mércores, 20 de xaneiro de 2021
A Voz de Galicia faise eco do Premio de Oratoria "Filomena Dato"
venres, 1 de xaneiro de 2021
Contamos historias do "Nadal no mundo" na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela
Celebramos o Nadal no mundo na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela nun
salón de actos cheo de público, alí compartimos contos, curiosidades e cantamos panxoliñas de todo
o mundo, tamén compartimos máscara, non podo entender como alguén pode pedir e/ou contar sen ela, fago un chamamento ás contadoras de historias, cumpride as
normas e tede respecto e empatía coas persoas que asisten aos actos, e co
persoal que a leva posta durante todo o día, todos os días, por favor, pódese
contar con ela, o importante son as historias e o público, as persoas que
contamos somos transmisoras, non protagonistas, eu sempre a levo e non pasa
nada, escóitase perfectamente, o público infantil segue as historias e
reacciona cando e como debe, así o demostra cos seus comentarios e as súas
reaccións, os ollos reflicten todo.
Foi marabilloso ver a ilusión nos pequenos ollos inocentes das nenas e nenos que me contaban como viven o Nadal e as súas experiencias na noite de Reis, mesmo unha pequeniña de escasos catro anos contoume que hai moitísimos anos vira a Papá Noel voando no trineo cos renos cando lle ía deixar os regalos na súa casa. Que sorte poder compartir estas experiencias, o certo é que a Biblioteca Ánxel Casal é un espazo tamén máxico, sempre cheo de público infantil e adulto que se implica moitísimo. Moitas grazas ás nenas e nenos, ás nais e pais, ao persoal da Biblioteca que fai posible que todo esto pase, sempre é un pracer estar nesa biblioteca, é como volver á casa, grazas, seguro que os Reis Magos se van portar moi ben con toda esta xente boa.
xoves, 3 de decembro de 2020
Contaremos historias do “Nadal no mundo” na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela
Viaxaremos ao redor do mundo para contar historias
de diferentes países e culturas e así coñecer os seus costumes, cancións, etc.
Haberá contos divertidos, emotivos; coñeceremos curiosidades, as orixes de
moitas tradicións e das personaxes propias desta época máxica. É tempo de
ilusión, de compartir, de contos e de máscara.
Celebraremos o Nadal o sábado 05 de decembro, no salón de actos da Biblioteca Pública de Santiago de Compostela, ás 12:00 h.
mércores, 25 de novembro de 2020
"A historia en Feminino", a visibilización das mulleres ao longo da historia, chega a Caión para conmemorar o 25N
Viaxamos á antiga vila baleeira de Caión, pertencente ao Concello da Laracha, na comarca de Bergantiños, para contar "A historia en Feminino”, alí Ana Hermida fará un achegamento ao alumnado das moitas e sobresaíntes, así como descoñecidas, mulleres que houbo ao longo da historia. Científicas, guerreiras, inventoras, aventureiras, deportistas, escritoras, músicas… todas teñen cabida nesta historia en feminino. Actividade organizada pola Anpa Balea para que o alumnado conmemore o 25N "Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a muller".
Porque a invisibilización é un xeito de violencia de xénero, estaremos visibilizando mulleres borradas da historia na biblioteca do colexio, para tres grupos de primaria, o xoves 26 de novembro ás 11:15 h.
luns, 23 de novembro de 2020
Conmemoramos o 25N "Contando en feminino" en Caión
Ana Hermida viaxará á
Caión, vila da Costa da Morte pertencente ao Concello da Laracha, para contar
historias desde a perspectiva de xénero e igualdade, onde o rol feminino
sexa, non o tradicional nos contos, senón algo igualitario, onde o final pode
cambiar e a protagonista non se vexa como algo inferior e sempre coas mesmas
identidades. Contos tamén para concienciar e loitar contra o abuso infantil e a
violencia de xénero. Actividade organizada pola Anpa Balea para que o alumnado
conmemore o 25N "Día
Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller".
A cita coa igualdade será o xoves 26 de novembro ás 09:45 h. na Biblioteca do Ceip de Caión.
sábado, 14 de novembro de 2020
Aberta convocatoria a persoas colaboradoras no proxecto "A Baiuca, lugar cultural"
O
proxecto "A BAIUCA, LUGAR CULTURAL" consiste en dinamizar o Lugar da Baiuca
coa cultura (teatro, arte, pintura, fotografía, clube de lectura feminista, arte urbana, poesía,
audiovisual...) mediante actividades formativas, exposicións, actuacións... A
veciñanza é de todas as idades, ámbitos e culturas, polo que pretendemos
mesturar a cultura galega coa das persoas de diversa procedencia, Arteixo é un
concello que se enriquece coas persoas que elixiron o noso concello para vivir.
Será un proxecto multicultural, interxeracional, interracial, feminista e
diverso.
Esta iniciativa conta co apoio de Medialab-Prado e o Ministerio de Cultura e Deporte, no contexto da acción de “laboratorios distribuídos”, e coincidirá no seu tempo de realización cun gran número laboratorios cidadáns en organizacións e institucións de España e Latinoamérica. ReviveBaiuca é un laboratorio dirixido á cidadanía, un obradoiro orientado á cooperación entre persoas diversas, principalmente da zona da Baiuca, e calquera outra persoa de calquera ámbito xeográfico neste mundo globalizado que queira aportar algo ao proxecto. Un lugar de encontro, experimentación e creación de solucións e alternativas concretas para mellorar a convivencia e a vida do Lugar da Baiuca, a antiga capital do Concello de Arteixo. Podes inscribirte aquí. Máis información e apuntamentos en revive.baiuca@gmail.com
luns, 26 de outubro de 2020
Nace ReviveBaiuca, se queres colaborar inscribe a túa proposta
Lisístrata Asociación convídate a participar en
ReviveBaiuca, un proxecto colaborativo orientado á cidadanía do Lugar da
Baiuca preferentemente, no que se poden presentar ideas para darlle pulo a este
lugar e reforzar o tecido veciñal.
Calquera persoa pode participar
manifestando as súas inquedanzas e aportando ideas sobre como desexaría que
fose a Baiuca, non hai límite de idade nin se precisa ter ningún coñecemento,
só precisamos a túa colaboración. Non é preciso vivir en Arteixo, pero o
proxecto debe desenvolverse na Baiuca, antiga capital do Concello de Arteixo.
Serán espazos onde todos aprenderemos de todas, onde cada idea terá a importancia debida para transformar o noso entorno, ti que botas en falta? que che gustaría mellorar? como o farías.
Algúns exemplos podrían ser: a mellora do noso entorno, crear lugares para desenvolver actividades culturais, recuperar os entornos naturais e urbanos...O feminismo e a ecoloxía formarán parte tranversal deste laboratorio.
Esta iniciativa conta co apoio de Medialab-Prado e o Ministerio de Cultura e Deporte, no contexto da acción de “laboratorios distribuidos”, e coincidirá no seu tempo de realización cun gran número laboratorios cidadáns en organizacións e institucións de España e Latinoamérica.
Inscríbe aquí o teu proxecto do 19 ao 31 de outubro
xoves, 22 de outubro de 2020
Pitusiña celebra o Día da Biblioteca no Concello de Pontecesures
Pitusiña é unha nena arrichada que sinte o galego,
pensa, fala e xoga en galego. "Fala ben, así non se di..." Está farta
de que sempre lle digan cousas que non entende e decide facer unha viaxe no tempo
pola nosa historia onde descubrirá personaxes moi interesantes que lle farán
comprender moitos porqués. Unha viaxe á que vos convida, queredes
acompañala? Espectáculo de monicreques e actriz.
A cita de Pitusiña co Concello de Pontecesures, pertencente á comarca de Caldas, terá lugar na Biblioteca Municipal do Concello de Pontecesures, será o venres 23 de outubro ás 12:00 h. e está dirxido ao alumnado do CPI de Pontecesures, onde celebraremos o Día da Biblioteca.
luns, 19 de outubro de 2020
Celebramos o Día das Escritoras na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela con "Palabra de Muller"
Celebramos o Día das Escritoras na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, con "Palabra de Muller", recital onde persoas representativas da cultura e sociedade galega prestarán a súa voz á obra das escritoras homenaxeadas este ano no Día das Escritoras, contribuíndo a visibilizar e difundir o seu legado cultural, destacar o valor das súas obras, recordar as dificultades ás que se tiveron que enfrontar e poñer en valor o esforzo cotiá das mulleres. A actividade está dirixida ao público adulto e coordinada por Ana Hermida, de Lisístrata Asociación en colaboración coa Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal.
Este día é unha iniciativa da Biblioteca Nacional de España (BNE), a Federación Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e a Asociación Clásicas e Modernas (CyM).
Leremos textos de Anisia Miranda, Blanca Varela, Sor Juana Inés de la Cruz, Mercé Rodoreda, Enriqueta Otero, Idea Vilariño, Rosalía de Castro, Luísa Villalta, Josefina Carabias, Luz Pozo, Filomena Dato, Concepción Arenal, Ana María Matute, Xohana Torres, Emilia Pardo Bazán, Dulce María Loynaz, Circe Maia, Hildegart Carballeira, Luisa Carnés, Errose Bustintza, Mariví Villaverde, Vitorina Durán, Ida Vitale, Carmen Baroja y Nessi, Gloria Fuertes, Elena Fortún, Pura Vázquez, Concha Méndez, Teresa de Jesús.
Será o luns 19 de outubro ás 19:30 h no salón de actos da Biblioteca, o aforo será limitado e o acto desenvolverase según o protocolo Covid.
martes, 1 de setembro de 2020
"Contando en feminino" na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela
Ana Hermida contará historias desde a perspectiva
de xénero e igualdade, onde o rol feminino sexa, non o tradicional nos contos,
senón algo igualitario, onde o final pode cambiar e a protagonista non se vexa
como algo inferior e sempre coas mesmas identidades. Contos tamén para
concienciar no feminismo e loitar contra o abuso infantil e a violencia de
xénero.
A cita cos contos e coa igualdade será o sábado 05 de setembro ás 12:00 h. no salón de actos da Biblioteca Pública de Santiago de Compostela.
luns, 10 de agosto de 2020
Convocatoria do II Premio de Oratoria "Filomena Dato"
En agosto do 2020 convocamos o II PREMIO DE ORATORIA “FILOMENA DATO”, o primeiro que leva o nome da poeta, para alumnado dos diferentes ciclos do Ensino e para centros públicos ou privados (Primaria, Secundaria, Fp e Bacharelato) de Galicia e do exterior, coa intención de promover a expresividade e a expresión –poética, narrativa e discurso– do Idioma Galego e o Feminismo, ademáis de render homenaxe á “poeta das Mariñas”, un dos escasos referentes da literatura feminina e feminista do S. XIX e a segunda escritora, despois de Rosalía, que publicaría un libro en galego nese século. O tema deste ano será: "Mansplaining". No verán de 2020 convidamos á Real Academia Galega a que inclúa este termo no seu diccionario.
Para máis información e inscrición consulta as Bases.
O prazo máximo de inscrición, que se fará no correo electrónico filomena.dato.muruais@gmail.com, será o día: 01/07/2021 e o acto de entrega farase coincidir co domingo máis próximo ao 26 de xullo, aniversario do nacemento de Filomena (no 2021 será o 25 de xullo).
O deseño e ilustración é obra do artista
gráfico: Iván del Río.
martes, 4 de agosto de 2020
O feminismo e a oratoria déronse cita en Arteixo no acto de entrega do I Premio de Oratoria Filomena Dato
Deixamos adianto da próxima reportaxe fotográfica coas persoas premiadas, de esquerda a dereita: Xabier Alexandre Almeida Rodríguez, do CPI José García García de Mende, Ourense (Cat. poesía), Irene González Calvo, do Ies Salvador de Madariaga da Coruña (Cat. oratoria) e Diego Parada Burés, do centro educativo Liceo La Paz, da Coruña (Cat. oratoria).
luns, 27 de xullo de 2020
Estivemos coas nosas "Feministorias" na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela
venres, 24 de xullo de 2020
Acto de entrega do I Premio de Oratoria “Filomena Dato”
mércores, 22 de xullo de 2020
Pitusiña visita o Concello de Boimorto
A cita de Pitusiña co público infantil da Comarca de Arzúa será o venres 24 de xullo ás 11:00 h., no CPI Armando Cotarelo Valledor do Concello de Boimorto.
venres, 3 de abril de 2020
Mantense aberto o prazo de presentación do I Premio de Oratoria "Filomena Dato"
A inscrición farase no correo electrónico filomena.dato.muruais@gmail.com e deberá estar entregada a gravación, sempre mellor -de planos- en corpo enteiro, correspondente ao tema indicado, cunha duración máxima de 5 minutos, así como o traballo por escrito e a ficha do anexo, debidamente cuberta, que se pode descargar na páxina da organización convocante http://lisistrata-asociacion.blogspot.com/p/premio-filomena-dato.html. O deseño e ilustración é obra do artista gráfico: Iván del Río.


































