luns, 22 de decembro de 2014

A AELG leva na súa axenda o noso Rimando e Xogando, en Meicende

A Asociación de Escritores en Lingua Galega "AELG", sempre coas escritoras e escritores galegos, leva na súa axenda o noso Rimando e Xogando, actividade para o público infantil na biblioteca do novo Centro Sociocultural de Meicende.

Deixamos o enlace á páxina MEICENDE: RIMANDO E XOGANDO, CON ANA HERMIDA

sábado, 20 de decembro de 2014

Meicende inaugura "Rimando e Xogando" a súa biblioteca do novo Centro Sociocultural

As nenas e nenos que se acheguen á biblioteca xogarán coas palabras, disfrutarán cos poemas, rimarán, cantarán... coñecerán autores da nosa terra, cantares de cego, cantigas populares, panxoliñas... entretemento, diversión, cultura e amor á poesía será o eixo condutor nunha tarde de festa, a da poesía, pensada especialmente para ese público infantil, sempre tan esixente.

Tamén achegaremos o Díaz Castro máis infantil, unha homenaxe ao autor chairego  neste ano no que se lle adica o Día das Letras Galegas.

Será o día da inauguración do Centro Sociocultural de Meicende (Arteixo), na nova biblioteca "Antón Castro", o luns 22, ás 17:00 h.

domingo, 7 de decembro de 2014

Un Nadal cheo de contos na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés

Poremos nos zapatiños de todas as nenas e nenos, contos feitos de maxia e ilusión. Cantaremos panxoliñas e contaremos historias que falan do sentido destas datas e que ás veces son divertidas, outras sorprendentes… contos de árbores de Nadal, de bonecos de neve, de Reis, de cousas imaxinadas e que, seguramente, algún día serán realidade.

Será o sábado 13 na Sala Infantil da biblioteca, ás 12:00 h.

mércores, 3 de decembro de 2014

O Concello de Meaño pechou a programación en contra da violencia de xénero con Miña casiña, meu lar

A representación de Miña casiña, meu lar, pechou os actos que o Concello de Meaño ao longo de toda a semana tiña preparados relacionados co 25 de novembro. Foi no centro social de Dena, alí o público asistiu na tarde de domingo a ver enriba dun escenario a violencia contra a muller dentro do fogar, consentida, aceptada... ás veces nin percibida.

Entre risos e bromas eran testigos en primeira fila das atrocidades que se lle fan ás mulleres na vida cotiá, rían e ao mesmo tempo a empatía coa protagonista era tal que chegaban a dialogar con ela, darlle consellos ou asentir...

Marcharon co sorriso nos beizos, tamén coa reflexión sobre o que viran e mesmo comentaban e debatían... diso se trataba, era o obxectivo a cumprir.

O Voitre e a Pomba, teatro en San Sadurniño no Día contra a violencia de xénero

O Concello de San Sadurniño incluía O Voitre e a Pomba dentro da súa programación para o 25 de novembro. A representación tivo lugar na Casa da Cultura e asistiron as mozas e mozos dos últimos cursos de secundaria do CPI San Sadurniño.

O Voitre e a Pomba é unha obra dura, pensada así para concienciar ao público e ante a reacción do mesmo nos lugares onde se representa, semella que cumpre co seu obxectivo principal, polo que en San Sadurniño volveron ver a crúa realidade da violencia exercida cara a figura feminina en diversos ámbitos.

O alumnado viña de facer un acto simbólico no que plantaron medio cento de flores e plantas en lembranza das mulleres asasinadas e a continuación asistiron á entrega de premios do concurso de relatos que convoca cada ano a Concellería de Igualdade.

Contamos A historia en Feminino ao alumnado da EEI de Barrionovo, no Día contra a violencia de xénero

Ana Hermida chegou á escola para contar historias de mulleres que a historia non tratou nin trata como debera, para poñer en valor a figura feminina, darlle o seu sitio e achegar, nesta ocasión, ao alumnado de educación infantil que sempre é tan receptivo, a historia real, a historia onde as mulleres teñen un papel importantísimo.

O público escoitaba con moita atención, participaba das historias desas mulleres marabillosas, xogaron e ao remate ante as preguntas finais, todas as persoas alí presentes, fomos testigos de que nomes e historias contadas, formarán xa parte das súas vidas.

As vidas destas mulleres son tan marabillosas que o público infantil quedou cos ollos abertos ante o que descubriu nese día tan importante, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, polo que ao remate de tantas historias e xogos, fixeron promesa de non consentir ningún tipo de maltrato e non maltratar... eu sempre creo na súa palabra.

Rianxo conmerora o Día contra a violencia de xénero con O Voitre e a Pomba

O alumnado do Ies Félix Muriel foi o público ao que ía dirixida a obra. Tratábase de concienciar nun tema tan duro como é a violencia de xénero, remexer conciencias, non deixar indiferente a ninguén.

O debate que tivo lugar ao final da representación entre o público asistente (mestres e alumnado) con Ana Hermida e Santiago Fernández, que foron as persoas encargadas de representar a obra, foi moi interesante e xurdiron temas moi importantes, no que a implicación do público e intercambio de opinións foi moi enriquecedora.

A reacción do público durante a representación e as súas palabras ao remate da mesma, foron proba de que, tal e como se pretendía, remexeu por dentro e fixo pensar e concienciar nesa lacra social e inxusta, como é a violencia de xénero.

venres, 28 de novembro de 2014

Teatro contra a violencia de xénero no Concello de Meaño coa obra Miña casiña, meu lar

Miña casiña, meu lar está incluída dentro da programación que o Concello de Meaño ten preparada con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

Enfocada dende un punto de vista humorístico, amosa a realidade da muller no seu fogar, reflicte a crúa realidade da situación das mulleres maltratadas, tanto no físico coma no verbal e no psíquico. A soidade dunha muller pechada todo o día na súa casa, a violenta relación á que a somete o seu marido e que ela acepta como normal, a dobre explotación da muller, tanto no traballo como no fogar...

A cita será no Centro Social de Dena, no Concello de Meaño, ás 18:00 h. e será para todos os públicos.

sábado, 22 de novembro de 2014

O Voitre e a Pomba, verbas contra a violencia feminina na Casa da Cultura de San Sadurniño

O Voitre e a Pomba está incluido dentro dos actos programados pola Concellería de Igualdade de San Sadurniño para concienciar sobre a violencia de xénero.

Con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que terá lugar este martes 25 de novembro, o alumnado do CPI de San Sadurniño asistirá a un espectáculo dirixido por Santiago Fernández, onde poesía e teatro se dan cita para denunciar a violencia contra as mulleres, homenaxear ás que xa non están e apoiar ás que están sufrindo esta lacra social. 
Ana Hermida e Santiago Fernández subirán ao escenario para ofrecerlles un espectáculo que pretende remover o máis íntimo as conciencias.

A cita será o martes 25, ás 15:30 h. no Casa da Cultura do Concello.

A historia en Feminino chega á EEI de Barrionovo

Será un achegamento ao mundo infantil das moitas e sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que houbo ao longo da historia. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino. 

A través de contos, curiosidades, diversión e xogos, tentamos facer visibles ás mulleres e que a infancia teña unha visión máis real da historia. 

A cita coas nenas e nenos, será o martes 25 ás 10:00 h. na biblioteca da Escola de Educación Infantil de Barrionovo, en Pastoriza, no concello de Arteixo.

O Voitre e a Pomba, verbas contra a violencia feminina no IES Félix Muriel de Rianxo

Con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, que terá lugar este martes 25 de novembro, o alumnado do IES Félix Muriel asistirá a un espectáculo dirixido por Santiago Fernández, onde poesía e teatro se dan cita para denunciar a violencia contra as mulleres, homenaxear ás que xa non están e apoiar ás que están sufrindo esta lacra social. Ana Hermida e Santiago Fernández subirán ao escenario para ofrecerlles un espectáculo que pretende remover o máis íntimo as conciencias.

Será o luns 24 ás 16:30 h. no IES Félix Muriel de Rianxo.

martes, 18 de novembro de 2014

O Rosal celebrou o Día da Biblioteca Contando en feminino

A alumnado do CRA María Zambrano achegouse á Biblioteca Pública do Concello de O Rosal para disfrutar da casa do saber e da palabra e escoitar contos de igualdade de xénero e non violencia.

Como era de esperar responderon debidamente, a súa curta idade non impide que todas as persoas que estaban participando das historias, teñan criterio para saber o que está ben ou mal. 

Quero agradecer ao público infantil a atención e colaboración nas historias, tamén o seu compromiso de non violencia e ao profesorado, o coidado, mimo, participación nos contos... dando exemplo e sempre educando en valores.

venres, 14 de novembro de 2014

As nenas e nenos de Arteixo estiveron Rimando e Xogando na Biblioteca

A festa da poesía chegou a Arteixo e as nenas e nenos estaban alí para ler, rimar, xogar, cantar, brincar... sen o público infantil sería imposible a actividade, é o verdadeiro protagonista, un público sempre disposto e participar.

Tivemos ocasión de velo en Arteixo, tamén ver como se implican os maiores, un pai que le no atril a súa poesía ao igual que o público infantil, unha nai que canta... dando exemplo e inculcando o amor pola lectura. 

A biblioteca encheuse de poetas de curta idade que interpretaron o seu poema e que ao final recibiron un aplauso merecido de todo o público presente e anque algunha persoa, pola súa idade, aínda non sabía ler, non impediu que rimase, que disfrutase coa poesía das nosas autoras e autores galegos.

luns, 10 de novembro de 2014

Contando en feminino na Biblioteca Pública Municipal de O Rosal, no blog de Ler conta moito

O blog de Ler conta moito, da Consellería de Educación e Cultura da Xunta de Galicia, faise eco da visita que realizou Ana Hermida á Biblioteca Pública Municipal de O Rosal, onde estivo "Contando en feminino" para as nenas e nenos do CRG María Zambrano.






Deixamos o enlace da actividade BPM O ROSAL-CONTANDO EN FEMININO-ANA HERMIDA

mércores, 5 de novembro de 2014

Rimando e Xogando con Ana Hermida, na axenda da AELG

A Asociación de Escritores en Lingua Galega "AELG", sempre coas escritoras e escritores galegos, publicita na súa páxina a homenaxe que lle rendemos a Díaz Castro. Estarán ademáis autoras e autores galegos, como Helena Villar Janeiro, Manuel María, Anisia Miranda, Xesús Rábade, Rosalía de Castro...

Será na Biblioteca Central de Arteixo "Henrique Rabuñal" e estará destinado ao público infantil. 


Deixamos o enlace á páxina ARTEIXO: RIMANDO E XOGANDO, POR ANA HERMIDA

martes, 4 de novembro de 2014

Contando en feminino en Ler conta moito, na súa visita á Biblioteca "Ánxel Casal"

No blog de Ler conta moito recollen a actividade que realizou Ana Hermida "Contando en feminino" na biblioteca "Ánxel Casal". 


sábado, 1 de novembro de 2014

Rimando e Xogando con Díaz Castro, na Biblioteca Central de Arteixo "Henrique Rabuñal"

Esta semana achegarémonos a Arteixo para render homenaxe a Xosé María Díaz Castro, neste seu ano das Letras Galegas. 

O poeta chairego será obxecto de lecturas, xogos, rimas, cancións... unha maneira de achegar ao público infantil o seu traballo e a súa figura. Levamos o noso o Díaz Castro máis infantil, estará nas voces de Ana Hermida e das nenas e nenos de entre 4 e 11 anos que por alí se acheguen.

Serán pequenos xoguetes poéticos cheos de entretemento, versos que ás veces tamén son cantados, historias unhas, con actividades para nenas e nenos e outras nas que interactúan coa contadora. 

A cita coa poesía e con Díaz Castro, será o xoves 6 na Biblioteca Central de Arteixo "Henrique Rabuñal", ás 18:50 h.

mércores, 29 de outubro de 2014

Tecín soia a miña tea no Noticieiro Galego

No aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, Ana Hermida homenaxeaba á escritora co espectáculo, Tecín soia a miña tea, dramatización de textos que representou no Concello de San Sadurniño.

O Noticieiro Galego recollía así a noticia.


xoves, 23 de outubro de 2014

Contando en feminino en Xornal21

Xornal21 faise eco da actividade de dinamización lectora que fará Ana Hermida ao concello de O Rosal, onde estará Contando en feminino para celebrar o Día de Biblioteca.

Para ter acceso á noticia do xornal premede no enlace O ROSAL CELEBRA O DÍA DA BIBLIOTECA "CONTANDO EN FEMININO"

mércores, 22 de outubro de 2014

Contando en feminino no Faro de Vigo

O xornal o Faro de Vigo recolle a visita que fará Ana Hermida ao concello de O Rosal, onde estará Contando en feminino para celebrar o Día de Biblioteca.

Para ter acceso á noticia do xornal premede no enlace A BIBLIOTECA DE O ROSAL OFRECERÁ CONTACONTOS SOBRE A IGUALDADE

luns, 20 de outubro de 2014

O Rosal celebra o Día da Biblioteca "Contando en feminino"

O día 24 de outubro celébrase o Día da Biblioteca. Como cada ano e dende 1997, a Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil promove esta celebración en lembranza do incendio da Biblioteca de Saraxevo durante o conflito dos Balcáns no ano 1992. As bibliotecas albergan grandes tesouros do saber e da cultura, cómpre coidalas e protexelas, abrir as súas portas e que a xente as coñeza, falar e que falen delas, nelas e con elas.

Estaremos contando historias para o alumnado do CRA María Zambrano, contos contados dende a perspectiva de xénero e igualdade, onde a protagonista non se vexa como algo inferior. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

Será o venres 24 na Biblioteca Pública de O Rosal, ás 11:00 h. 

venres, 10 de outubro de 2014

Contando en feminino no blog de Ler Conta Moito

No blog de Ler conta moito, fan referencia á actividade que realizou Ana Hermida con "Contando en feminino" na biblioteca municipal do Concello de Arteixo. 

xoves, 9 de outubro de 2014

O xoves estivemos Contando en feminino en Arteixo

Despois duns anos de non estar na biblioteca central de Arteixo "Henrique Rabuñal", facíame moita ilusión estar por alí, volver ver as nenas e nenos que conformaban o público cando eu contaba, fun e... alí estaban, máis maiores, pero coas mesmas ansias de ler, escoitar, disfrutar coa lectura e cos contos.

É fermoso sentir como medran entre letras e os valores que dá a lectura, hai que agradecer o traballo das nais e pais que se ocupan de inculcar esa paixón lectora e tamén de todas as bibliotecas, colexios e persoas responsables dos mesmos que traballan para que eso sexa posible.

Recoñecín a varias persoas que xa non eran tan pequeniñas, outras eran novas para min, todas participaron, preguntaron, responderon debidamente e, como non, tamén adquiriron o compromiso de non violencia. 

Presentación do Obradoiro de Teatro na Coruña

Este pasado venres foi o primeiro día do Obradoiro de Teatro, o alumnado estaba agardando con ilusión e tiña moitos desexos de traballar e divertirse. Así foi, presentación de cada unha das persoas que estaremos formando o grupo, comentarios... e por fin chegaron os exercicios que estaban agardando, todas as nenas e nenos participaron e notábaselles con desexos de querer máis e máis.

Estou segura que coa súa pouca idade, de tres a doce anos, serán quen de facer grandes cousas.

Contos de igualdade en Compostela, na Biblioteca Pública "Ánxel Casal"

A mañá soleada non foi inconvinte para que nenas e nenos estivesen no salón de actos da biblioteca escoitando contos de princesas que non agardan por un príncipe azul e de personaxes femininos que deciden vivir a súa vida libre sen que ninguén as insulte.

Os ollos abertos dun público infantil atento e co sorriso debuxado nas súas cariñas, fixo da mañá do sábado un día moi bonito, onde se agradeceu e moito a participación moi activa das nais e pais asistentes, na narración dos contos.

luns, 29 de setembro de 2014

Estaremos Contando en Feminino na Biblioteca Central de Arteixo "Henrique Rabuñal"

Os contos da igualdade chegan a Arteixo. Despois de anos de vida de "Contando en Feminino", fainos especial ilusión contar estes contos no lugar onde naceron, na miña terra, onde nacín. 

Serán contos contados dende a perspectiva de xénero e igualdade para ir concienciando á infancia, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade. 

A cita coas historias e coas nenas e nenos será o xoves na Biblioteca Central de Arteixo, ás 18:50 h.


domingo, 21 de setembro de 2014

Contando en feminino na Biblioteca Pública de Santiago "Ánxel Casal"

Esta semana en Compostela haberá unha Choiva de contos, actividade de dinamización lectora para o público infantil que organiza a Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal.

Ana Hermida estará "Contando en feminino" para todas as nenas e nenos maiores de tres anos que por alí se acheguen.

Serán contos contados dende a perspectiva de xénero e igualdade. Contos e historias para ir concienciando aos máis novos, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

Será o sábado 27 no Salón de Actos da Biblioteca, ás 12:00 h.

martes, 8 de xullo de 2014

Así estivemos Contando en feminino para o público infantil de Ribeira

Así de participativas estaban as nenas e nenos do CEIP O Grupo de Ribeira na festa de fin de curso. Sen a súa colaboración os contos non serían igual.

Era un público moi numeroso, un total de 250. A actividade pasámola cantando, xogando, contado contos e falando...sempre de igualdade e violencia de xénero. Foi un día cheo de aportacións do público máis esixente e sincero, un día que gardarei na memoria con cariño.  

Ao remate da actividade quedei con todo o alumnado para botar uns bailes e xogar no patio. Grazas por ese día tan bonito e agora... a disfrutar das súas merecidas vacacións.

En Ribeira despediron o curso Contando en feminino

Levaban unha semana de celebracións, festas, actividades... non era para menos, había que despedir debidamente o curso e a todas as amizades e profesorado, a lo menos ata o vindeiro curso.

Aínda así, as 200 nenas e nenos de primaria do CEIP O Grupo de Ribeira, prestaron atención, resolveron as cuestións que foron aparecendo nos contos, participaron activamente e quedaron coa mensaxe final.

Grazas a todo o profesorado, a ANPA e, por suposto, a ese público que respondeu tan ben e que ao remate da actividade adquiriu un compromiso de non exercer nin consentir ningún tipo de violencia. Eu confío na súa palabra e sei que así será. 

martes, 17 de xuño de 2014

Estaremos Contando en feminino para o alumnado de infantil de Ribeira

A mañá do venres será sen dúbida inesquecible, a primeira hora 200 nenas e nenos de primaria, despois chegaralle lo turno aos de infantil, serán 250.

Sei que será ún público delicioso, terán entre catro e oito aniños. Son marabillosos, téñoo comprobado, pórtanse sempre moi ben e ademáis colaboran nos contos e tamén responden debidamente ás cuestións que lles formulo, están moi atentos e á súa curta idade, teñen moi claro o que está ben e o que non o está.

O encontro coa igualdade, cos contos e co alumnado de infantil, será o venres 20 ás 10:00 h. no CEIP O Grupo do Concello de Ribeira.

luns, 16 de xuño de 2014

Festa de fin de curso en Ribeira Contando en feminino

Haberá que madrugar moito, 200 nenas e nenos quererán apurar o último día lectivo, será unha festa chea de contos, historias, divertimento e concienciación na igualdade e violencia de xénero.

A esa idade, terán entre 8 e 12 anos, as súas aportacións e visión dos temas tratados nos contos serán moi interesantes, agardo con impaciencia o debate que sempre hai cando fago este tipo de actividade, é moi enriquecedora.

A cita será o venres 20 ás 09:15 h. no CEIP O Grupo do Concello de Ribeira.

sábado, 14 de xuño de 2014

Lisístrata achegouse a Carnota para Enarborar o bosque

Como cada ano a romaría artística reivindicativa "Enarborar o bosque" foi un éxito, era a súa cuarta edición e xa agardamos a quinta. Este ano a cita era en Carnota onde se xuntaron xentes do mundo da escrita, pintura, fotografía, poesía, contacontos, teatro, música... persoas comprometidas coa causa común da defensa do medio ambiente que aportan a súa arte para facer dese día unha festa, a festa da arte e do compromiso.

Grazas ás persoas encargadas da organización: Inma, Xacobe e Delio, tamén a todas as compañeiras e compañeiros cos que compartín un día fermoso. Comezaba a xornada con esta Lisístrata, que xa de moi cedo arengaba ás mulleres que por alí andaban.

xoves, 12 de xuño de 2014

Estivemos Contando en feminino para as nenas e nenos de Malpica

Nada máis aparecer as nenas e nenos o primeiro que me preguntou un dos máis pequenos foi, "por que se chaman contos de igualdade?", alí comezaron unha serie de preguntas e respostas, a natural curiosidade da rapazada converteuse nun interesante debate sobre a igualdade.

Foi fermoso ver como se interesaban e me dicían que eles tamén colaboraban nos traballos da casa. As nais, avoas, pais e demáis familiares asentían cando as nenas e nenos me respondían. Cando lle preguntei ao rapaz máis pequeniño se el tamén colaboraba asentiu e antes de felicitalo polo seu comportamento e dicirlle que era o normal, o seu irmán díxome "é verdade, el axúdame cos coxíns cando entre os dous facemos as camas". 

É moi gratificante facer cousas para este público, ao final comprometéronse a non ser nunca violentos nin consentir ningún tipo de violencia, eu creo na súa palabra.

Esta imaxe é dun conto de príncipes, pero non azuis, sabedes por que? porque como eu lles digo, os príncipes azuis... destinguen. 

martes, 3 de xuño de 2014

Lisístrata estará o sábado en Carnota para Enarborar o bosque

Lisístrata achégase este sábado a Carnota, será no IV Enarborar o bosque, romaría artístico-reivindicativa na que este ano se quere chamar a atención sobre o problema crónico dos incendios forestais en Galicia. Participarán poetas, artistas plásticos, fotógrafos, músicos…, nunha xornada lúdica organizada polo colectivo arTeu e Factoría Delideas, Xacobe Meléndrez Fassbender, Inma Doval e Delio Sánchez. 

Aí estará Ana Hermida convertida en Lisístrata, será un pracer volver representarla. Ofrecerá unha mensaxe pacífista, feminista, divertida... 

Será na praia de Boca do Río, (Carnota) baixo o Monte Pindo, entre ás 11:00 h. e as 22:00 h.

sábado, 31 de maio de 2014

A Casa de Man de Camelle foi un lugar privilexiado para Contos moi naturais

O público era o alumnado do Ceip Campo da Area de Camelle, ademáis asistiron as súas mestras e, algo que a min persoalmente me gusta moito, as nais e pais das nenas e nenos.

Falando co público entereime que non tiran papeis nas rúas, sabedes por que? contáronme que os gardan nos petos dos pantalóns, que por certo, teñen cremalleira, así non hai problema de que poidan caer. Tamén me contaron que non lixan as praias... á súa corta idade xa o teñen moi claro.

Entre conto e conto saíu o tema do chapapote e apareceron os verdadeiros heroes, "o meu pai limpou o chapapote", así que convidei a Modesto a que lles contase cousas da grande catástrofe. Foi unha xornada na que as nenas e nenos comprenderon e valoraron o medio natural no que vivimos. Por suposto os heroes de Camelle recibiron un aplauso de todas e todos eles.

Ao remate fixen para eles uns animaliños de papel reciclado, dixeron que ían aprender papiroflexia porque querían facer cousas así, levaron para a súa casa a mostra, así que seguro que xa dominan a técnica.

Así foi o día no que estivemos Contando en feminino en Meaño

Cando o público infantil asiste a un acto e leva consigo ás súas bonecas e bonecos para que disfruten tamén dos contos... que podo dicir? é do máis fermoso que teño visto. 

Non é a primeira vez que me ocorre, chegan sorrindo e cos seus amigos no colo, axúdoos a sentar (ás veces nin chegan aos asentos, como nesta ocasión), acomódanse e dispoñen ás bonecas nun sitio privilexiado e tamén sentadas para que escoiten os contos. 

Cando vexo eses comportamentos e xenerosidade ao compartir, eu non podo máis que sentir unha grande tenrura. Grazas ás nenas e nenos de Meaño, escoitaron os contos con moita atención e participaron moi activamente, portáronse moi ben e... os bonecos tamén.

sábado, 24 de maio de 2014

As nenas e nenos de San Sadurniño estiveron Rimando e Xogando con Díaz Castro

A festa da poesía chegou a San Sadurniño para festexar o Día das Letras Galegas, alí rendimos unha homenaxe ao Xosé María Díaz Castro máis infantil.

Máis dun cento de nenas e nenos de entre tres e oito anos xogaron coas rimas, cantaron... e por suposto, leron moitos poemas, mesmo escenificaron algún que outro. Ao rematar recibiron un sentido aplauso dos seus compañeiros que abarrotaban a Casa da Cultura. É fermoso ver como a ese público tan noviño se lle enchen os ollos de alegría ao ler e disfrutar coa poesía. 

Grazas a todas e todos eles, portáronse moi ben, estiveron moi atentos, participativos, contáronme cousas de Díaz Castro, tamén me contaron o moito que lles gustaba ler... foi un día moi emotivo. 

Por suposto ese público marabilloso foi o protagonista dese día, subían ao escenario, dicían o seu nome, o título do poema e recitaban ante o auditorio, que máis se pode pedir? as caras e olliños de felicidade dicíano todo. Rematamos bailando con Díaz Castro e a música de A Quenlla. 

martes, 20 de maio de 2014

Contando en feminino en Malpica

Esta semana "Contando en feminino" achégase á Costa da Morte, concretamente ao Concello de Malpica.

Serán contos e historias dende a perspectiva de xénero e igualdade para ir concienciando ao público máis noviño, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

A cita será na Biblioteca Pública Municipal de Malpica “Eduardo Blanco Amor” o venres 23, ás 18:00 h.

xoves, 15 de maio de 2014

Rimando e xogando... con Díaz Castro, na axenda da AELG

A "AELG" Asociación de Escritores en Lingua Galega, leva na súa axenda cultural a actividade que Ana Hemida levará a cabo para achegar a poesía ao público infantil do CPI San Sadurniño.

Renderase unha homenaxe ao escritor Xosé María Díaz Castro, poeta ao que este ano se lle adica o Día das Letras Galegas.

mércores, 14 de maio de 2014

Rimando e Xogando en San Sadurniño, con Díaz Castro

Esta semana estaremos en San Sadurniño para render homenaxe a Xosé María Díaz Castro, neste seu ano das Letras Galegas. 

O poeta chairego será obxecto de lecturas, xogos, rimas, cancións... unha maneira de achegar ao público infantil o seu traballo e a súa figura.

Será o noso o Díaz Castro máis infantil, estará nas voces de Ana Hermida e das nenas e nenos de entre 3 e 8 anos do CEIP de San Sadurniño.

A cita coa poesía e con Díaz Castro, será o venres 16 na Casa da Cultura de San Sadurniño, ás 12:00 h.

domingo, 11 de maio de 2014

Contando en feminino no blog de Ler Conta Moito

Deixamos aquí a entrada que fixeron no blog de Ler conta moito, referente á actividade que realizou Ana Hermida con "Contando en feminino" na biblioteca municipal do Concello de Meaño.

Contos moi naturais na Voz de Galicia

Así recolle o xornal La Voz de Galicia a sesión de Contos moi naturais, que terá lugar o martes 13 na Casa de Man de Camelle.

Contos moi naturais na Casa de Man de Camelle

A Casa da Cultura de Camelle "Casa de Man" acolle o martes día 13 unha sesión de Contos moi naturais.

Serán contos enfocados a por en valor a natureza, a defensa do medio ambiente, contos que falan de contaminación, de incendios, do amor á natureza, aos animais… somos parte da natureza, somos naturais coma as árbores, a auga, os paxaros… xogando e contando, defendemos e concienciamos da importancia do noso hábitat para así poder respectalo e coidalo debidamente.

Será unha cita co público infantil do CEIP Campo da Area de Camelle, ao que tamén está convidado o alumnado das unitarias da vila. 

A cita nese lugar tan emblemático e idóneo para espertar e coidar conciencias medioambientais, será na Casa de Man de, o martes 13, ás 16:00 h.

martes, 6 de maio de 2014

Contando en feminino na Biblioteca Municipal de Meaño

O vindeiro xoves, Ana Hermida estará Contando en feminino na Comarca do Salnés, concretamente no Concello de Meaño.

Serán contos contados dende a perspectiva de xénero e igualdade para ir concienciando aos máis novos, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

A cita con todas as nenas e nenos, será na biblioteca municipal do Concello de Meaño, ás 18:00 h.

domingo, 4 de maio de 2014

O Día do Libro estivemos Rimando e Xogando na biblioteca de Froxel

As nenas e nenos da parroquia de Oseiro festexaron o Día do Libro "Rimando e Xogando" na biblioteca de Froxel, moi preto da casa onde naceu Murguía, marido da gran poeta Rosalía de Castro, lugar idóneo para festexar ese día.

A biblioteca encheuse de público infantil que ía dende os tres aniños ata mozas de catorce. Todas e todos quixeron participar, rimaron, cantaron, inventaron poemas, leron no atril... foi un día moi bonito. Tamén me gusta moito cando vexo aos maiores que acompañan ao público infantil, participar da festa da poesía.

Teño comprobado que a poesía gústalles moito a nenas e nenos, disfrutan con Helena Villar Janeiro, Manuel María, Antón Cortizas, Xesús Rábade Paredes, Dora Vázquez, Rosalía de Castro, Xosé María Díaz Castro... Gústame ver como disfrutan lendo no atril, tómano moi en serio, eu dígolles que digan o nome do poema, autor ou autora e reciten a poesía en voz alta, clara e pausada, canto rematan reciben un aplauso de todos os presentes, nótase que disfrutaron o momento.

Cando poño fotos dos menores, é porque hai previo consentimento. Así que cando non se pode, poño algo que ilustre a actividade, como este dado, elemento para rimar, como? ahhh...

martes, 22 de abril de 2014

Rimando e Xogando na axenda da AELG

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), leva na súa axenda a actividade de Rimando e Xogando.

Poetas como Rosalía de Castro, Helena Villar Janeiro, Anisia Miranda, Xesús Rábade, Manuel María... son o eixo fundamental para achegar a poesía ao público infantil. Grazas a todas e todos eles, as nenas e nenos poden coñecer este fermoso mundo das rimas, poemas... a música das palabras.

venres, 18 de abril de 2014

A biblioteca Francisco Vidal de Froxel celebra o Día do Libro "Rimando e Xogando"

Celebramos o Día do Libro "Rimando e Xogando" na biblioteca de Froxel. É unha das actividades que ademáis de promover o hábito lector entre o público infantil, servirá tamén para celebrar o primeiro cuarto de século das bibliotecas municipais de Arteixo.

As nenas e nenos de Oseiro teñen unha cita coa poesía, coas rimas... Unha maneira de achegar os nosos autores ao público máis esixente, o infantil. Coñecerán autores, poemas, cantigas populares, adiviñas, cantares de cego... Haberá xogos, cancións... as nenas e nenos serán parte fundamental nesa hora de versos e rimas. Será un momento precioso de encontro coa poesía. 

A cita para pasar uns momentos inesquecibles, será o martes 22 de abril na biblioteca de Froxel (Oseiro) en Arteixo, ás 18:50 h.