venres, 9 de agosto de 2019

"Contando en feminino", contos para concienciar na igualdade e violencia de xénero, no Concello de O Carballiño

Ana Hermida viaxará ao Concello do Carballiño para contar historias desde a perspectiva de xénero e igualdade, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario, onde o final pode cambiar e a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Contos tamén para concienciar e loitar contra o abuso infantil e a violencia de xénero. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade. 

A cita coa igualdade será o mércores 21 de agosto ás 12:00 h. na Biblioteca Pública Municipal do Carballiño, que organiza esta actividade para concienciar na igualdade e violencia de xénero.

xoves, 8 de agosto de 2019

Honrando a Filomena Dato en Bergondo, no aniversario do seu nacemento

Outro ano máis estivemos en Bergondo honrando A Filomena Dato, á que o seu amigo Pérez Lugín lle concedeu o título de “a poeta das Mariñas”, a escritora máis premiada do século XIX e académica correspondente da Real Academia Galega. Estivemos ofrecendo un recital da súa obra con “Ningún lazo a suxeita”, onde Ana Hermida puxo voz ás composicións da poeta. Foi na Igrexa de San Vicente de Moruxo, no Concello de Bergondo. O acto estivo organizado polo activista cultural e crego, Rubén Aramburu, xunto coa Asociación Cultural Lisístrata.

Desde hai anos Ana Hermida, da Asociación Lisístrata, leva facendo investigacións e unha serie de actividades para visibilizar e darlle o lugar que lle corresponde á figura e obra de Filomena Dato, polo que rexeitamos calquera aproveitamento que da poeta fan outras persoas e entidades “para o seu propio lucimento e beneficio” coas aportacións realizadas por nós. Cousa propia de xente covarde, necia, sen principios e carente de talento é apropiarse do traballo dunha muller e invisibilizala. 

mércores, 7 de agosto de 2019

Estaremos contando “A historia en Feminino” no Concello de O Carballiño

Viaxaremos á Comarca do Carballiño para contar a "Historia en Feminino", alí Ana Hermida fará un achegamento ao público infantil das moitas e sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que houbo ao longo da historia. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, deportistas, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino. Actividade organizada pola Biblioteca Municipal do Carballiño.

Estaremos visibilizando ás mulleres borradas da historia, o mércores 14 de agosto ás 12:00 h., no Salón de Actos da Biblioteca Pública Municipal do Concello do Carballiño.

mércores, 31 de xullo de 2019

“Contando en feminino” no Concello de Esgos

Ana Hermida viaxará ao Concello de Esgos, na Comarca de Ourense e Ribeira Sacra, para contar historias contadas desde a perspectiva de xénero e igualdade, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario, onde o final pode cambiar e a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Contos tamén para concienciar e loitar contra o abuso infantil e a violencia de xénero. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade. 

A cita coa igualdade será o martes 6 de agosto ás 11:00 h. na Biblioteca Pública Municipal do Concello de Esgos, que organiza esta actividade para as nenas e nenos que participan no campamento de verán.

domingo, 14 de xullo de 2019

Bergondo conmemora o cabodano de Rosalía de Castro con "Tecín soia a miña tea"

Ana Hermida fará unha homenaxe a Rosalía de Castro mediante a dramatización dos seus poemas nun espectáculo que pretende amosar unha Rosalía actual, como os temas que ela trata, tan vixentes hoxe en día. A relación cos homes, a defensa da muller, da súa terra... O desexo e ansias súas polo teatro "eu quería ser actriz e non me deixaron". Unha Rosalía, a veces divertida, outras reivindicativa, dura. Unha muller interpretando a outra muller. Poemas, teatro, e algunha canción para honrar a nai da nosa terra no seu 134 cabodano. Actividade organizada polo activista cultural e párroco de Bergondo, Rubén Aramburu.

A cita con Rosalía será o martes 16 de xullo ás 20:30 h. na Igrexa de Santa Marta de Babío, en Bergondo.

martes, 25 de xuño de 2019

"Feministorias", unha cita coa infancia e o feminismo, na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela

A infancia coñecerá, dun xeito divertido e ameno, a historia que non está nos libros de texto, a das nosas avoas e bisavoas que ergueron a voz e loitaron para cambiar o mundo. Nenas e nenos tenden a sentirse protagonistas das historias, polo que lles achegaremos referentes moi coidados e mediante contos, curiosidades e xogos repasaremos os logros e a evolución do feminismo ata os nosos días. Porque o feminismo tamén pode ser divertido.

A cita co feminismo será o sábado 29 de xuño no Salón de Actos da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, ás 12:00 h. con entrada libre e gratuíta ata completar aforamento.

venres, 14 de xuño de 2019

“Miña casiña, meu lar”, teatro contra a violencia de xénero no Concello de Pontedeume

Enfocada dende un punto de vista humorístico, amosa a realidade da muller no seu entorno diario, reflicte a crúa situación das mulleres maltratadas, tanto no físico, coma no verbal, sexual, laboral, psíquico… Diferentes situacións, diferentes mulleres e unha soa actriz que dá vida a todas elas. Sempre cun eixo común, a inxusta realidade coa que se atopan, aínda hoxe, as mulleres no seu día a día. Todo esto posto enriba dun escenario para tentar concienciar ao público e promover o debate sobre o tema. 

Será o venres 21 de xuño ás 20:30 h., na Casa da Cultura do Concello de Pontedeume. 

xoves, 23 de maio de 2019

Conmemoramos o 25N Contando en femininino en Compostela

O Concello de Santiago de Compostela organizou unha sesión de Contando en feminino, actividade que tivo lugar no Centro Sociocultural de Pontepedriña, dentro dos actos da campaña do 25N “En negro contra as violencias”, para concienciar na igualdade e violencia de xénero. Atopeime cun público infantil e adolescente moi participativo e diverso e conteilles varias das historias que viaxan comigo e que están pensadas para provocar unha reacción. O resultado é sempre o esperado, o que me produce unha enorme satisfacción, así como as reflexións que fan e o debate posterior, é moi enriquecedor, aprendo tanto da súa inxenuidade, da súa mente sen contaminar, do claro que teñen todo… Sei que medrarán en igualdade e farán un mundo mellor e máis xusto.
 

domingo, 12 de maio de 2019

"Mitos e lendas de Galicia" na Biblioteca Ánxel Casal, para celebrar o Día das Letras Galegas

Contaremos a nosa historia máis máxica, lendas, historias tradicionais e populares que fagan entender e coñecer moitas cousas a nenas e nenos. Os porqués, os encantos, historias de trasnos, de feitizos, mitoloxía galega... tamén de temas históricos e de cabaleiros. Todas estas historias chegaron ata nós grazas a persoas como Antón Fraguas, a quen a Real Academia Galega lle adica o Día das Letras Galegas deste ano. “Eu traballei sempre por e para Galicia. Por amor á nosa Terra (Antón Fraguas).

Será o sábado 18 de maio no Salón de Actos da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, ás 12:00 h. con entrada libre e gratuíta ata completar aforamento.

luns, 6 de maio de 2019

"A historia en Feminino" grandes historias de grandes mulleres para o gran público miúdo

Cando conto “A historia en Feminino” para o público máis miúdo, sempre teño que baixarme ao seu gran nivel. Canto se aprende destas persoíñas, non teñen filtros e razoan coa lóxica que as persoas adultas hai tempo que perderon. Disfruto delas ao igual que as nenas e nenos disfrutan coas historias das mulleres que lles achego. O meu oficio de dicir regálame momentos fermosos, como este da foto, a súa curiosidade innata fai que pregunten e queiran saber máis e máis… eso é o que pretendo, sementar para que xermole unha inquedanza feminista. Cando marcho énchenme a cara de bicos e regálanme apertas que sempre me acompañan e que agradezo cada día. Graciñas.

martes, 16 de abril de 2019

"Tecín soia a miña tea", a nosa homenaxe a Rosalía de Castro, segue a darnos moitas satisfaccións

A grandeza de Rosalía fai que sucedan feitos como este, un dos maiores premios que pode ter unha persoa co oficio de dicir. Ocorreu na representación de Tecín soia a miña tea, o público era escolar e persoas usuarias de Aspavi, quixen que participasen todas elas para una  plena inclusión e vin como fluía todo de maneira natural, foi moi fermoso. Ao rematar estaban agardando por min, querían unha foto conxunta, bicos, apertas, charlas… volveron recitar e falar de Rosalía, preguntaron que cando ía volver... foi moi emotivo, que mellor premio podo ter!
 

Celebramos o Día do Libro “Tecendo soños” na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela

Hai libros grandes, pequenos, libros de aventuras, de viaxes, de animais… libros que nos fan vivir situacións e momentos irrepetibles. Os libros espertan a nosa imaxinación e fan que nos sintamos protagonistas da historia. Celebramos o Día do Libro tecendo soños, levando ilusión ao público infantil coas máxicas historias que se agochan nos libros. Convídote a soñalas.

Será o 20 de abril, no salón de actos de Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, ás 12:00 h. A entrada e libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala.

luns, 8 de abril de 2019

"Contando en feminino" en Escolas de Educación Infantil

Achegar o concepto de feminismo, concienciar na igualdade, violencia de xénero e no abuso infantil é primordial nas primeiras etapas de vida. Están formándose as persoas que serán o día de mañá, hai que coidar moito o que se lles ofrece para que medren cuns valores que serán guía no seu camiño. A experiencia fai que afirme que desde que teñen un aniño pode comezarse con este camiño, eu levo facéndoo anos e vexo como reaccionan, podo asegurar que o seu razoamento e reflexións sorprenderían a moitas persoas adultas. Seguirei coa miña teima, compensa e moito, mirade senón que premio tan marabilloso, toda unha clase asinando un diploma que me entregaron despois de contar en feminino. Grazas por tanto como recibo.

Levamos á Biblioteca de Pastoriza "Mitos e lendas de Galicia"

Visitamos Pastoriza para contar lendas, historias tradicionais e populares que fagan entender e coñecer moitas cousas a nenas e nenos. Os porqués, os encantos, historias de trasnos, de feitizos... de temas históricos, de cabaleiros e tamén cantaremos cancións populares para o público infantil. Haberá, por suposto, algunha que outra historia propia do Concello de Arteixo.

A cita será o xoves 11 de abril na Biblioteca de Pastoriza “Miguel Sande”, ás 18:30 h.

domingo, 31 de marzo de 2019

Celebramos o Día do Libro contando “A historia en Feminino” no Concello de Caldas de Reis

"A historia en Feminino" chega a Caldas de Reis para celebrar o Día do Libro, alí Ana Hermida fará un achegamento ás moitas e sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que houbo ao longo da historia. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, deportistas, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino. Pensemos en igualdade, construamos con intelixencia, innovemos para o cambio.

A cita con estas mulleres tan fascinantes será o martes 2 de abril ás 10:00 h. na Biblioteca Pública Municipal Padre Manuel Martínez Ferro de Caldas de Reis. Alí estaremos contando para o alumnado do Cra de Caldas de Reis, Centro Rural Agrupado composto polas escolas de Saiar, Godos, Santo André e Carracedo.

mércores, 6 de marzo de 2019

Conmemoramos o Día Internacional da Muller en Arzúa contando "A historia en Feminino"

O Concello de Arzúa organiza "A historia en Feminino", alí Ana Hermida fará un achegamento ás moitas e sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que houbo ao longo da historia. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, deportistas, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino. Pensemos en igualdade, construamos con intelixencia, innovemos para o cambio.

Conmemoramos así o 8M, Día Internacional da Muller, visibilizando ás mulleres borradas da historia. Será o xoves 7 de marzo ás 11:30 h. na Casa da Cultura do Concello, onde faremos dúas sesións para o alumnado de primaria.

martes, 5 de marzo de 2019

"Contando en feminino" en Corcubión, dentro da campaña do 8M

A Concellería de Muller e Igualdade do Concello de Corcubión, para conmemorar o 8M organizou unha ampla programación que inclúe Contando en feminino, onde Ana Hermida achegará ao alumnado da Escola Infantil Municipal historias contadas desde a perspectiva de xénero e igualdade, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

A cita coa igualdade será o mércores 6 de marzo ás 11:00 h. na Biblioteca Municipal do Concello. Aprenderei dese público que aínda vai en cueiros pero que comprende e razoa, polo que toca xogar e concienciar sempre con historias fascinantes que están neses libros que acariñan coas súas manciñas. 

“A historia en Feminino” nos actos do Día Internacional da Muller do Concello de Corcubión

A Concellaría de Servizos Sociais, Muller e Igualdade programa "A historia en Feminino" para conmemorar o 8M, Día Internacional da Muller. Ana Hermida fará un achegamento ás moitas e sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que houbo ao longo da historia. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, deportistas, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino. Pensemos en igualdade, construamos con intelixencia, innovemos para o cambio.

A cita con estas mulleres tan fascinantes, será o mércores 6 de marzo ás 11:00 h. na Biblioteca Pública Municipal de Corcubión, cunha sesión para infantil e outra para primaria.

martes, 26 de febreiro de 2019

Audiohistorias, homenaxe a Antón Fraguas na Biblioteca de Meicende

Inventaremos personaxes que habiten mundos imaxinarios e ambientaremos historias que contaremos en público, como no teatro, aprendendo o valor de escoita e do silencio. Contaremos coa nosa voz paisaxes sonoras, obras de ficción, poemas… e que o público poida velas cos ollos pechados. Usaremos: expresión, dicción, entoación, músicas, efectos… para enriquecer e adornar as nosas audiohistorias, que nesta ocasión renden homenaxe a Antón Fraguas, a quen a Rag lle dedica o Día das Letras Galegas 2019.

Este obradoiro, dirixido a nenas e nenos de entre 4 e 11 anos, terá lugar na Biblioteca do CSC de Meicende “Antón Castro” do Concello de Arteixo, o mércores 27 de febreiro ás 18:00 h.

luns, 25 de febreiro de 2019

Convocatoria do I Premio de Oratoria "Filomena Dato"

 Convócase o I PREMIO DE ORATORIA “FILOMENA DATO” para alumnado dos diferentes ciclos do Ensino Obrigatorio e para centros públicos ou privados de Galicia e do exterior, coa intención de promover a expresividade e a expresión –poética, narrativa e discurso– do Idioma Galego e o Feminismo, ademáis de render homenaxe á “poeta das Mariñas”, un dos escasos referentes da literatura feminina e feminista do S. XIX e a segunda escritora, despois de Rosalía, que publicaría un libro en galego nese século. O tema deste ano é a "Sororidade".  

A inscrición farase no correo electrónico filomena.dato.muruais@gmail.com e deberá estar entregada a gravación, sempre mellor -de planos- en corpo enteiro, correspondente ao tema indicado, cunha duración máxima de 5 minutos, así como o traballo por escrito e a ficha do anexo, debidamente cuberta, que se pode descargar na páxina da organización convocante http://lisistrata-asociacion.blogspot.com/p/premio-filomena-dato.html. O deseño e ilustración é obra do artista gráfico: Iván del Río. 

domingo, 24 de febreiro de 2019

"Tecín soia a miña tea", homenaxe a Rosalía de Castro

A nosa particular homenaxe a Rosalía de Castro, con Ana Hermida, non é algo puntual nin de datas no calendario, Rosalía leva con nós anos, levamos a súa obra, a súa palabra, a súa mensaxe... á rúa, aos colexios, aos institutos, aos teatros. Ela é o importante, quen ouse cambiarlle a súa imaxe para facela máis atractiva (ela xa era bonita dabondo), quen queira converter a súa figura nunha feira, quen se queira apropiar dela, quen pretenda convertela nun produto, está moi equivocada. Rosalía foi, é e será nosa, do pobo, por eso é grande.

domingo, 17 de febreiro de 2019

Tecín soia a miña tea, homenaxe a Rosalía na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela

Homenaxe a Rosalía de Castro mediante a dramatización dos seus poemas. Este espectáculo pretende amosar unha Rosalía actual, como os temas que ela trata, tan vixentes hoxe en día. A relación cos homes, a defensa da muller, da súa terra... O desexo e ansias súas polo teatro "eu quería ser actriz e non me deixaron". Unha Rosalía, a veces divertida, outras reivindicativa, dura. Unha muller interpretando a outra muller. Poemas, teatro, e algunha canción para honrar a nai da nosa terra.

Será o venres 22 de febreiro, no salón de actos de Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, ás 19:30 h. A entrada e libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala.

Acto central do Día de Rosalía no Concello de Arteixo

Despois dunha semana de actividades dirixidas ao público escolar, o Concello de Arteixo celebra o Día de Rosalía cun acto central aberto á cidadanía, organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Arteixo a través da Rede Municipal de Bibliotecas. Ana Hermida dará lectura ao Manifesto da AELG, que este ano foi redactado por Ana Romaní. A continuación terá lugar o concurso de poesía homenaxe a Rosalía de Castro, onde participa o alumnado dos centros de primaria do concello arteixán, unha vez recitados os seus poemas e mentres delibera o xurado, Ana Hermida fará unha dramatización da obra da Nai das nosas letras.

Convidamos á toda a cidadanía de Arteixo a que participe desta gran festa Rosaliana, será o sábado 23, na Sala de Exposicións do Centro Cívico Cultural de Arteixo, ás 11:30 h. A entrada é libre e gratuíta ata completar aforamento.

V Concurso de Poesía Homenaxe a Rosalía de Castro, en Arteixo

Este ano celébrase a quinta edición do concurso de poesía en homenaxe a Rosalía de Castro, está organizado pola Concellería de Cultura do Concello de Arteixo a través da Rede Municipal de Bibliotecas. Será o broche de ouro a unha serie de actividades coas que conmemoran o nacemento da escritora padronesa. Haberá 12 nenas e nenos que recitarán a súa propia obra, de entre 8 e 12 anos, que levarán un agasallo pola súa partipación, outro por cada unha das tres categorías e a persoa gañadora recibirá o premio final. Ana Hermida dará lectura ao Manifesto da Aelg e tamén fará unha dramatización da obra á Rosalía de Castro, mentres delibera o xurado composto polo Clube de Lectura da Biblioteca Central de Arteixo “Henrique Rabuñal”.

A cita con Rosalía e coa poesía será o sábado 23, na Sala de Exposicións do Centro Cívico Cultural de Arteixo, ás 11:30 h. A entrada é libre e gratuíta ata completar aforamento.

Arteixo achega a figura de Rosalía ao alumnado do Ies Manuel Murguía con "Tecín soia a miña tea"

Rosalía de Castro, na voz de Ana Hermida, estará co alumnado do Ies Manuel Murguía. Faremos un repaso pola súa biografía e pola súa obra, haberá representación teatral, dramatización da súa obra e participación do alumnado, que terá ocasión de poñer voz á nosa Poeta nacional. A actividade está organizada pola Concellería de Cultura a través da Rede de Bibliotecas do Concello de Arteixo, que ten declarado oficialmente o 24 de febreiro #DíadeRosalía, sumándose á moción da Aelg.

Serán dous días de encontro, 19 e 22 de febreiro, cunha Rosalía loitadora, feminista, comprometida e dona dunha obra de inmensa valía. A cita terá lugar na Biblioteca Central de Arteixo “Henrique Rabuñal” ás 11:00 h.

domingo, 10 de febreiro de 2019

Celebramos o 11F contando "A historia en Feminino" na Biblioteca Ánxel Casal

Celebramos o 11F, o Día Internacional da Muller e a Nena na ciencia con “A historia en Feminino” onde visibilizaremos a mulleres no mundo da ciencia. Ao longo da historia as mulleres romperon barreiras e destacaron nun mundo de homes, foron moitos os seus logros na ciencia, tecnoloxía, informática, matemáticas, física, inventos... pero foron inxustamente invisibilizadas. Xa é hora de que se coñezan as súas vidas, os seus logros e crear referentes nas nenas para que se acheguen ao mundo da ciencia, farémolo mediante historias, actividades e xogos... e algunha sorpresa.

Será o luns 11 de febreiro no Salón de Actos da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, ás 18:30 h. con entrada libre e gratuíta ata completar aforamento.

xoves, 3 de xaneiro de 2019

Lisístrata, somos feminismo, idioma e cultura

Lisístrata, somos feminismo, idioma, cultura e sororidade. Deixamos breve resumo do ano 2018. Grazas

luns, 19 de novembro de 2018

"Contando en feminino" en Compostela, dentro da campaña do 25N: En negro contra as violencias

O Concello de Santiago de Compostela para conmemorar o 25N dentro da campaña: En negro contra as violencias, organizou unha ampla programación que inclúe Contando en feminino, onde Ana Hermida achegará á infancia historias contadas desde a perspectiva de xénero e igualdade, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

A cita coa igualdade será o venres 23 de novembro de novembro ás 18:00 h. no CSC Pontepedriña.

O Concello de Valga programa "Miña casiña meu lar" o 25N dentro da campaña: En negro contra as violencias

“Miña casiña, meu lar” amosa a realidade da muller no seu entorno diario, reflicte a crúa situación das mulleres maltratadas, tanto no físico, coma no verbal, sexual, laboral, psíquico… Diferentes situacións, diferentes mulleres e unha soa actriz que dá vida a todas elas. Sempre cun eixo común, a inxusta realidade coa que se atopan, aínda hoxe, as mulleres no seu día a día. Todo esto posto enriba dun escenario para tentar concienciar ao público na igualdade e violencia de xénero e promover o debate sobre o tema.

EscóitameTamén, ten como propósito honrar e amplificar aínda máis as voces das persoas, xa sexa a dunha ama de casa no seu fogar, a dunha alumna que sofre abusos do seu profesor, a dunha secretaria de oficina, a dunha deportista... É unha chamada a escoitar e a crer ás persoas sobreviventes, a poñer fin á cultura do silencio e a que a nosa resposta teña como centro de atención as persoas sobrevivientes. Debe deixar de cuestionar a credibilidade da vítima e no seu lugar hai que centrarse na rendición de contas do agresor. Aquelas persoas que alzaron a voz axudáronnos a entender mellor como o acoso sexual chegou a normalizarse e mesmo xustificarse como parte inevitable da vida dunha muller. Trátase dun círculo vicioso que debe terminar. É absolutamente inaceptable que a gran maioría dos autores da violencia contra mulleres e nenas quede impune. 

A lexislación debe recoñecer que o acoso sexual é unha forma de discriminación contra as mulleres e unha violación dos dereitos humanos, expresando e rexenerando o concepto de desigualdade que ten lugar en moitos ámbitos da vida, desde as escolas ata o lugar de traballo, desde os espazos públicos ata Internet. Se as leis protexen os lugares de traballo, tanto formais como non formais, as persoas traballadoras máis vulnerables terán máis oportunidades de sinalar o abuso e ser escoitadas. Tolerancia cero ante calquera tipo de abuso. (Phumzile Mlambo-Ngcuka).

Será o sábado 25 de novembro ás 18:30 h. no auditorio do Concello de Valga.

Estaremos "Contando en feminino" no Concello de Santiso para conmemorar o 25N

Ana Hermida achegará á infancia historias contadas desde a perspectiva de xénero e igualdade, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

O Concello de Santiso programa esta actividade para concienciar na igualdade, violencia de xénero e feminismo ao alumnado do Ceip de Arcediago. Será o venres 23 de novembro ás 12:30 h.

O Concello de Sada programa "Mulleres no espello", teatro para conmerorar o 25N, dentro da campaña: En negro contra as violencias

Estaremos no Concello de Sada, a Perla das Mariñas, ofrecendo unha ollada a traves da escrita de varios autores sobre a personalidade da muller: o amor, a vinganza, o erotismo, a paixón… Unha exploración sobre a condición feminina e a súa loita continua por existir dunha maneira digna e independente. Orbitamos ao redor da Muller nun enredo convocado para gozar, compartir e sumar.

Será o sábado 24 na Casa da Cultura do Concello de Sada, dentro dos actos programados pola Concellaría de Cultura para conmemorar o 25N "Día Internacional da Eliminación da violencia contra a Muller", e dará comezo ás 20:00 h.

Estaremos "Contando en feminino" en Cee, dentro da campaña do 25N: En negro contra as violencias

Ana Hermida achegará á infancia historias contadas desde a perspectiva de xénero e igualdade, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

Por iniciativa do Cim do Concello de Cee estaremos concienciando na igualdade, violencia de xénero e feminismo ao alumnado de 1º, 2º e 3º de Primaria do Ceip Eugenio López e CPR Manuela Rial Mouzo. Será o mércores 21 de novembro ás 10:30 h. na Casa da Cultura de Cee.

"A historia en Feminino" chega a Ferrol para conmemorar o 25N

Viaxaremos ao Concello de Ferrol para contar a "Historia en Feminino", alí Ana Hermida fará un achegamento ao alumnado do Ceip de Pazos, das moitas e sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que houbo ao longo da historia. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, deportistas, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino. Está promovida esta actividade pola Anpa Pazos.

Conmemoramos o 25N visibilizando ás mulleres borradas da historia, o xoves 22 de novembro ás 11:00 h., onde faremos dúas sesións, para infantil e primaria, na Biblioteca Xoán Farias do Ceip de Pazos.

domingo, 18 de novembro de 2018

Estaremos "Contando en feminino" en Cee, dentro da campaña do 25N: En negro contra as violencias

Ana Hermida achegará á infancia historias contadas desde a perspectiva de xénero e igualdade, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

Por iniciativa do Cim do Concello de Cee estaremos concienciando na igualdade, violencia de xénero e feminismo ao alumnado de Educación Infantil da EEI da Pereiriña, CPR Manuela Rial Mouzo, Ceip A Igrexa de Brens e Ceip Eugenio López. Será o martes 20 de novembro ás 10:30 h. na Casa da Cultura de Cee.

luns, 12 de novembro de 2018

O Concello de Coristanco programa "Mulleres no espello", teatro para conmerorar o 25N, dentro da campaña: En negro contra as violencias

Estaremos no Concello de Coristanco, na Comarca de Bergantiños, ofrecendo unha ollada a traves da escrita de varios autores sobre a personalidade da muller: o amor, a vinganza, o erotismo, a paixón… Unha exploración sobre a condición feminina e a súa loita continua por existir dunha maneira digna e independente. Orbitamos ao redor da Muller nun enredo convocado para gozar, compartir e sumar.

Será o venres 16 na Casa da Cultura do Concello de Coristanco, dentro dos actos programados polo concello para conmemorar o 25N "Día Internacional da Eliminación da violencia contra a Muller", está dirixido ao público escolar para concienciar na igualdade e violencia de xénero e dará comezo ás 12:00 h.

martes, 6 de novembro de 2018

Celebramos o magosto contando "A historia en Feminino" no Concello de Ribeira

Viaxaremos á Comarca do Barbanza para contar a "Historia en Feminino" no Concello de Ribeira, Ana Hermida fará un achegamento ao público infantil e adulto das moitas e sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que houbo ao longo da historia. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, deportistas, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino. Está promovida esta actividade pola Asociación Veciñal de Carreira.

Celebraremos o magosto coa veciñanza de Carreira, visibilizando ás mulleres borradas da historia, o sábado 10 de novembro ás 19:00 h. na Casa da Cultura de Ribeira.

domingo, 4 de novembro de 2018

O Concello de Pazos de Borbén celebrou o Día de Rosalía con “Tecín soia a miña tea”

A Biblioteca de Pazos de Borbén programou "Tecín soia a miña tea" para celebrar o Día de Rosalía. Cada vez que fago esta actividade para o público escolar disfrútoa moito, que descubran a Rosalía é unha sensación marabillosa, sempre ocorre o mesmo, risas e máis risas, moitas mans erguidas para ler a súa obra, preguntas e máis preguntas que nacen da curiosidade ante o que están a ver… Cando Ana Hermida, esta particular Rosalía, sae ao seu encontro non saben onde meterse, póñense de todas as cores, aínda así, todo o mundo quere participar. No Concello de Pazos de Borbén o público eran persoas usuarias de Aspavi e alumnado do CPI Curros Enríquez, espero que prendera o amor pola obra e figura rosaliana, a xulgar polo que vin, penso que así foi. 

domingo, 21 de outubro de 2018

Celebramos o Día da Biblioteca contando "A historia en Feminino" no Concello de A Mezquita

Viaxaremos á Comarca de Viana, a terra dos Tres Reinos, na fronteira de Galicia, Castela e Portugal, alí no Concello da Mezquita, Ana Hermida fará un achegamento ao mundo infantil das moitas e sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que houbo ao longo da historia. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino. Está promovida esta actividade polo Concello e a Asociación Os Tres Reinos.

Celebraremos o Día da Biblioteca coa Historia en Feminino o venres 26 de outubro ás 16:00 h. no Edificio Multiusos do Concello da Mezquita.

O Concello do Rosal programa "Contando en feminino", contos de igualdade, para celebrar o Día da Biblioteca

Ana Hermida achegará á infancia historias contadas desde a perspectiva de xénero e igualdade, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

Celebramos así o Día da Biblioteca, porque “houbo un día no que esa biblioteca non existía. Alguén a soñou, loitou por ela, encheuna de libros e tamén de soños. Que non haxa un só ser humano conectado ao que foi, ao que é e ao que será. Na túa man hai millóns de mans, estreitando a túa, acompañándote no camiño. No libro que te espera na mesa de noite ou xunto ao sofá, hai millóns de libros. Inxenuos ou complexos, humildes ou luxosos. Pero todos preciosos. Conectados todos por un invisible fío de prata que une man con man, andel con andel, un fío inacabable e luminoso. Inacabable, e así sexa. Hoxe é o Día da Biblioteca, que é o mesmo que dicir O día da Luz. Feliz día, feliz século” (Gonzalo Moure Tenor).

A cita cos contos e coa igualdade será o mércores 24 de outubro ás 11:00 h., con dúas sesións para o alumnado de infantil e primaria do Cra María Zambrano, na Biblioteca Pública Municipal do Concello de O Rosal.

mércores, 10 de outubro de 2018

Celebramos o Día das Escritoras na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela con "Palabra de Muller"

A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal celebra o Día das Escritoras co recital “Palabra de muller”, no que, baixo o tema rebeldes e transgresoras, farase un percorrido pola obra de mulleres pioneiras, rebeldes, silenciadas, inxustamente tratadas, incomprensiblemente esquecidas... ás que queremos honrar. Varias mulleres representativas da cultura e sociedade galegas prestan a súa voz ás escritoras homenaxeadas. A actividade está dirixida ao público adulto e coordinada por Ana Hermida, de Lisístrata Asociación.
Este día é unha iniciativa da Biblioteca Nacional de España (BNE), a Federación Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e a Asociación Clásicas e Modernas (CyM).
Leremos textos de Teresa de Jesús, María de Zayas, Juana Manso, Rosalía de Castro, Rosario de Acuña, Filomena Dato Muruais, Carmen de Burgos, Delmira Agustini, Xela Arias, Victoria Ocampo, Aurora Bertrana, Luísa Villalta, Magda Donato, Sorne Unzueta Lanzeta (Utarsus), Begoña Caamaño, Ángela Figuera Aymerich, María Zambrano, Xohana Torres, Idea Vilariño, Ana María Matute, María Victoria Moreno, Carmen Martín Gaite, Josefina Aldecoa, Sofía Casanova, Alejandra Pizarnik, Esther Tusquets, Hildegart Carballeira, María-Mercé Marçal.
Será o luns 15 de outubro ás 19:30 h no salón de actos da Biblioteca, a entrada é libre e gratuíta ata completar aforamento.

sábado, 29 de setembro de 2018

"Contando en feminino", contos de igualdade e violencia de xénero, na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela

Ana Hermida achegará á infancia historias contadas desde a perspectiva de xénero e igualdade, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario. Contos tamén onde o final pode cambiar e onde a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Xogando e contando, apréndese a formar en igualdade.

A cita cos contos e coa igualdade será o sábado 13 de outubro ás 12:00 h. no salón de actos da Biblioteca Pública de Santiago de Compostela, que deste este mes conta cunha biblioteca feminista no seu 3º andar.

domingo, 16 de setembro de 2018

A historia en Feminino, tamén conta a historia das mulleres en Galicia

A historia en Feminino ten como obxectivo visibilizar as mulleres e facer xustiza á metade da poboación, contar a historia real, polo que levamos anos tentando ofrecer referentes á infancia e ao público adulto. Na Biblioteca Central en Arteixo "Henrique Rabuñal” fixemos un achegamento ao mundo infantil das moitas e sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que houbo ao longo da historia. As nenas e nenos do Concello de Arteixo descubriron a científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, escritoras, músicas, deportistas… Contamos tamén a historia de grandes mulleres galegas, unha das que forma parte do noso catálogo desde hai tempo é María Vinyals, figura á que hoxe se lle está a recoñecer a súa pegada na historia.

luns, 3 de setembro de 2018

Estivemos na homenaxe a Filomena Dato en Bergondo

Deixamos mostra gráfica do que foi a homenaxe a Filomena Dato, a Poeta das Mariñas, que tivo lugar o pasado mes de febreiro en Bergondo, no que participaron a alcaldesa Alejandra Pérez Máquez en representación do Concello e Víctor Freixanes en representación da Real Academia Galega. Foi un acto presentado por Rubén Aramburu no que o alumnado do Cpi Cruz do Sar recitou poemas da homenaxeada, ao igual que Dores Tembrás, que puxo voz aos versos da poeta. Ana Hermida viaxou a Moruxo por segunda vez para volver renderlle homenaxe a Filomena recitando, cantando e lembrando a Rosalía de Castro, momento que recolle esta foto co presidente da Real Academia, a quen agradezo a súa amabilidade. O acto rematou descubrindo o monólito a Filomena, obra de Francisco Escudero e coa interpretación do Himno Galego, polo gaiteiro Francisco José Otero López.

Xa en xullo do 2017 estivemos rendendo homenaxe a Filomena Dato en Moruxo, onde Ana Hermida adiantou parte do espectáculo “Ningún lazo a suxeita” para achegar á cidadanía a obra da poeta e rescatala dun esquecemento inxusto. Son moitas horas de procurar información, documentación, ensaios… sempre co único obxectivo de visibilizar á muller e divulgar a súa obra. Filomena foi invisibilizada inxustamente ao longo do tempo, algo que actualmente tamén ocorre coas mulleres que teiman en visibilizar a outras mulleres e que despois de tanto empeño, traballo e esforzo, ven como outras xentes se penduran medallas a conta delas, a historia non mudou tanto. A Asociación Lisístrata ten como obxectivo concienciar na igualdade e violencia de xénero, poñer en valor a figura feminina e as súas creacións, así como a defensa da cultura e lingua galega, motivo polo que desde hai tempo estivemos traballando para facer xustiza a Filomena, ao igual que fixemos e faremos con outras mulleres. En breve iremos anunciando sorpresas e novidades sobre a poeta.

xoves, 30 de agosto de 2018

Despedimos o verán con "Contos mollados" na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela

Imos navegar por continentes perdidos, viaxaremos en barcos pantasma, atoparémonos con naufraxios, piratas, monstros mariños, sereas…contaremos historias das divindades mariñas e habitantes do fondo do mar. Atraca neste peirao dos contos mollados e descubrirás as marabillas que se ocultan máis aló dos límites do descoñecido. 

A cita cos contos será o sábado 1 de setembro, no salón de actos da Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, ás 12:00 h. e a entrada é libre e gratuíta ata completar aforamento.

xoves, 19 de xullo de 2018

Tecín soia a miña tea, homenaxe a Rosalía en Compostela

Homenaxe a Rosalía de Castro mediante a dramatización dos seus poemas. Este espectáculo pretende amosar unha Rosalía actual, como os temas que ela trata, tan vixentes hoxe en día. A relación cos homes, a defensa da muller, da súa terra... O desexo e ansias súas polo teatro "eu quería ser actriz e non me deixaron". Unha Rosalía, a veces divertida, outras reivindicativa, dura. Unha muller interpretando a outra muller. Poemas, teatro, e algunha canción para honrar a nai da nosa terra.

Será o sábado 28 de xullo en Compostela, no espazo de arte Os Catro Gatos, ás 12:00 h.

Homenaxe a Filomena Dato en Bergondo

O acto está organizado polo activista cultural e párroco de Bergondo, Rubén Aramburu e a Asociación Cultural Lisístrata, que desde hai tempo organizan diferentes actos para achegar á cidadanía a obra e figura da poeta nacida en Ourense e falecida en Moruxo (Bergondo).

Comezará o acto coa ofrenda floral no monólito de Filomena Dato, por parte de representantes do Concello de Bergondo, acto seguido a gaiteira Ana Rodríguez interpretará o Himno Galego, a continuación Rubén Aramburu, párroco de Bergondo fará unha misa na honra da “Poeta das Mariñas” que será cantada por Bea a de Estrella, para rematar o acto a obra poética de Filomena Dato soará na voz de Ana Hermida co recital “Ningún lazo a suxeita”.

Esta sentida homenaxe, aberta a toda a cidadanía, será o xoves 26 de xullo ás 19:30 h na Igrexa de San Vicente de Moruxo, no Concello de Bergondo.

martes, 17 de xullo de 2018

Rosalía de Castro en Compostela

A nosa particular homenaxe a Rosalía de Castro, con Ana Hermida, non é algo puntual nin de datas no calendario, Rosalía leva con nós anos, levamos a súa obra, a súa palabra, a súa mensaxe... á rúa, aos colexios, aos institutos, aos teatros. Ela é o importante, quen ouse cambiarlle a súa imaxe para facela máis atractiva (ela xa era bonita dabondo), quen queira converter a súa figura nunha feira, quen se queira apropiar dela, quen pretenda convertela nun produto, está moi equivocada. Rosalía foi, é e será nosa, do pobo, por eso é grande.

O sábado 28 de xullo Rosalía de Castro estará no espazo de arte "Os Catro Gatos", ás 12:00 h.

mércores, 27 de xuño de 2018

“A historia en Feminino” vai de campamento ao Concello de Oroso

A Biblioteca Pública Municipal de Oroso organiza esta actividade que está dirixida ás nenas e nenos que participan no campamento de verán que organiza o Concello. Ana Hermida viaxará ata a Comarca de Ordes para facer un achegamento ao mundo infantil das moitas e sobresaíntes e descoñecidas mulleres que houbo ao longo da historia: científicas, deportistas, guerreiras, inventoras, aventureiras, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino.

A cita será o venres 13 de xullo ás 12:00 h. na sala anexa á Biblioteca do Concello de Oroso.