domingo, 20 de novembro de 2016

Contando en feminino, contos sobre a igualdade para o alumnado de Educación Primaria do Concello de Cee

Por iniciativa do Cim do Concello de Cee, Ana Hermida levará contos e historias para tentar concienciar na igualdade e violencia de xénero ao público infantil, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

A cita será o martes 22 de novembro no Auditorio de Casa da Cultura de Cee, ás 10:30 h para o alumnado do CEIP Eugenio López e ás 11:30 h. para o alumnado do CPR Manuela Rial Mouzo.

Contando en feminino, contos sobre a igualdade para o alumnado de Educación Infantil do Concello de Cee

Ana Hermida levará contos e historias para ir concienciando ao público infantil na igualdade e violencia de xénero, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

A iniciativa é do Cim do Concello de Cee, o público ao que vai dirixido son 175 nenas e nenos de educación infantil dos centros educativos: CEIP Igrexa de Brens, E.E.I. de Pereiriña, CPR Manuela Rial Mouzo e CEIP Eugenio López.

A cita cos contos e coa igualdade será o luns 21 de novembro no Auditorio de Casa da Cultura de Cee ás 10:30 h. 

sábado, 19 de novembro de 2016

O xornal La Voz de Galicia recolle as nosas actividades de Igualdade e Violencia de Xénero na Costa da morte

O xornal La Voz de Galicia faise eco da visita que Ana Hermida fará nestes días pola Comarca da Costa da Morte para concienciar na igualdade e violencia de xénero.

Esta noite no Concello de Vimianzo cunha obra de teatro "Miña casiña, meu lar" contra o terrorismo machista e o luns e martes da vindeira semana no Concello de Cee para concienciar ao alumnado infantil dos colexios ceenses, será no auditorio municipal con "Contando en feminino", actividade organizada polo Cim de Cee.

Grazas á La Voz de Galicia, Edición Carballo e a Fran Rodríguez de Radio Voz Bergantiños pola entrevista tan amable que me fixo onte.

mércores, 16 de novembro de 2016

“Miña casiña, meu lar”, teatro contra a violencia de xénero en Vimianzo

"Miña casiña, meu lar" está incluída dentro da programación que o Concello de Vimianzo organiza con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

Enfocada dende un punto de vista humorístico, amosa a realidade da muller no seu fogar, reflicte a crúa realidade da situación das mulleres maltratadas, tanto no físico coma no verbal e no psíquico. A soidade dunha muller pechada todo o día na súa casa, a violenta relación á que a somete o seu marido e que ela acepta como normal, a dobre explotación da muller, tanto no traballo como no fogar...

Será o sábado 19 de novembro, no Auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo, ás 21:30 h. e a entrada é de balde.

"Contando en feminino" no Concello de Vedra

Esta semana estivemos percorrendo as escolas pertencentes ao Cra Boqueixón-Vedra “Neira Vilas”, mañá será a última cita para concienciar ao alumnado das escolas infantís na igualdade e violencia de xénero, contaremos historias onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Faime unha especial ilusión contar no Cra que leva o nome de Neira Vilas, ao que tiven a honra de coñecer.

A cita cos contos e coa igualdade será o mércores 17 de novembro, na Escola de San Fins ás 09:30 h. e na Escola de San Xián ás 10:40 h., no Concello de Vedra.

luns, 14 de novembro de 2016

A voz de Galicia recolle a nosa actividade "Contando en feminino"

O Auditorio da Casa da Cultura do Concello de Neda foi o escenario onde Ana Hermida estivo “Contando en feminino” para concienciar na igualdade e violencia de xénero ao alumnado dos colexios: San Isidro e Maciñeira. Así o recolle o xornal galego A voz de Galicia.

domingo, 13 de novembro de 2016

Contando en feminino para o alumado do Cra de Vedra e Boqueixón

Volvemos ter unha cita coa igualdad eco alumnado do Cra Boqueixón-Vedra “Neira Vilas”, Ana Hermida levará contos e historias para ir concienciando ao público infantil na igualdade e violencia de xénero, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

O mércores 16 de novembro a cita será na Escola de Lestedo, Concello de Boqueixón ás 09:30 h. e na Escola de Sarandón, Concello de Vedra, ás 10:40 h.





sábado, 12 de novembro de 2016

A Voz de Galicia faise eco da nosa actividade "Contando en feminino"

Así recolle o xornal La Voz de Galicia a nosa actividade Contando en feminino, que terá lugar, en varias sesións diarias, os vindeiros 21 e 22 de novembro na Casa da Cultura do Concello de Cee, organizado polo Cim ceense para sementar nas escolas a loita contra o sexismo. 

venres, 11 de novembro de 2016

"Contando en feminino" para o alumnado de educación infantil do Concello de Boqueixón

O alumnado do Cra Boqueixón-Vedra “Neira Vilas” recibirá a visita de Ana Hermida, sesión dobre durante tres días, para achegar a ese público tan especial un mundo de contos cheos de mensaxe e diversión para concienciar na igualdade e violencia de xénero. É unha iniciativa da Anpa Val do Ulla do Cra Boqueixón-Vedra.

Serán contos e historias para ir concienciando ao público infantil, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

A primeira cita cos contos e coa igualdade será o martes 15 de novembro, na Escola de Camporrapado ás 09:30 h. e na Escola de Sergude ás 10:50 h., no Concello de Boqueixón.

xoves, 10 de novembro de 2016

Celebramos o Día das Letras Galegas en San Sadurniño “Contando en feminino”

O alumnado da Escola de Educación Infantil do Concello de San Sadurniño o Día das Letras Galegas na Biblioteca Pública Municipal Lendo en San Sadurniño, alí estivo Ana Hermida para achegarlles historias e tentar concienciar á infancia na igualdade e violencia de xénero. As súas mentes miúdas son especialmente sensibles ao que reciben, polo que é un público, según o meu punto de vista, ao que hai que mimar con moito cariño e respecto. Sempre me fan promesas nas que creo firmemente e adquiren un compromiso que sei que van cumprir.

mércores, 9 de novembro de 2016

"Contando en feminino" na Biblioteca Castrillón da Coruña

Serán contos e historias para ir concienciando ao público infantil, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

A cita coa igualdade será o sábado 12 de novembro na Biblioteca Castrillón do Concello da Coruña ás 12:00 h., a entrada é libre e gratuíta ata completar aforamento.

luns, 7 de novembro de 2016

Contando en feminino, outono en igualdade na Biblioteca Castrillón da Coruña

Os sábados de outono 2016 estarán adicados ao tema da igualdade na Biblioteca Castrillón, pertencente ás Bibliotecas Municipais da Coruña. Alí estaremos Contando en feminino para o público infantil e veremos dun xeito distinto ás protagonistas femininas das historias. Será o sábado 12 de novembro na Biblioteca Municipal Castrillón ás 12:00 h., a entrada e libre e gratuíta ata completar aforamento.

martes, 1 de novembro de 2016

O Voitre e a Pomba, verbas contra a violencia de xénero en Oleiros

O alumnado do IES Miraflores asistirá a un espectáculo dirixido por Santiago Fernández, onde poesía e teatro se dan cita para denunciar a violencia contra as mulleres, homenaxear ás que xa non están e apoiar ás que están sufrindo esta pandemia. Ana Hermida e Santiago Fernández subirán ao escenario para ofrecerlles un espectáculo que pretende amosar a crueza da violencia de xénero, procurar que a adolescencia adquira un compromiso, a súa implicación e sexa consciente da brutal e inxusta realidade. 

Será o venres 4 de novembro ás 11:20 h. no auditorio do Ies Miraflores do Concello de Oleiros.

domingo, 23 de outubro de 2016

"E logo por que?" na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela

Contaremos historias máxicas que nos levarán por universos soñados e construídos á medida dunha fantasía propia da infancia. Visitaremos o mundo irreal dos contos e achegaremos a sabedoría irónica das palabras e argumentación absurda que fará as delicias de nenas e nenos, para dar resposta á curiosidade propia do público infantil mediante unha marabillosa enciclopedia inexistente.

Será o sábado 29 de outubro, no salón de actos da Biblioteca Pública de Santiago de Compostela, ás 12:00 h.

“Non che teño medo”, contos para a infancia en Fene

O conflito entre o ben e o mal está sempre presente nos contos de terror infantís e axuda a expresar as súas emocións e vencer os seus propios medos, contribuíndo a prepararse para a vida. Contaremos historias tenras, divertidas e duns medos moi particulares para que, mediante o entretemento, a infancia se enfronte aos temores e monstros que habitan os seus soños.

A cita será o venres 28 de outubro, na B.P.M Xosé María Pérez Pallaré do Concello de Fene, ás 18:00 h.

II Concurso de recitados “Cantares Gallegos” en Arteixo

Este ano foi a segunda edición do concurso de recitados “Cantares Gallegos” dirixido á infancia. Ana Hermida foi a encargada de presentar o acto e facer unha dramatización poética, onde amosou a Rosalía máis divertida e a faceta máis combativa de Manuel María. A Nai das nosas letras estivo moi presente nesa tarde, onde concursantes de diferentes nacionalidades recitaron os seus versos e onde eu quixen amosar o meu cariño á poeta no vestir e en pequenos detalles que me acompañaron durante todo o acto e que podedes apreciar na foto.

A Historia en Feminino na axenda do Concello de Arteixo

O Concello de Arteixo recolleu na súa axenda a nosa actividade, "A historia en Feminino", proposta elixida polas bibliotecas do Concello con motivo 25N para concienciar na igualdade e violencia de xénero ao público infantil.

A Historia en Feminino en Ferrol360

O auditorio do Concello de San Sadurniño foi o escenario onde Ana Hermida contou “A historia en Feminino” para concienciar na igualdade e violencia de xénero ao alumnado do CPI de San Sadurniño, con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia de contra a Muller. Así o recolle o xornal galego Ferrol360.

“Cóntame outra vez” na Biblioteca Central de Arteixo

Levamos os contos de sempre á Biblioteca Central de Arteixo, o público infantil recibiuinos como algo novo ao mesmo tempo que o público adulto relembraba a súa nenez, os contos clásicos seguen vixentes porque o tempo os puxo no seu lugar. Mentres ía contando observaba a resposta das nenas e nenos, sempre me queda a dúbida se están aí por obriga ou porque lles gustan as historias, días despois vin unha desas nenas pola rúa, recoñeceume e da man da súa nai comezou a contarme as historias que máis lle gustaron. Que gratificante é o oficio de dicir!

sábado, 22 de outubro de 2016

"Todo o mundo é noso" contos de diversidade e inclusión en Santiago

A Biblioteca Anxel Casal de Santiago acolleu unha sesión de contos sobre a diversidade e inclusión plena. O público infantil ten moi claro que todas as persoas somos únicas e diferentes, niso ten moito que ver o exemplo familiar, tal e como puiden comprobar co público adulto que acompañaba ás nenas e nenos nese día. Os contos son un medio ideal para derrubar estereotipos, en primeira persoa comprobo día tras día como as súas manciñas disfrutan coa lectura e coas ilustracións dos contos que recollen co seu carnet, resultado da marabillosa campaña da biblioteca e das persoas que alí coidan da cultura.

Estivemos Fabulando na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago

Ao público infantil resultánlle moi atractivas, están cheas de historias que resisten o paso do tempo, están en todas as culturas e son sempre ben recibidas por nenas e nenos. Na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago as historias fabulosas volveron cumprir o seu obxectivo xa que a imaxinación voaba mentres recibían unhas pautas, case sen darse conta, para así poder lembrar o que fixo o león, aquel elefante, a nena valente... ante unha situación semellante e así poder trasladalo ao seu pequeno mundo dun xeito insconsciente.

Estivemos "Artellando historias" na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago

Achegar o mundo da arte ao público infantil é moi satisfactorio, a súa curiosidade, o asombro que amosan os seus ollos, as bocas abertas ante o que contemplan, as historias que agochan… Convertemos o Salón de Actos da Biblioteca Anxel casal nun museo á súa medida, colocábanse diante das obras e facían a súa propia intepretación das mesmas, ler o nome e a súa autoría. Galicia tamén estivo presente coas marabillosas obras das nosas mulleres e homes artistas. Pintura, música, escultura… mulleres e homes de todo o mundo que nos regalaron a súa obra para o disfrute ao longo da historia. Sen a colaboración e o compromiso das persoas responsables da Biblioteca sería impensable este tipo de actividade, grazas.

Asaltamos o Castelo de Vimianzo con contos, mitos e lendas

Nesta XXI edición do Asalto ao Castelo do Concello de Vimianzo estivo presente a nosa historia, os contos de noso e unha mitoloxía propia que Ana Hermida achegou ao público infantil. Foi antes de as nenas e nenos fixeran o seu propio Asaltiño para lembrar as Revoltas Irmandiñas, a organización mudou as armas crueis por auga e os berros de guerra por risas e diversión. Toda unha vila implicada activamente na festa, froito do esforzo de moitas persoas anónimas e do propio Concello, converténdose nunha cita ineludible do verán. O noso recoñecemento para todas elas, que personalizamos en Juliño que, despois de horas e horas de traballo, sempre nos atendeu cun amable sorriso.

xoves, 1 de setembro de 2016

"Todo o mundo é noso" na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela

Achegaremos á infancia historias para axudar a derrubar todo tipo de barreiras (físicas, psíquicas, raciais, culturais…) e así dignificar a vida doutras persoas e a nosa propia. Os estereotipos de personaxes reflicten unha realidade, o obxectivo destas historias é mudar esa realidade e tentar concienciar á infancia na diversidade e a inclusión plena, porque todas as persoas somos únicas e diferentes.

Será o sábado 3 de setembro, no salón de actos da Biblioteca Pública de Santiago de Compostela, ás 12:00 h.

venres, 1 de xullo de 2016

Contos, mitos e lendas populares no Asalto ao Castelo de Vimianzo

O Concello de Vimianzo celebra este ano a XXI edición do Asalto ao Castelo, aí estaremos contando lendas, historias tradicionais e populares que fagan entender e coñecer moitas cousas a nenas e nenos. Os porqués, os encantos, historias de trasnos, de feitizos, mitoloxía galega... tamén de temas históricos e de cabaleiros. Haberá, por suposto, algunha que outra historia propia desa época de Revoltas Irmandiñas. 

A cita será o sábado 2 de xullo na Praza do Concello, ás 15:30 h.

xoves, 23 de xuño de 2016

"Artellando historias" en Compostela, na Biblioteca Ánxel Casal

A retina de cada persoa garda na súa memoria as imaxes da infancia, polo que mediante contos, curiosidades e xogos introduciremos ás nenas e nenos no máxico mundo da arte para espertar a súa sensibilidade e capacidade de observación. Estimularemos os diversos sentidos cunha arte á súa medida para favorecer a creatividade e darlle oportunidade de expresar a visión do seu mundo particular.

Será o sábado 25 de xuño, no salón de actos da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, ás 12:00 h.

martes, 31 de maio de 2016

Contando en feminino no Centro Sociocultural de Santa Marta de Santiago de Compostela

O Concello de Santiago de Compostela organizou, ao abeiro do proxecto Apego, unha programación para todo o termo municipal a través de Santiago SocioCultural e Locais Socioculturais do Rural de Santiago de Compostela.

Ana Hermida estará no Centro Sociocultural de Santa Marta contando historias para ir concienciando ao público infantil, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

A cita coa igualdade será o sábado 4 de xuño ás 18:00 h. no CSC Santa Marta.

martes, 17 de maio de 2016

Celebramos o Día Internacional contra a Lgtbfobia contando "Sen etiquetas" na Biblioteca Ánxel Casal

Estivemos celebrando este 17 de maio, Día Internacional contra la LGTBfobia (IDAHO), coas nenas e nenos que asistiron á Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, falamos dos distintos tipos de familias existentes, todos eles válidos, xogamos a formar a nosa propia familia, tamén válida, contamos historias de diversos afectos entre seres humanos, todos eles válidos tamén. Varias nenas e nenos contáronme que tamén coñecían familias semellantes ás das historias que lles contei, seguro que medrarán na tolerancia e respecto, polo que debo e quero felicitar ao entorno familiar no que están, ese día na biblioteca a maioría eran pais, parabéns polo seu compromiso e exemplo, grazas tamén á biblioteca que, coma sempre, permite achegar determinadas historias que noutros lugares sería imposible. 

luns, 16 de maio de 2016

O Concello de San Sadurniño celebra o Día das Letras Galegas “Contando en feminino”

O Concello de San Sadurniño inclúe os contos de igualdade na súa programación do Día das Letras Galegas. Nesta ocasión as historias estarán dirixidas ao infantil de 3 a 6 anos. Serán contos contados dende a perspectiva de xénero e igualdade. Historias para ir concienciando á infancia, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

A cita coa igualdade será o mércores 18 na Biblioteca Pública Municipal, ás 12:30 h.

martes, 10 de maio de 2016

Estivemos contando "A historia en Feminino" na Biblioteca de Oseiro

Visibilizar as mulleres borradas da memoria, coñecer a súa historia, os seus logros, a súa vida, achegar a realidade oculta durante séculos… todo eso e máis é o que ofrecemos con “A historia en Feminino”, darlle o seu lugar ás mulleres que houbo ao longo da historia e que aínda hoxe seguen nun ocultismo inxusto. A reacción do público é sempre a mesma, de marabillosa e grata sorpresa ante o que poden ver e escoitar, o que descobren. Nesta ocasión estivemos na biblioteca de Oseiro achegando mulleres marabillosas, como esta da foto que deixamos como mostra dese día.

venres, 6 de maio de 2016

Rimando e Xogando con Rosalía e Manuel María en Arteixo

Estivemos Rimando e Xogando en Arteixo, foi con motivo do II concurso de recitados de poesía “Cantares Gallegos” dirixido á infancia. Ana Hermida foi a encargada de poñer a voz á figura de Manuel María e Rosalía, onde o público adulto e infantil participou cantando e batendo palmas ao son do Cuco e o do Carro, escoitaron os poemas máis reivindicativos do homenaxeado nas Letras Galegas e coñeceron a faceta máis divertida de Rosalía.

Seguidamente as sete nenas e cinco nenos comezaron a recitar a Rosalía, alí estaban co mellor sorriso e os nervos acompañando o camiño. O respecto do público, os aplausos recibidos, os distintos acentos de diferentes culturas nas lecturas… todo foi moi fermoso, tiña que gañar alguén, así o dicían as bases, foi Noelia, unha nena que xa se fixera co premio o ano pasado, en realidade o premio foi para esas doce persoas que con ilusión participaron, todas levaron como agasallo un libro envolto nun gran aplauso, polo moito que nos fixeron disfrutar. Agardamos a edición do próximo ano, seguro que, ao igual que nesta, público e participantes irán medrando, así como tamén o amor á poesía. Din que estou tola por facer o que fago, por ir a contracorrente, por pensar que o público infantil é moi intelixente, por tentar achegar cultura, valores, igualdade... todo son paus nas rodas, pero cando asisten ás actividades relacionadas co público infantil e ven como este responde, penso: mudarán de opinión? Estarei tola pero... “que tolería máis bonita”.

xoves, 5 de maio de 2016

Historias “Sen etiquetas” na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago

Contaremos ás nenas e nenos historias para que aprendan a aceptar, respectar e comprender a identidade de cada persoa e amosar todos os afectos posibles entre os seres humanos, poñer ao seu alcance a diversidade de familias, todas elas válidas. A través dos contos tentamos visibilizar unha realidade e que a infancia medre na tolerancia e respecto. Celebramos así o 17 de maio, Día Internacional contra la LGTBfobia (IDAHO), que ten como obxectivo promover accións de sensibilización en todos os países do mundo desde que hai 26 anos a OMS elimara a homosexualidade feminina e masculina da lista de enfermidades mentais, anque a día de hoxe a transexualidade é aínda parte dos manuais de psiquiatría.

Será o sábado 7 de maio, no salón de actos da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, ás 12:00 h. 



martes, 3 de maio de 2016

"Contando en feminino" pechou en Cangas os actos do Día da Muller

O Concello de Cangas do Morrazo pechou os actos do Día Internacional da Muller Contando en feminino na Biblioteca do Hío, actividade organizada polas Bibliotecas de Cangas. O público adulto participa destas actividades cada día máis, agradezo moito a súa implicación coa igualdade e violencia de xénero, mesmo me preguntan polas lecturas recomendadas para tal fin, eu sempre procuro aconsellarlles desde o meu humilde criterio, daquela penso: hai futuro, a semente xermolará… pouco a pouco e sen facer ruído.

luns, 2 de maio de 2016

"Tecín soia a miña tea" no xornal A Nova Peneira

O xornal galego A Nova Peneira recollía a visita que fixo Ana Hermida ao Concello de Redondela co espectáculo "Tecín soia a miña tea", dramatización de textos para homenaxear á nai das nosas letras, Rosalía de Castro. 

O Concello de Corcubión celebrou o Día Internacional da Muller “Contando en feminino"

Achegámonos á Costa da Morte coas nosas historias de igualdade para o público infantil. O acto estaba organizado pola Concellaría de Servizos Sociais, Muller e Igualdade, xunto coa Concellaría de Cultura do Concello de Corcubión e tivo lugar na Casa da Cultura. Ata alí se achegaron nais, pais, avós, avoas e, por suposto, nenas e nenos que me volveron ofrecer, no debate posterior que sempre fago, os seus comentarios, as súas preguntas e dúbidas, a súa visión da igualdade e violencia de xénero. Tanto nos entretivemos intercambiando opinións que o tempo pasou voando, así entre historias e sorrisos levaron conceptos que espero queden fixados nas súas mentes.

martes, 26 de abril de 2016

O Voitre e a Pomba, a palabra a escena para concienciar á adolescencia na igualdade e violencia de xénero

A palabra adquire unha gran dimensión enriba das táboas dun escenario, a adolescencia reacciona sempre igual, eso é o que se pretende, amosar a crueza da violencia de xénero, facer que tomen conciencia, a súa implicación, tentar que adquiran un compromiso e sexan conscientes da brutal e inxusta realidade. Dramatizacións que poñen un nó na gorxa para remexer conciencias. Así é O Voitre e a Pomba, o medio que utilizamos para tal fin.

Diario de Ferrol recolle a nosa actividade "A historia en Feminino"

O Auditorio da Casa da Cultura foi o escenario onde Ana Hermida levou ao alumnado do CPI San Sadurniño “A historia en Feminino”. Así o recolle o xornal galego Diario de Ferrol.

Contando en feminino na Escola de Educación Infantil de Barrionovo

Contar para un público de entre 3 e 6 anos é moi agradecido xa que comprobo que non teñen prexuízos e asimilan todo o que lles amoso con toda naturalidade. Tal e como se aprecia na foto, non tiveron ningún problema en asumir as tarefas domésticas, como lavar a roupa, tanto nenas coma nenos, aínda non teñen estereotipos, polo que, na miña humilde opinión, aí é onde hai que incidir e concienciar na igualdade, desde a tenra infancia, guiar o camiño que percorrerán ao longo da vida sen os roles de xénero que establecen as persoas adultas. Sei que cando medren estarán comprometidos coa igualdade e non violencia de xénero.

luns, 25 de abril de 2016

Fabulando na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago

As fábulas son historias onde os protagonistas son animais e obxectos con características humanas. Con máis de dous mil anos de antigüidade, aínda hoxe son utilizadas para dar consellos e pautas a seguir, principalmente á infancia. Ante o público desfilarán historias para estimular a imaxinación de nenas e nenos, saber resolver problemas e superar dificultades.

Será o sábado 30 de abril, no salón de actos da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, ás 12:00 h.

Rimando e Xogando con Rosalía e Manuel María en Arteixo

Ana Hermida volve render homenaxe á poesía galega, desta vez poñendo voz e alma á obra de Rosalía de Castro e Manuel María. Será tamén unha homenaxe multicultural á poesía nosa, xa que nenas e nenos de varias nacionalidades recitarán a Rosalía nun acto moi fermoso que xa vai polo súa segunda edición e no que escoitaremos os versos fermosos da nai das nosas letras con acentos doutras terras, pero en galego. Comprobo ano tras ano, cando fago este tipo de actividade, que infancia e poesía van xuntas da man, é unha maneira humilde de contribuír ao espallamento da lingua e cultura galega e a poñer en valor ás mulleres e homes poetas de Galicia, tentar que a infancia se achegue con cariño á poesía e fomentar as lecturas de noso.

Este ano celébrase a segunda edición do concurso de recitado de poesía “Cantares Gallegos” dirixido á infancia de entre 8 e 12 anos, acto organizado polas Bibliotecas do Concello de Arteixo como colofón a unha serie de actividades coas que conmemoran o mes do libro. Ana Hermida será tamén a encargada de conducir o acto, onde cada participante levará un agasallo e a persoa premiada recibirá unha tablet.

A homenaxe á poesía galega será o martes 26, na Sala de exposicións do Centro Cívico Cultural de Arteixo, ás 18:15 h. O acto está dirixido a todo tipo de público e a entrada é libre e gratuíta.

venres, 22 de abril de 2016

"Non che teño medo" na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago

Nesta actividade o que se pretende é que a infancia venza os seus propios medos, para eso os contos son un elemento esencial, as historias que lles contamos e a súa implicación son fundamentais para que así sexa. Como se aprecia na foto, o público infantil da Biblioteca Ánxel Casal de Santiago non tivo medo e quedoulle moi claro que os monstros habitan na imaxinación de cada persoa e que, nenas e nenos, teñen o poder absoluto sobre bruxas, ogros, xigantes, monstros... tanto, que ata poden facerse amigos e xogar con eles como fixeron esa mañá de sábado na biblioteca.

martes, 19 de abril de 2016

"Rimando e Xogando con Manuel María" no xornal El Ideal Gallego

O xornal El Ideal Gallego faise eco da homenaxe a Manuel María que Ana Hermida fará na Biblioteca Francisco Vidal do Froxel, na parroquia arteixá de Oseiro.

luns, 18 de abril de 2016

O Concello de Santiago de Compostela inclúe "Contando en feminino" na súa programación infantil de primavera

O Concello de Santiago de Compostela ten preparada unha completa programación infantil para a primavera, ao abeiro do proxecto Apego. Con tal motivo o Concello unificou todas as súas propostas para as nenos e nenas nunha única programación na que participaron varios departamentos municipais, como Lingua, Turismo, Cultura, Centros Socioculturais ou Convivencia. Tamén se incluíron propostas da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Ademais, Martiño Noriega incidiu en que a programación chegará a todo o termo municipal, a través dos centros socioculturais do ámbito urbano e dos locais das parroquias do rural.

No mes de xuño, o día 4 ás 18:00 h., Ana Hermida, da Asociación Lisístrata, estará Contando en feminino no CSC de Santa Marta. Serán historias para ir concienciando ao público infantil, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

xoves, 14 de abril de 2016

Rimando e Xogando con Manuel María na Biblioteca do Froxel

No mes do libro rendemos homenaxe a Manuel María, neste seu ano das Letras Galegas. O autor chairego será obxecto de lecturas, xogos, rimas, cancións... Unha maneira de achegar ao público infantil o seu traballo e a súa figura que estará nas voces de Ana Hermida e das nenas e nenos de entre 4 e 11 anos que por alí se acheguen. Teremos pequenos xoguetes poéticos cheos de entretemento, versos que ás veces son cantados, historias unhas, con actividades para a infancia e outras nas que interactúan coa contadora. 

A cita coa poesía será o martes 19 de abril na Biblioteca Francisco Vidal do Froxel (Oseiro), ás 18:50 h.

Contamos A historia en Feminino na Biblioteca de Pastoriza

É moi gratificante comprobar que o público infantil volve sorprenderse unha e outra vez ante as marabillosas mulleres cando as coñecen e saben dos seus logros, da súa valentía, intelixencia. Sei, porque o comprobo día tras día, que hai un antes e un despois, é o que pretendo, dar a coñecer unhas persoas borradas dos libros, dos medios, da historia, polo simple feito de ser mulleres, pretendo fomentar o interese e que sigan por ese camino. Eu non o vexo como algo puntual e de datas concretas no calendario, é algo de todos os días e que debe facerse por convicción, por compromiso. Hai quen non o ve así e actúa ofrecendo a igualdade e violencia de xénero como un produto, na miña humilde opinión ese tipo de comportamentos fan un dano irreparable, como tamén o é que non se controle quen, que e como se fan determinadas actividades, a esas idades o que reciben e asimilan pode marcar a diferencia.

mércores, 13 de abril de 2016

O día que estivemos Contando en feminino en Ponteareas

Viaxamos ata o Concello de Ponteareas para tentar concienciar na igualdade e violencia de xénero ao alumnado do Ceip Santiago de Oliveira, foi na ALM Trovador Xoan García de Guillade e ata alí se achegaron as nenas e nenos, baixaron do autobús e comezaron as historias nas que o alumnado tivo un papel moi activo. Foi unha mañá tan especial que estivemos, case sen darnos conta, hora e media entre contos, debates e conversas. Cando marcharon levaban aínda o sorriso nos ollos, eu levei, e aínda gardo, as sensacións vividas, a súa imaxe e todo o que me contaron.

martes, 12 de abril de 2016

Viana do Bolo celebrou o Día da Muller "Contando en Feminino"

O Concello de Viana do Bolo celebrou o Día da Muller Contando en feminino, actividade que organizou o Cim Viana e que se celebrou no auditorio do Concello ante un público de todas as idades. Sempre agradezo compartir historias e tentar concienciar na igualdade e violencia de xénero tanto á infancia como ás persoas adultas. A viaxe foi moi fermosa ao contemplar as marabillas que a nosa terra nos ofrece, logo deulle aínda máis valor o compartir momentos ante un público que case nin se percibía desde o escenario, debido á súa idade, pero que sempre ofrece a sensatez da inocencia, máis tarde volver disfrutando doutra paisaxe diferente… en definitiva un día repleto de emocións.

Facemos as paces? e o público infantil da Biblioteca Ánxel Casal dixo...si

Era o sábado de antroido e as nenas e nenos estaban en boa disposición, co seu disfraz, para escoitar os contos no salón de actos da biblioteca que, ese día, tiñan a temática da paz. O mundo tería que estar gobernado por eses seres tan inocentes e as xentes que se dedican á política deberían asistir a este tipo de actividades, comprenderían o importantes que son e aprenderían moito da infancia. Ante os contos que desfilaron ese día, tiraron as súas propias conclusións, non entendían o porque das guerras, as persoas refuxiadas… chegaron a dicirme que os países non existían, que o mundo era de todas as persoas... Que gran lección nos ofrecen! Como se aprecia na foto, nenas e nenos quedaron engaiolados coas ilustracións tan fermosas da artista Inma Doval.