martes, 27 de outubro de 2015

Estaremos "Contando en feminino" en Tomiño, na Comarca do Baixo Miño, na Semana da Tradición Oral

Ana Hermida viaxará ata a Comarca do Baixo Miño, concretamente ao Concello de Tomiño, onde a ANPA do Ceip Pintor Antonio Fernández de Goián organiza esta actividade dirixida a nenas e nenos, para achegar contos contados dende a perspectiva de xénero e igualdade. Historias para ir concienciando ao público infantil, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

A cita coa igualdade será o venres 6 de novembro na Biblioteca do Ceip Pintor Antonio Fernández de Goián, ás 17:00 h.

Contos e lendas populares para celebrar o Samaín no Concello de Dodro

O Concello de Dodro vai celebrar o Samaín con contos, lendas, historias tradicionais e populares que fagan entender e coñecer moitas cousas a nenas e nenos. Os porqués, os encantos, historias de trasnos, de feitizos... tamén de temas históricos e de cabaleiros. Haberá, por suposto, algunha que outra historia propia destas datas. Serán historias e lendas tradicionais con cancións populares para o público infantil.
A cita será o venres 30 de outubro na Casa da Cultura de Dodro, ás 18:00 h.

sábado, 24 de outubro de 2015

Que pasa na Costa,recolle así a actividade "Contando en feminino" para celebrar en Carballo o Día da Biblioteca

Que pasa na costa, o Diario Dixital da Costa da Morte, recolle  a visita de Ana Hemida ao CEIP Fogar de Carballo, para celebrar o Día da Biblioteca.

xoves, 22 de outubro de 2015

Estaremos celebrando o Día da Biblioteca "Contando en feminino" en Carballo

Mañá en Carballo 200 nenas e nenos terán unha cita con contos contados dende a perspectiva de xénero e igualdade. Contos e historias para ir concienciando aos máis novos,onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

A esas idades as súas aportacións e visión dos temas tratados nos contos serán moi interesantes, agardo con impaciencia o debate que sempre hai cando fago este tipo de actividade, é moi enriquecedora

O encontro coa igualdade será o venres 23 ás 11:00 h. na biblioteca do CEIP Fogar do Concello de Carballo.

Estaremos en Pontedeume contando historias que fomos recompilando "Polo mundo adiante"

Dende tempos moi remotos se teñen contado historias en todos os países do mundo. Viaxamos polos cinco continentes para contar historias de fadas, da natureza, de seres mariños, de adiviñas, de misterio, de risa… Contos, cancións e xogos populares que servirán para coñecer mellor a cultura e os costumes de cada país.

Estaremos en Pontedeume contando historias que fomos recompilando polo mundo adiante, será na Casa da Cultura o venres 13 de novembro ás 19:00 h.

domingo, 18 de outubro de 2015

Estivemos Contando en feminino na Casa da Cultura de Neda

A actividade estaba destinada ao alumnado do CEIP San Isidro e do CEIP de Maciñeira, desenvolveuse no auditorio da Casa da Cultura e o público estivo moi activo e participativo. Antes de comezar sempre lles digo que poden preguntar calquera dúbida, que participen e sempre o fan, é moi enriquecedor e gratificante, amosan interese, queren dar a súa opinión, cando se lles propón unha cuestión sempre responden debidamente.

Pasado un tempo tiven acceso ás conclusións e reflexións tan acertadas que dese día fixeron e o único que lles podo dicir é grazas, realmente emociona comprobar que o que tentaches facer, concienciar na igualdade e violencia de xénero, cumpriu o seu obxectivo. Grazas.

As Historias de África chegaron á Biblioteca de Santiago Ánxel Casal

Ese día falamos de países, natureza, culturas. Felicité amosoume no mapa o seu país, Costa de Marfil, outras nenas contáronme cantos animais de África coñecían. Houbo quen, ao remate da actividade, quixo contar o seu conto, eu sempre acollo esas iniciativas con ilusión, mesmo procuro animar a facélas.

Cando con escasos aniños e coa súa pouca voz comezan a contar e escoito a súa historia, son consciente de que por eses ollos tan abertos que eu vía mentres lles contaba, entraron todas as historia. Foron contos improvisados e ben fiados, alí aparecían personaxes, animais, espazos dos que eu antes lles falara. O oficio de "dicir" ten algo máxico ao igual que ese público marabilloso. 

A Ribeira Sacra acolleu unha sesión de Contando en feminino

Voltamos á Comarca da Ribeira Sacra, desta vez ao Concello de Carballedo, para tentar concienciar á infancia na igualdade e violencia de xénero. A viaxe en si foi moi fermosa, pero cando cheguei e vin a ese público infantil que agardaba, ás nais e pais que, aínda co pouco tempo libre dispoñible, xa que estaban no tempo da vendima, fixeron un oco para achegarse xunto coas nenas e nenos á actividade e ser partícipes das historias, non podo máis que emocionarme e agradecerlles a súa colaboración e compromiso coa igualdade.

Grazas a ese público adulto e ao infantil, grazas por permitirme disfrutar de momentos como os que quedan plasmados en fotos coma esta.

A historia en Feminino chegou á Biblioteca Ánxel Casal de Santiago

A historia non lles fai xustiza ás mulleres e o público reaccionou como era de esperar... "non, non a coñecemos, que valente, mira que guapa e que intelixente (sorprendeulles moito), eu quero ser así". Realmente é moi gratificante poder contribuír, moi humildemente, a visibilizar, poñer en valor, rescatar do esquecemento a tantas mulleres marabillosas, que polo feito de ser mulleres nun mundo onde a historia, escrita por e para os homes, non lles dá o seu lugar.

A infancia non ten prexuízos, polo que as ve como o que son, extraordinarias. Ese día tamén había moito público adulto que me comentou que a moitas mulleres tampouco as coñecía. Sorprenderon e emocionaron as súas vidas, quedan aínda outras moitas que contar.

Contando en feminino na Semana da Cultura e do Lecer de Teixeiro

Todos os anos polo mes de xullo a AA.VV. Comarca de Teixeiro organiza unha semana cultural, que xa vai pola súa XV edición e que conta co apoio de toda a veciñanza. Ata alí nos achegamos cos nosos contos para tentar concienciar á infancia na igualdade e violencia de xénero. Fomos testemuñas da implicación, traballo, esforzo e colaboración de toda unha vila. 

Cando estabamos coas nosas historias no auditorio e me dirixín a un neno do público, quedou sen saber que facer e o pai díxolle, "venga, tu sabes la respuesta", daquela preguntei se era galego, dixo que non, que viñan de vacacións aquí e sempre elixían esas datas para participar da Semana da Cultura, díxenlles que se había algunha palabra que non entendesen eu aclararía o significado e seguín contando, non preguntou nada, entendeuno todo, o seu respecto e amor pola cultura nosa foi fermoso. 

Cando non se poden poñer fotos da actividade elixo outra, coma esta relacionada tamén coa igualdade, fágoo en homenaxe a todo o profesorado que coida á infancia e ama o seu traballo, que importantes son, non se lles fai xustiza, eu si recoñezo o seu gran labor, sei que as nenas e nenos tamén o fan.

sábado, 17 de outubro de 2015

Estivemos Contando en feminino no Concello de A Veiga

O Concello de A Veiga, na comarca de Valdeorras, conta co privilexio de ter, xunto con outros 13 no mundo, o certificado Starlight, que o avala como destino turístico astronómico. Todo nese concello é fermoso, a paisaxe, as xentes, as estrelas... e por suposto a infancia.

Ese día ía moita calor, eu fixera moitas horas de viaxe, moitos quilómetros, disfrutara dunha paraxe incomparable. Mentres agardaba o momento do encontro escoitei balbordo pola rúa, risas, xogos, como saboreando a chegada das vacacións do verán, achegueime á fiestra e vin unha ringleira enorme de nenas e nenos que viñan felices á biblioteca, que estampa tan bonita!

Así que comezamos as presentacións de persoas e contos, historias nas que se implicaron, razoaron, preguntaron e resolveron. Deixo foto do momento das charlas, debates e impresións finais (que forman parte da actividade). Sempre se comprometen a defender a igualdade e a non consentir ningún tipo de maltrato, sei que así será, creo na súa palabra.

O Faro de Vigo faise eco da visita de Ana Hermida a Campo Lameiro, onde estivo Contando en feminino

Ana Hermida estivo Contando en Feminino no Concello de Campo Lameiro, tentando concienciar na igualdade e violencia de xénero. Foi unha actividade organizada pola Biblioteca Pública Municipal Irmáns Ricoi e encadrada dentro do programa da Xunta de Galicia, Ler conta moito.

O xornal O Faro de Vigo recolle así a noticia.

Na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago estivemos contando Mitoloxía para xente miúda

Sen dúbida é un tema que atrae ao público infantil, seres fantásticos, máxicos, historias marabillosas, monstros, misterios... E alí estaban fieis á cita as nenas e nenos, nunha soleada de sábado, acompañados das persoas adultas, sempre implicadas nas actividades. É gratificante ver como se involucran para dar exemplo, un pai moi amable e ante a miña petición, contou e así, entre libros, o seu fillo meteuse na historia e entre os dous remataron o conto... grazas.

A Quenlla canta a Díaz Castro "Desorballando outonos", en Arteixo - Rolda de prensa

Na rolda de prensa celebradan no Forum Metropolitano da Coruña, Baldomero Iglesias “Mero” chamou á “reconfortarnos na autoestima todos, ser moito mais valentes e erguer en dignidade sempre”. Alfonso Blanco reivindicou as “Letras sempre” un convite a disfrutar da obra dunha autora ou autor...sempre. Ana Hermida convidou a seguir iniciativas coma esta porque “valorar a nosa cultura está nas nosas mans”. Trátase dun traballo colectivo e levado a cabo por un grupo de amigos que se xuntaron para render homenaxe ao poeta e tamén amigo Xosé María Díaz Castro, homenaxeado nas pasadas Letras Galegas.

A obra inédita do poeta é unha obra importante que conviña resaltar dalgún xeito. O grupo A Quenlla interpreta 15 poemas do autor, 13 novos e inéditos e dous dos máis coñecidos do seu libro "Nimbos", publicado antes da súa morte en 1991. Apórtase un libro, obra de D. Alfonso Blanco Torrado, amigo persoal do autor e depositario da súa obra literaria, quen fai un percorrido pola súa obra e pola súa personalidade xenerosa e chea de humanismo. D. Xulio Xiz Ramil, amigo do autor e xornalista e coautor da recolla de imaxes e son, aporta un DVD en recorrido pola xeografía vital do autor recitando poemas propios e en conversa con outras persoas da súa contorna.

Todo este traballo amósase no "Concerto Didáctico" especialmente deseñado para Asociacións Culturais sen ánimo de lucro que queiran divulgar a obra poética e tan delicada de Xosé María Díaz Castro. Estará o grupo A Quenlla e dará un concerto en directo. Estará tamén o autor do Libro, D. Alfonso Blanco, e falará da dimensión do autor en cuestión, e tamén o autor e director da recolla das imaxes e entrevista, D. Xulio Xiz, que falará e será presentador, aportando algunhas imaxes que van no vídeo sobre Díaz Castro.

Farase en primicia en Arteixo, despois doutras seis exposicións en ámbitos culturais levados a cabo desde organismos oficiais, e será da man dunha asociación humilde, como é Lisístrata, que xa asumíu en tempos un concerto “De autores e cantores…” (Mini e Mero acompañados por Saxa) e que da man de Ana Hermida, volve dirixir e estimular esta actividade cultural por estas terras. 

xoves, 8 de outubro de 2015

Historias de África na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, para celebrar o Día da Biblioteca

Os contos non coñecen de fronteiras, atravesan todos os países de África para traernos historias que falan de astucia, de enfrontamentos entre homes e seres fabulosos, de xustiza, de xenerosidade, contos que falan do papel da muller, que fan burla da estupidez… contos con mensaxe e sempre marabillosos, que nos farán coñecer mellor a alma do continente africano.

A cita coas Historias de África será o sábado 10 de outubro no salón de actos da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, ás 12:00 h.