martes, 8 de decembro de 2015

Un Nadal cheo de contos en Compostela, no CSC José Saramago de Vite

Poremos nos zapatiños de todas as nenas e nenos, contos feitos de maxia e ilusión. Cantaremos panxoliñas e contaremos historias que falan do sentido destas datas e que ás veces son divertidas, outras sorprendentes… contos de árbores de Nadal, de bonecos de neve, de Reis, de cousas imaxinadas e que, seguramente, algún día serán realidade.

Será no Centro Sociocultural José Saramago de Vite, en Compostela, o xoves 10 de decembro ás 18:30 h.

xoves, 26 de novembro de 2015

Pechamos a campaña do 25N en Arteixo con "A historia en Feminino" en Meicende

Estivemos en todas as bibliotecas de Arteixo (O Froxel, Arteixo, Oseiro, Pastoriza e Meicende) para achegar unha versión da historia máis real e así poñer en valor a figura feminina, tamén para concienciar na igualdade e na loita contra a violencia de xénero. 

Polo que na campaña organizada polo Cim de Arteixo en colaboración coa rede de Bibliotecas deste Concello e coa colaboración da Deputación da Coruña, Ana Hermida achegou "A historia en Feminino" ao público infantil e tamén ás persoas adultas que estaban presentes. Mulleres extraordinarias e inxustamente tratadas pola historia, polo que seguiremos tentando achegar as súas vidas e feitos a quen os queira escoitar.

Mañá é a última cita no Concello de Arteixo, será na Biblioteca do CSC de Meicende ás 18:50 h. e a entrada é, coma sempre, libre e gratuíta.

mércores, 25 de novembro de 2015

O Concello de San Sadurniño inclúe na súa progamación "A historia en Feminino" con motivo do 25N

Ana Hermida fará un achegamento ao alumnado do CPI de San Sadurniño, das moitas e sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que houbo ao longo da historia. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino. A través de contos, curiosidades, diversión e xogos, tentamos facer visibles ás mulleres e que a infancia teña unha visión máis real da historia. 
A cita coa historia en Feminino e coa igualdade será o xoves 26 na Casa da Cultura de San Sadurniño, ás 12:00 h.

martes, 24 de novembro de 2015

Estaremos Contando en feminino para o alumnado da EEI de Barrionovo, no Concello de Arteixo

Non podería elixir mellor público para un 25N, as nenas e nenos de tres aniños. Eu son das que pensa que é aí onde hai que incidir, educación e concienciación desde a máis tenra infancia. 

Volverei comprobar o labor tan importante que fai o profesorado baixo a dirección de María Pousa, todo un exemplo, síntome moi honrada de que me deixen compartir vivencias, contos, reflexións. 

Mañá a partir das 10:00 h. volveremos atoparnos, probablemente algún deses olliños que me miran mentres conto, xa non estará, xa será "maior" e mudaría de cole, pero o que sei seguro é que levará por sempre os valores aprendidos durante a súa estancia na EEI de Barrionovo.

luns, 23 de novembro de 2015

A Pobra do Caramiñal conmemora o 25N con "Tecín soia a miña tea" e a Rosalía máis feminista

O 25 de novembro é o día da Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller e, con tal motivo, o Concello da Pobra programa para o alumnado do Ies da Pobra “Tecín soia a miña tea”.

Serán dramatizacións de poemas de Rosalía de Castro. Este espectáculo pretende amosar unha Rosalía actual, como os temas que ela trata, tan vixentes hoxe en día. A relación cos homes, a defensa da muller, da súa terra... O desexo e ansias súas polo teatro "eu quería ser actriz e non me deixaron". Unha Rosalía, a veces divertida, outras reivindicativa, dura. Unha muller interpretando a outra muller. Poemas, e algunha canción para honrar a nai da nosa terra.

A obra inclúe cancións da autoría de Baldomero Iglesias, Mero e un monólogo teatral de Miguel Anxo Fernán-Vello.

Serán dúas sesións no salón de actos do instituto para o alumnado de 3º da Eso e 1º de Bacharelato. A primeira comezará ás 09:00 h. e a seguinte ás 10:40 h.

A nosa particular homenaxe a Rosalía de Castro, con Ana Hermida.

venres, 20 de novembro de 2015

O mundo dos números en Cambre

O mundo dos números non é tan diferente do mundo dos seres humanos. Os números teñen vida propia. Todo cabe todo nestas historias tan divertidas como sorprendentes, hai números envexosos, xenerosos, familias de números moi peculiares, números que veñen doutros países… Non imos contar con eles, imos contar historias de todos eles.

Estaremos contando historias destes números tan particulares no Concello de Cambre, será no Centro Sociocultural do Graxal do Temple, o venres 20 ás 19:00 h.

mércores, 18 de novembro de 2015

Arteixo programa "A historia en Feminino" para concienciar á infancia na igualdade e violencia de xénero

Ana Hermida fará un achegamento ao mundo infantil das moitas e sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que houbo ao longo da historia. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino. A través de contos, curiosidades, diversión e xogos, tentamos facer visibles ás mulleres e que a infancia teña unha visión máis real da historia. 

A cita coa historia en Feminino e coa igualdade será nas bibliotecas: O Froxel-martes 17, Biblioteca Central de Arteixo-xoves 19, Oseiro-luns 23, Pastoriza-xoves 26, Meicende-venres 27, en horario a partir das 18:50 h.

martes, 17 de novembro de 2015

Estaremos contando "A historia en Feminino" na Bibioteca de Froxel

Será un achegamento ao mundo infantil das moitas e sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que houbo ao longo da historia. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino. A través de contos, curiosidades, diversión e xogos, tentamos facer visibles ás mulleres e que a infancia teña unha visión máis real da historia. 

A cita coa historia en Feminino e coas nenas e nenos que por alí se acheguen, será o martes 17 de novembro ás 18:50 h. na Biblioteca de Froxel “Francisco Vidal”.

domingo, 15 de novembro de 2015

No desmaio do teu bico, espectáculo de poesía e música galega, en Rianxo

No desmaio do teu bico é un recital poético-musical que xunta ao máis representativo da fermosa poesía galega. A música acompaña o fluir da poesía coas cancións que interpreta Ana Hermida acompañada polo músico O. Grabets, cancións que son da autoría de Baldomero Iglesias, Mero. 

A dirección deste espectáculo é de Santiago Fernández, que xunto con Ana Hermida serán os intérpretes dun recital pensado para render homenaxe ás mulleres e homes poetas da nosa Terra.

O público será o alumnado do Ies Félix Muriel do Concello de Rianxo e a actuación terá lugar no salón de actos do mesmo instituto o luns 16 de novembro ás 16:30 h.

venres, 13 de novembro de 2015

Contando en feminino no Concello de Teo

Estaremos no Concello de Teo para achegar ao público infantil contos contados dende a perspectiva de xénero e igualdade. Contos e historias para ir concienciando ao público infantil, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

A cita coa igualdade será o sábado 14 de novembro na Biblioteca da Casa Común dos Tilos, ás 18:00 h.

O mundo dos números na Biblioteca de Santiago Ánxel Casal

O mundo dos números non é tan diferente do mundo dos seres humanos. Os números teñen vida propia. Todo cabe todo nestas historias tan divertidas como sorprendentes, hai números envexosos, xenerosos, familias de números moi peculiares, números que veñen doutros países… Non imos contar con eles, imos contar historias de todos eles.

A cita será o sábado 14 de novembro ás 12:00 h. no salón de actos da Biblioteca. 


martes, 27 de outubro de 2015

Estaremos "Contando en feminino" en Tomiño, na Comarca do Baixo Miño, na Semana da Tradición Oral

Ana Hermida viaxará ata a Comarca do Baixo Miño, concretamente ao Concello de Tomiño, onde a ANPA do Ceip Pintor Antonio Fernández de Goián organiza esta actividade dirixida a nenas e nenos, para achegar contos contados dende a perspectiva de xénero e igualdade. Historias para ir concienciando ao público infantil, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

A cita coa igualdade será o venres 6 de novembro na Biblioteca do Ceip Pintor Antonio Fernández de Goián, ás 17:00 h.

Contos e lendas populares para celebrar o Samaín no Concello de Dodro

O Concello de Dodro vai celebrar o Samaín con contos, lendas, historias tradicionais e populares que fagan entender e coñecer moitas cousas a nenas e nenos. Os porqués, os encantos, historias de trasnos, de feitizos... tamén de temas históricos e de cabaleiros. Haberá, por suposto, algunha que outra historia propia destas datas. Serán historias e lendas tradicionais con cancións populares para o público infantil.
A cita será o venres 30 de outubro na Casa da Cultura de Dodro, ás 18:00 h.

sábado, 24 de outubro de 2015

Que pasa na Costa,recolle así a actividade "Contando en feminino" para celebrar en Carballo o Día da Biblioteca

Que pasa na costa, o Diario Dixital da Costa da Morte, recolle  a visita de Ana Hemida ao CEIP Fogar de Carballo, para celebrar o Día da Biblioteca.

xoves, 22 de outubro de 2015

Estaremos celebrando o Día da Biblioteca "Contando en feminino" en Carballo

Mañá en Carballo 200 nenas e nenos terán unha cita con contos contados dende a perspectiva de xénero e igualdade. Contos e historias para ir concienciando aos máis novos,onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

A esas idades as súas aportacións e visión dos temas tratados nos contos serán moi interesantes, agardo con impaciencia o debate que sempre hai cando fago este tipo de actividade, é moi enriquecedora

O encontro coa igualdade será o venres 23 ás 11:00 h. na biblioteca do CEIP Fogar do Concello de Carballo.

Estaremos en Pontedeume contando historias que fomos recompilando "Polo mundo adiante"

Dende tempos moi remotos se teñen contado historias en todos os países do mundo. Viaxamos polos cinco continentes para contar historias de fadas, da natureza, de seres mariños, de adiviñas, de misterio, de risa… Contos, cancións e xogos populares que servirán para coñecer mellor a cultura e os costumes de cada país.

Estaremos en Pontedeume contando historias que fomos recompilando polo mundo adiante, será na Casa da Cultura o venres 13 de novembro ás 19:00 h.

domingo, 18 de outubro de 2015

Estivemos Contando en feminino na Casa da Cultura de Neda

A actividade estaba destinada ao alumnado do CEIP San Isidro e do CEIP de Maciñeira, desenvolveuse no auditorio da Casa da Cultura e o público estivo moi activo e participativo. Antes de comezar sempre lles digo que poden preguntar calquera dúbida, que participen e sempre o fan, é moi enriquecedor e gratificante, amosan interese, queren dar a súa opinión, cando se lles propón unha cuestión sempre responden debidamente.

Pasado un tempo tiven acceso ás conclusións e reflexións tan acertadas que dese día fixeron e o único que lles podo dicir é grazas, realmente emociona comprobar que o que tentaches facer, concienciar na igualdade e violencia de xénero, cumpriu o seu obxectivo. Grazas.

As Historias de África chegaron á Biblioteca de Santiago Ánxel Casal

Ese día falamos de países, natureza, culturas. Felicité amosoume no mapa o seu país, Costa de Marfil, outras nenas contáronme cantos animais de África coñecían. Houbo quen, ao remate da actividade, quixo contar o seu conto, eu sempre acollo esas iniciativas con ilusión, mesmo procuro animar a facélas.

Cando con escasos aniños e coa súa pouca voz comezan a contar e escoito a súa historia, son consciente de que por eses ollos tan abertos que eu vía mentres lles contaba, entraron todas as historia. Foron contos improvisados e ben fiados, alí aparecían personaxes, animais, espazos dos que eu antes lles falara. O oficio de "dicir" ten algo máxico ao igual que ese público marabilloso. 

A Ribeira Sacra acolleu unha sesión de Contando en feminino

Voltamos á Comarca da Ribeira Sacra, desta vez ao Concello de Carballedo, para tentar concienciar á infancia na igualdade e violencia de xénero. A viaxe en si foi moi fermosa, pero cando cheguei e vin a ese público infantil que agardaba, ás nais e pais que, aínda co pouco tempo libre dispoñible, xa que estaban no tempo da vendima, fixeron un oco para achegarse xunto coas nenas e nenos á actividade e ser partícipes das historias, non podo máis que emocionarme e agradecerlles a súa colaboración e compromiso coa igualdade.

Grazas a ese público adulto e ao infantil, grazas por permitirme disfrutar de momentos como os que quedan plasmados en fotos coma esta.

A historia en Feminino chegou á Biblioteca Ánxel Casal de Santiago

A historia non lles fai xustiza ás mulleres e o público reaccionou como era de esperar... "non, non a coñecemos, que valente, mira que guapa e que intelixente (sorprendeulles moito), eu quero ser así". Realmente é moi gratificante poder contribuír, moi humildemente, a visibilizar, poñer en valor, rescatar do esquecemento a tantas mulleres marabillosas, que polo feito de ser mulleres nun mundo onde a historia, escrita por e para os homes, non lles dá o seu lugar.

A infancia non ten prexuízos, polo que as ve como o que son, extraordinarias. Ese día tamén había moito público adulto que me comentou que a moitas mulleres tampouco as coñecía. Sorprenderon e emocionaron as súas vidas, quedan aínda outras moitas que contar.

Contando en feminino na Semana da Cultura e do Lecer de Teixeiro

Todos os anos polo mes de xullo a AA.VV. Comarca de Teixeiro organiza unha semana cultural, que xa vai pola súa XV edición e que conta co apoio de toda a veciñanza. Ata alí nos achegamos cos nosos contos para tentar concienciar á infancia na igualdade e violencia de xénero. Fomos testemuñas da implicación, traballo, esforzo e colaboración de toda unha vila. 

Cando estabamos coas nosas historias no auditorio e me dirixín a un neno do público, quedou sen saber que facer e o pai díxolle, "venga, tu sabes la respuesta", daquela preguntei se era galego, dixo que non, que viñan de vacacións aquí e sempre elixían esas datas para participar da Semana da Cultura, díxenlles que se había algunha palabra que non entendesen eu aclararía o significado e seguín contando, non preguntou nada, entendeuno todo, o seu respecto e amor pola cultura nosa foi fermoso. 

Cando non se poden poñer fotos da actividade elixo outra, coma esta relacionada tamén coa igualdade, fágoo en homenaxe a todo o profesorado que coida á infancia e ama o seu traballo, que importantes son, non se lles fai xustiza, eu si recoñezo o seu gran labor, sei que as nenas e nenos tamén o fan.

sábado, 17 de outubro de 2015

Estivemos Contando en feminino no Concello de A Veiga

O Concello de A Veiga, na comarca de Valdeorras, conta co privilexio de ter, xunto con outros 13 no mundo, o certificado Starlight, que o avala como destino turístico astronómico. Todo nese concello é fermoso, a paisaxe, as xentes, as estrelas... e por suposto a infancia.

Ese día ía moita calor, eu fixera moitas horas de viaxe, moitos quilómetros, disfrutara dunha paraxe incomparable. Mentres agardaba o momento do encontro escoitei balbordo pola rúa, risas, xogos, como saboreando a chegada das vacacións do verán, achegueime á fiestra e vin unha ringleira enorme de nenas e nenos que viñan felices á biblioteca, que estampa tan bonita!

Así que comezamos as presentacións de persoas e contos, historias nas que se implicaron, razoaron, preguntaron e resolveron. Deixo foto do momento das charlas, debates e impresións finais (que forman parte da actividade). Sempre se comprometen a defender a igualdade e a non consentir ningún tipo de maltrato, sei que así será, creo na súa palabra.

O Faro de Vigo faise eco da visita de Ana Hermida a Campo Lameiro, onde estivo Contando en feminino

Ana Hermida estivo Contando en Feminino no Concello de Campo Lameiro, tentando concienciar na igualdade e violencia de xénero. Foi unha actividade organizada pola Biblioteca Pública Municipal Irmáns Ricoi e encadrada dentro do programa da Xunta de Galicia, Ler conta moito.

O xornal O Faro de Vigo recolle así a noticia.

Na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago estivemos contando Mitoloxía para xente miúda

Sen dúbida é un tema que atrae ao público infantil, seres fantásticos, máxicos, historias marabillosas, monstros, misterios... E alí estaban fieis á cita as nenas e nenos, nunha soleada de sábado, acompañados das persoas adultas, sempre implicadas nas actividades. É gratificante ver como se involucran para dar exemplo, un pai moi amable e ante a miña petición, contou e así, entre libros, o seu fillo meteuse na historia e entre os dous remataron o conto... grazas.

A Quenlla canta a Díaz Castro "Desorballando outonos", en Arteixo - Rolda de prensa

Na rolda de prensa celebradan no Forum Metropolitano da Coruña, Baldomero Iglesias “Mero” chamou á “reconfortarnos na autoestima todos, ser moito mais valentes e erguer en dignidade sempre”. Alfonso Blanco reivindicou as “Letras sempre” un convite a disfrutar da obra dunha autora ou autor...sempre. Ana Hermida convidou a seguir iniciativas coma esta porque “valorar a nosa cultura está nas nosas mans”. Trátase dun traballo colectivo e levado a cabo por un grupo de amigos que se xuntaron para render homenaxe ao poeta e tamén amigo Xosé María Díaz Castro, homenaxeado nas pasadas Letras Galegas.

A obra inédita do poeta é unha obra importante que conviña resaltar dalgún xeito. O grupo A Quenlla interpreta 15 poemas do autor, 13 novos e inéditos e dous dos máis coñecidos do seu libro "Nimbos", publicado antes da súa morte en 1991. Apórtase un libro, obra de D. Alfonso Blanco Torrado, amigo persoal do autor e depositario da súa obra literaria, quen fai un percorrido pola súa obra e pola súa personalidade xenerosa e chea de humanismo. D. Xulio Xiz Ramil, amigo do autor e xornalista e coautor da recolla de imaxes e son, aporta un DVD en recorrido pola xeografía vital do autor recitando poemas propios e en conversa con outras persoas da súa contorna.

Todo este traballo amósase no "Concerto Didáctico" especialmente deseñado para Asociacións Culturais sen ánimo de lucro que queiran divulgar a obra poética e tan delicada de Xosé María Díaz Castro. Estará o grupo A Quenlla e dará un concerto en directo. Estará tamén o autor do Libro, D. Alfonso Blanco, e falará da dimensión do autor en cuestión, e tamén o autor e director da recolla das imaxes e entrevista, D. Xulio Xiz, que falará e será presentador, aportando algunhas imaxes que van no vídeo sobre Díaz Castro.

Farase en primicia en Arteixo, despois doutras seis exposicións en ámbitos culturais levados a cabo desde organismos oficiais, e será da man dunha asociación humilde, como é Lisístrata, que xa asumíu en tempos un concerto “De autores e cantores…” (Mini e Mero acompañados por Saxa) e que da man de Ana Hermida, volve dirixir e estimular esta actividade cultural por estas terras. 

xoves, 8 de outubro de 2015

Historias de África na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, para celebrar o Día da Biblioteca

Os contos non coñecen de fronteiras, atravesan todos os países de África para traernos historias que falan de astucia, de enfrontamentos entre homes e seres fabulosos, de xustiza, de xenerosidade, contos que falan do papel da muller, que fan burla da estupidez… contos con mensaxe e sempre marabillosos, que nos farán coñecer mellor a alma do continente africano.

A cita coas Historias de África será o sábado 10 de outubro no salón de actos da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, ás 12:00 h.

xoves, 24 de setembro de 2015

Contando en feminino na Biblioteca Pública Municipal de Carballedo

Ana Hermida viaxará ata a Comarca de Chantada para achegar contos contados dende a perspectiva de xénero e igualdade. Historias para ir concienciando ao público infantil, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

A cita da igualdade será na Biblioteca Pública Municipal do Concello de Carballedo, o sábado 26 de setembro ás 18:00 h.

Contando en feminino en Campo Lameiro no blog de Ler conta moito

O blog de Ler conta moito, da Consellería de Educación Cultura da Xunta de Galicia, recolle a visita de Ana Hermida á Casa da Cultura de Campo Lameiro, onde estivo "Contando en feminino" para as nenas e nenos do Concello.

Deixamos o enlace da actividade ANA HERMIDA EN CAMPO LAMEIRO

sábado, 19 de setembro de 2015

Contando en feminino na Casa da Cultura de Neda

Viaxaremos ata a Comarca de Ferrolterra, onde teremos unha actividade dirixida ao alumnado do CEIP San Isidro e do CEIP de Maciñeira, para achegar contos contados dende a perspectiva de xénero e igualdade. Historias para ir concienciando ao público infantil, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

A cita da igualdade será na Casa da Cultura do Concello de Neda, o luns 21 de setembro ás 12:00 h.

luns, 31 de agosto de 2015

Ana Hermida leva “A historia en Feminino” á Biblioteca Ánxel Casal de Santiago

Será un achegamento ao mundo infantil das moitas e sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que houbo ao longo da historia. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino. A través de contos, curiosidades, diversión e xogos, tentamos facer visibles ás mulleres e que a infancia teña unha visión máis real da historia. 

A cita coa historia en Feminino e coas nenas e nenos que por alí se acheguen, será o sábado 5 de setembro ás 12:00 h. na Biblioteca Pública de Santiago “Ánxel Casal”.

venres, 24 de xullo de 2015

Contando en feminino na XV Semana da Cultura e do Lecer de Teixeiro

Achegaremos ao público infantil contos contados dende a perspectiva de xénero e igualdade. Contos e historias para ir concienciando ao público infantil, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

Será na Casa da Cultura de Teixeiro o luns 27 ás 20:30 h.

sábado, 4 de xullo de 2015

A Quenlla canta a Díaz Castro "Desorballando outonos" en Arteixo

Estará o grupo A Quenlla e dará un concerto en directo. Estará tamén o autor do Libro, D. Alfonso Blanco, e falará da dimensión do autor en cuestión, e tamén o autor e director da recolla das imaxes e entrevista D. Xulio Xiz, que falará e será presentador, aportando algunhas imaxes que van no vídeo sobre Díaz Castro.
  
O concerto será gratuíto, para todos os públicos e terá lugar o venres 10 de xullo, no Auditorio de Arteixo, ás 20,30 h podendo reservar a entrada pola internet no enderezo lisistrata.asociacion@gmail.com

domingo, 21 de xuño de 2015

Contando en feminino en Campo Lameiro, a capital da Arte Rupestre

Viaxaremos ata Campo Lameiro, a capital da Arte Rupestre, na Comarca de Pontevedra, para achegar contos contados dende a perspectiva de xénero e igualdade. Historias para ir concienciando ao público infantil, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

A cita coa igualdade será o luns 22 de xuño na Biblioteca Pública Municipal Irmáns Ricoi do Concello de Campo Lameiro, ás 18:00 h.


Estivemos celebrando o Día Mundial do Medio Ambiente no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura

venres 5 de xuño foi o Día Mundial do Medio Ambiente e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras da Xunta de Galicia organizou un congreso escolar co apoio do Centro de Extensión Universitario e Divulgación Ambiental de Galicia, baixo o título "Escolas en Acción. Rede Natura 2000".

A actividade desenvolveuse no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela no que participaron nenas e nenos de toda Galicia. Como se pode apreciar, a implicación das persoas participantes foi moi intensa, eu, na foto, agardando o turno para participar mentres escoitaba con moitísima atención todos os relatorios. Parabéns ao profesorado, escolares e persoal do Ceida.

mércores, 17 de xuño de 2015

O Concello de A Veiga pecha o curso escolar "Contando en feminino"

Viaxaremos ata o punto máis alto de Galicia, na Comarca de Valdeorras, para achegar contos contados dende a perspectiva de xénero e igualdade. Historias para ir concienciando ao público infantil, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

A cita coa igualdade será na Biblioteca Pública Municipal do Concello de A Veiga, o venres 19 xuño ás 10:30 h.

xoves, 4 de xuño de 2015

Celebramos o Día Mundial do Medio Ambiente no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, no I Congreso de Centros Educativos Escolas en Acción. Rede Natura 2000

O día 5 de xuño, coincidindo coa conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente, reunirase a todos os participantes do programa Escolas en Acción no Museo Centro Gaiás (Cidade da Cultura, Santiago de Compostela) para celebrar o I congreso escolar “Rede Natura 2000. Escolas en Acción”. Durante esta xornada presentaranse os 10 proxectos de investigación realizados durante o curso 2014/2015.

A celebración deste Congreso dará a oportunidade de visibilizar os proxectos desenvoltos da man dos seus principais actores, os rapaces e rapazas dos centros escollidos, de crear sinerxías de colaboración entre os centros, e entre os centros e as entidades promotoras, así como de fomentar na sociedade o coñecemento da Rede Natura 2000 e a necesidade tanto individual como colectiva da súa axeitada xestión.

É unha actividade organizada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras da Xunta de Galicia, co apoio do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia.

Estaremos compartindo coas nenas e nenos os nosos Contos moi naturais, o venres 5 de xuño no Museo Centro Gaiás, na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela ás 13:00 h.

domingo, 24 de maio de 2015

Contando en feminino, contos para a igualdade na Ribeira Sacra para celebrar o Día das Letras Galegas

A viaxe ata a Ribeira Sacra, para contar ao público infantil historias de igualdade e violencia de xénero, foi algo fermosísimo. Unha viaxe que fixen escoitando poetas da nosa Terra musicados e interpretados por A Quenlla. As árbores semellaban saudarme movendo as follas, as mimosas sorrían con Rosalía, os ríos cantaban con Díaz Castro… cada quilómetro era máis fermoso que o anterior.

Ao chegar e contar para o público infantil volvín disfrutar da súa inocencia e do idioma noso, o galego, que aínda conservan na súa integridade e que non é o común aló por onde vou. Natureza, lingua e a historia en pedra de Chantada, fixeron que ese día quedase gravado como algo moi especial.

A Biblioteca de Meicende acolleu unha sesión de Contos e lendas populares

As historias eran recollidas con moita atención por todas as nenas e nenos e chegado o momento das cancións converteuse nun momento especial. Quen quixo e animado polo resto das persoas, cantou os temas que de xeración a xeración foron chegando ata hoxe.

Foi aí cando un neno foi feliz no seu momento de protagonismo, animado por min e dun xeito diferente el tamén cantou, recibindo un grande aplauso. Ao remate collino e ao seu carón volveu repetir esa actuación que hoxe recordo, como tamén ese bico que aínda hoxe me emociona. Que pouco custa facer feliz a persoas tan marabillosas e especiais, como marabillosa é a coidadora que o acompañaba. 

Contando en feminino na Biblioteca Pública Municipal de Chantada no blog de Ler conta moito

O blog de Ler conta moito, da Consellería de Educación e Cultura da Xunta de Galicia, faise eco da visita que realizou Ana Hermida á Biblioteca Pública de Chantada onde estivo "Contando en feminino".

Deixamos enlace da actividade ANA HERMIDA DA ASOCIACIÓN CULTURAL LISÍSTRATA

xoves, 21 de maio de 2015

Mitoloxía para xente miúda na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal

O vindeiro mes de xuño estaremos na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal contando historias de aventuras sobrehumanas de heroes lendarios, de deuses que dominaban a terra, contos cheos de fantasía. Mitos fantásticos de todo o mundo que chegaron ata os nosos días para que o público infantil medre coa fantasía dese mundo máxico que serviu aos nosos antigos para buscar explicacións ao descoñecido.

Será no Salón de Actos da Biblioteca, o sábado 6 de xuño ás 12:00 h.

xoves, 14 de maio de 2015

Chantada celebra o Día das Letras Galegas "Contando en feminino"

Achegaremos ao público infantil contos contados dende a perspectiva de xénero e igualdade. Contos e historias para ir concienciando ao público infantil, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e tamén onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

Será na Biblioteca Pública Municipal de Chantada "Xoán de Requeixo”, o sábado 16 ás 12:00 h.

mércores, 13 de maio de 2015

Estivemos contando Polo mundo adiante na Feira do Libro de Santiago

O sábado estivemos achegando historias, xogos, cancións, culturas… de diversas partes do mundo na Alameda de Compostela, actividade organizada polas Feiras do Libro en colaboración coa Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal.

Fomentar o coñecemento e o respecto por outras culturas entre o público infantil cos contos, mentres xogan coa xeografía e disfrutan cantando e xogando, é o obxectivo da actividade. Á súa curta idade contáronme todo o que sabían dos países e moitas cousas máis. Rematamos con xogos doutro continente, foi precioso ver a implicación dos adultos xogando no chan coas nenas e nenos.

luns, 11 de maio de 2015

Así foron os Contos e lendas populares na Biblioteca Ánxel Casal

Contos, lendas, historias de monstros, de animais... as historias dos pobos son ricas en sabedoría e perduran ao longo do tempo coa mesma frescura. Nenas e nenos seguen a sorprenderse ante as mesmas cousas que hai centos de anos. 

O mesmo ocorre coas cancións populares, así pasou na Biblioteca Ánxel Casal, unha nena cantou unha canción popular catalá, outra temas galegos populares mentres bailaba, María achegouse moi tímida e en voz baixa dixo que sabía unha popular pero non era galega, díxenlle que as cancións son universais, collina da man, dinlle unha aperta e comezou... un anxo comezou a cantar un tema popular sueco, emocionou a todo o público. A maxia da cultura popular fixo dese momento algo único e precioso.

Celebramos o Día do Libro Contando en feminino na Biblioteca de Lugo

A Biblioteca Municipal de Lugo organizou unha serie de actividades para celebrar o mes do libro, entre a que estaba Contando en feminino, para tentar concienciar mediante historias, diversión e reflexión, na igualdade e a non violencia de xénero.

A biblioteca, enclavada dentro do Parque da Milagrosa, encheuse de público infantil que, acompañado de adultos, participaron da actividade. É fermoso ver como a infancia atopa as respostas correctas e tamén como pais e nais amosan sempre moito interese ao remate da actividade, preguntan, piden consello sobre lecturas... fermoso. Deixo foto doutro día, para que comprobedes a sorte que teño de poder disfrutar desas caras inocentes día tras día.

venres, 8 de maio de 2015

A Feira do Libro de Santiago programa a nosa actividade "Polo mundo adiante"

Dende tempos moi remotos se teñen contado historias en todos os países do mundo. Viaxamos polos cinco continentes para contar historias de fadas, da natureza, de seres mariños, de adiviñas, de misterio, de risa… Contos, cancións e xogos populares que servirán para coñecer mellor a cultura e os costumes de cada país.

Estaremos na Feira do Libro de Santiago de Compostela contando historias que fomos recompilando polo mundo adiante, será no Paseo Central da Alameda o sábado 9 ás 18:00 h.

Contos e lendas populares na Biblioteca de Meicende

Espectáculo para a rapazada, baseado en contos, lendas... historias tradicionais e populares que fagan coñecer e entender moitas cousas a nenas e nenos. Os porqués, os encantos, historias de trasnos, de feitizos... tamén de temas históricos e de cabaleiros. Historias e lendas tradicionais con cancións populares para o público infantil.

Será o venres 8 na Biblioteca de Meicende "Antón Castro", ás 18:50 h.

xoves, 7 de maio de 2015

Celebramos o Día do Libro no Porriño "Contando en feminino"

Con motivo da celebración do Día do Libro, estivemos Contando en feminino na Biblioteca Municipal do Porriño para as nenas e nenos do Colexio Hermanos Quiroga.

Ao final da actividade, tal e como fago sempre, intercambiamos opinións, para min moi enriquecedoras, sobre a igualdade e violencia de xénero. Tódolos días me sorprenden gratamente, nesta ocasión cando se despedían dixéronme entre outras cousas que "ían xogar no recreo á igualdade". Que máis podo pedir.

mércores, 6 de maio de 2015

Polo mundo adiante, actividade incluída dentro da programación da Feira do Libro de Santiago

A Feira do Libro de Santiago inclúe dentro da súa programación “Polo mundo adiante”, actividade organizada en colaboración coa Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal. Santiago de Compostela, cidade acolledora de xentes de todas as culturas e países, é un lugar ideal para contar historias de todas as partes do mundo.
A cita será no Paseo Central da Alameda o sábado 9 a partir das 18:00 h. 

sábado, 2 de maio de 2015

Contando en feminino na biblioteca do Porriño no blog de Ler conta moito

O blog de Ler conta moito, da Consellería de Educación e Cultura da Xunta de Galicia, faise eco da visita que realizou Ana Hermida á Biblioteca do Porriño, onde estivo "Contando en feminino" para as nenas e nenos do CPR Hermanos Quiroga.

Deixamos o enlace da actividade DÍA DO LIBRO NO PORRIÑO