo. A entrada libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala.

Leranse textos de Luz Pozo, Concepción Arenal, María Barbeito, Syra Alonso, Filomena Dato, María Casares, Begoña Caamaño, Luísa Villalta, María Victoria Moreno, Hildegart Rodríguez Carballeira, Enriqueta Otero, Francisca Herrera Garrido, Sofía Casanova, Xosefina López de Serantes, Mariví Villaverde, Xohana Torres, Rosalía de Castro, Xela Arias, María Mariño e Pura Vázquez. 

mércores, 16 de xullo de 2025

"A Vociferante da Baiuca" en Rois no festival Música na Aldea

A Vociferante da Baiuca estará o sábado 19 de xullo ás 18:00 h. na aldea de A Casa do Porto, do Concello de Rois, sede do festival Música na Aldea, alí Ana Hermida fará unha homenaxe ao noso Patrimonio Inmaterial e ás mulleres transmisoras do mesmo, proclamando o dereito á dignidade do idiomaliteratura oral e música popular de Galicia

A Vociferante da Baiuca abre os ollos á realidade e divulga no vento, declamados en chamada, aviso e advertencia, os seus pensares e mensaxes que outras calan. Alza o ton para seren oídas as narracións poéticas, poemas mal mirados e aquelas cuestións de contraste, agardando o aplauso da concurrencia e unha dádiva e conivencia.

O festival está organizado pola AC Estoribor. Neste ano o fin social ao que se dedicará o festival é "as enfermidades do ELA e a esclerose múltiple", colaborando con ACEM Santiago (Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple).

xoves, 13 de marzo de 2025

Entrevista a Ana Hermida na Tvg

Grazas A Revista Fin de Semana da TVG por esta entrevista a Ana Hermida, presidenta de Lisístrata Asociación, para falar sobre as nosas actividades con motivo do 8M "Día Internacional da Muller". Elixín como escenario para a charla a praia de Sabón do meu querido concello Arteixán, do que presumo aló por onde vou. 

domingo, 9 de marzo de 2025

Estaremos "Contando en Feminino" no Concello de Curtis para conmemorar o 8M "Día Internacional da Muller"

Estaremos “Contando en Feminino” no Concello de Curtis, na comarca de Betanzos, e así conmemorar o 8M "Día Internacional da Muller", alí Ana Hermida estará narrando historias dende a perspectiva de xénero e igualdade para ir concienciando para o alumnado do Ceip de Teixeiro, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario.

A cita co feminismo comezará ás 11:00 h., serán tres sesións, dúas para primaria e outra para infantil. Esta actividade está organizada pola Anpa A Froula e terá lugar nas instalacións do colexio.

domingo, 2 de marzo de 2025

Conmemoramos o 8M “Día Internacional da Muller” no Concello de Paderne contando “A historia en Feminino”

O Concello de Paderne, pertencente á comarca de Betanzos, ten programadas unha serie de actividades para conmemorar o 8M "Día Internacional da Muller", entre as que inclúe "A historia en Feminino" onde Ana Hermida fará un achegamento ás moitas e sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que houbo ao longo da historia. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, deportistas, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino. 

Estaremos visibilizando ás mulleres borradas da historia e achegando referentes para o apoderamento feminino, o venres 07 de marzo ás 19:00 h., será no Fogar do Maior no Concello de Paderne. Actividade dirixida ao público familiar.

martes, 25 de febreiro de 2025

“A historia en Feminino”, a visibilización das mulleres ao longo da historia, chega a Cerceda para conmemorar o 8M "Día Internacional da Muller"

Viaxamos ata Cerceda, na comarca de Ordes, para contar "A historia en Feminino”, alí Ana Hermida fará un achegamento ao alumnado do Ceip Plurilingüe Celso Emilio Ferreiro, das moitas e sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que houbo ao longo da historia. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, deportistas, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino. Actividade organizada pola Anpa Celso Emilio Ferreiro.

O venres 7 de marzo estaremos visibilizando mulleres borradas da historia para o alumnado de infantil e primaria do Ceip de A Silva de Cerceda.

venres, 21 de febreiro de 2025

Mesía conmemora o 8M con "A historia en Feminino"

O Concello de Mesía, na comarca de Ordes, para conmemorar o 8M “Día Internacional da Muller” ten programado entre as súas actividades "A historia en Feminino”, alí Ana Hermida fará un achegamento ao alumnado do Cpi de Xanceda das moitas mulleres sobresaíntes e descoñecidas que houbo ao longo da historia. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, deportistas, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino.

Porque a invisibilización é un xeito de violencia de xénero, estaremos achegando referentes e visibilizando mulleres borradas da historia o xoves 6 de marzo en Mesía.

luns, 17 de febreiro de 2025

Día de Rosalía en Arteixo

O día 23 de febreiro ás 13:00 h. no entorno do CCC de Arteixo "Manuel Murguía" e diante da Filla da "Figueira de Rosalía", celebraremos á Nai das nosas letras cun sinxelo acto, onde a veciñanza será a protagonista. Saúde e Terra!

Achégate e fai unha lectura da súa obra, podes traer ti o texto ou elixir entre os que nós teremos para que elixas. O acto dará comezo con Ana Hermida que dará lectura ao manifesto da AELG elaborado este ano por Marga do Val, para continuar coas lecturas da obra rosaliana por parte de todas aquelas persoas que queiran participar. 

sábado, 1 de febreiro de 2025

"A Vociferante da Baiuca", a cultura popular no Arteixo 1900

Ana Hermida na Feira Histórica Arteixo 1900 foi “A Vociferante da Baiuca”, estivo facendo unha homenaxe ao noso Patrimonio Inmaterial e ás mulleres transmisoras do mesmo, proclamando o dereito á dignidade do idioma, literatura oral e música popular de Galicia. A Vociferante da Baiuca levou ao auditorio de Arteixo narracións poéticas, poemas mal mirados, e outras cuestións de contraste, todo coa complicidade do público co que interactuaba.

Despois de pasar un tempo entre risas, o público bateu palmas para acompañar á Vociferante nos seus cantos como fin do espectáculo. Chovía (ironía modo-on), pero xa o facía antes de que a Vociferante comezara a entoar.

venres, 24 de xaneiro de 2025

Convocatoria do Premio de Oratoria "Filomena Dato" 2025

Pola presente convócase o PREMIO DE ORATORIA “FILOMENA DATO” 2025, nacido o ano 2019 para a participación do alumnado dos diferentes ciclos de Ensino e para centros públicos e privados de Galicia e do exterior, coa intención de promover a expresividade e a expresión –poética, narrativa e discurso– do Idioma Galego e o Feminismo, ademais de render homenaxe á “poeta das Mariñas”, un dos escasos referentes da literatura feminina e feminista do S. XIX e a segunda escritora, despois de Rosalía, que publicaría un libro en galego nese século. 

A inscrición farase no correo electrónico filomena.dato.muruais@gmail.com e deberá estar entregada a gravación, sempre mellor -de planos- en corpo enteiro, correspondente ao tema indicado, cunha duración máxima de 5 minutos, así como o traballo por escrito e a ficha do anexo, debidamente cuberta, que se pode descargar aquí mesmo.

O tema deste ano será: "Mansplaining". No verán de 2020 convidamos á Real Academia Galega a que incluíse este termo no seu diccionario, e aproveitamos a ocasión para reiterar a petición. Como novidade e a partir deste ano engádese "Tenzón" (para tentar recuperar esta composición) xunto con poesía, narrativa e oratoria, podendo cada persoa participar nunha ou nas dúas opcións da súa categoría correspondente. 

O prazo de inscrición é ata o 24 de febreiro. A entrega de premios terá lugar en Arteixo e farase coincidir c8M Dia Internacional da Muller, ás 12:00 h. no lugar que se comunicará oportunamente.

Prorrógase o prazo de inscrición debido ás moitas peticións por parte dos colexios. Tedes ata fin de curso para poder preparar as vosas propostas. Sorte, ánimo e adiante, moitos premios agardan por vós.

Ilustración e deseño: Iván del Río ©Todos os dereitos reservados

venres, 10 de xaneiro de 2025

Contamos "A historia en Feminino" no Concello de Ribeira

Ana Hermida estivo na Comarca do Barbanza para contar a "Historia en Feminino" no Concello de Ribeira, onde a a Asociación Veciñal de Carreira promoveu esta actividade para visibilizar ás mulleres borradas ao longo da historia. Foi unha tarde-noite dun temporal intensísimo e aínda así a asistencia foi enorme, polo que agradezo o interese e compromiso da veciñanza co feminismo.